A mina que afundiu a estrada no Courel ampliouse sen permiso e puña o persoal en perigo

Afundimento o 20 de marzo de 2022 da estrada LU-651, principal vía de comunicación do Courel © Concello de Folgoso

O TSXG condena a empresa a pagar 330.000 euros en multas por escavar zonas non autorizadas ao tempo que o Goberno galego lle esixe 6,6 millóns polos danos á estrada, cuxas obras aínda non contratou catro anos despois

O 20 de marzo de 2022 a estrada LU-651, a principal vía de comunicación do Courel, entre Quiroga e O Cebreiro, afundiu un par de quilómetros antes de chegar a Folgoso. Baixo ela colapsaran as galerías dunha canteira e mina de lousa que, segundo agora vén de ratificar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), foran ampliadas sen autorización e supoñendo un "risco laboral grave" para os seus traballadores.

Por esa obra sen permiso e por non dispoñer no lugar da documentación de seguridade preceptiva a empresa explotadora, Ultransa SL, é condenada a pagar dúas multas que suman 330.000 euros. Ademais, a Xunta reclámalle 6,6 millóns de euros polos danos á estrada, cuxas obras de reparación definitiva aínda non contratou máis de catro anos despois. 

Sentenza sobre o afundimento da estrada LU-651 por obras non autorizadas na mina que había baixo dela CC-BY-SA Imaxe: Concello de Folgoso | Montaxe: Praza Pública

Tras o afundimento da estrada, que tamén deixou a Folgoso sen internet, a Xunta habilitou un desvío provisional. Ao tempo, o seu departamento de Minas realizou unha inspección da explotación que rematou con dúas sancións contra as que recorreu a empresa e que agora veñen de ser ratificadas polo TSXG.

A sentenza reflicte que días antes do afundimento se detectaran nas galerías "valores de desprazamento maiores do normal" e que "deran a orde de abandonar" os traballos

Por unha banda, Ultransa SL é sancionada por unha infracción moi grave "por non axustarse a actividade da empresa ao proxecto de explotación aprobado e levar a cabo traballos sen autorización previa da autoridade mineira", que consistiron na ampliación de cámaras subterráneas sen suficiente sustento e malia que "foron detectados na estación de control valores de desprazamento maiores do normal días antes do incidente". Ese tipo de infracción podía ser sancionada con multas de entre 300.001 e un millón de euros e a Xunta decidiu impoñer o importe máis baixo posible.

Sobre esa cuestión a sentenza di tamén que "impedir que a autoridade mineira coñecera as condicións de seguridade existentes no establecemento tamén derivou por unha parte en dano aos bens (afección á estrada) e por outra supuxo un "risco laboral grave para a seguridade e saúde dos traballadores". A sentenza reflicte que un técnico de Ultransa que acompañou o inspector recoñeceulle "deran a orde de abandonar a labor ao persoal unha vez detectada a incidencia que derivou nese afundimento".

Vista xeral do corte producido na estrada LU-651 ao afundir a mina que había baixo dela © Concello de Folgoso

Tamén impuxo unha infracción grave "por non ter dispoñible no centro de traballo nin aos traballadores nin á inspección de minas ou os servizos de emerxencias dos proxectos autorizados, disposicións internas de seguridade ou plans de labores autorizados". Unha falta de documentación no lugar da explotación que dificultaría "coñecer as condicións esenciais de seguridade da instalación se sucede un sinistro". Ao igual que coa infracción moi grave, a Xunta tamén deixou esta infracción grave no límite máis baixo das sancións posibles, previstas na lei entre 30.001 e 300.000 euros.

No proceso xudicial a empresa alegou entre outras cuestións unha suposta "duplicidade de sancións" por parte da Xunta porque, ademais das multas do departamento de Minas, a Axencia de Infraestruturas tamén lle incoou un expediente de reclamación de danos polos producidos sobre a estrada valorados en 6.661.725,90 euros

A sentenza rexeita ese argumento e di que o expediente sancionador "responde a unha natureza e unha finalidade diversa á de reparación". "Se a empresa incorreu na infracción que se lle imputa, nada impide á Administración cualificar a súa conduta infractora nos termos nos que o fixo aínda existindo ese outro procedemento en paralelo, destinado só á reparación do dano", conclúe o tribunal. 

Coa reconstrución da estrada pendente aínda de contratar máis de catro anos despois, Rueda puxo esta actuación como exemplo da "celeridade" da Xunta

Neses 6,6 millóns reclamados por danos pola Xunta estarían incluídas tanto as actuacións máis urxentes que permitiron abrir un desvío provisional catro meses despois do afundimento como a reparación definitiva da estrada, coa elaboración dun proxecto técnico, as expropiacións necesarias e a execución das obras. Estes últimos traballos foron cuantificados en 5,2 millóns de euros e a Xunta foi prognosticando sucesivas datas de comezo de momento incumpridas

Hai un ano, cando comezou coas expropiacións, asegurou que pretendía licitar a execución da obra en 2025, pero o concurso aínda non foi convocado. Porén, o propio presidente Rueda puxo como exemplo a "celeridade" da Xunta con esta obra fronte a outras actuacións do Ministerio de Transportes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.