Rueda defende a "celeridade" da Xunta en obras como a estrada afundida desde hai dous anos no Courel

Afundimento da estrada LU-651 no Courel hai agora dous anos © Concello de Folgoso

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pronunciouse este xoves sobre diversos problemas que veñen sufrindo estradas de titularidade autonómica e asegurou que o Goberno galego está a actuar con "celeridade" nelas, valoración que contrapuxo coa lentitude coa que cre que traballa o Ministerio de Transportes para repoñer os viadutos da A-6 en Pedrafita.

Viaduto afundido na OU-536 en Xunqueira de Espadanedo © Guardia Civil

O presidente di que non son comparables os problemas nas estradas autonómicas co afundimento da A-6, na que o Estado rematou un dos dous viadutos en ano e medio e promete o outro para este ano

Hai dúas semanas afundiu unha ponte da estrada OU-536 que comunica Ourense con Trives mentres a Xunta acometía nela obras de estabilización. Hai uns meses tamén afundiu unha ponte na PO-300 en Ponte Arnelas, Vilanova de Arousa. E hai agora dous anos, en marzo de 2022, afundiu a estrada LU-651, principal vía de comunicación do Courel. Neste último caso, dous anos despois a Xunta aínda nin encargou as obras de reconstrución e non conta con que estea definitivamente reparada ata "finais do vindeiro ano" 2025, case catro anos despois do afundimento.

Por todos estes e outros problemas similares foi preguntado Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves, na que se incidiu nas críticas que vén lanzando o Goberno galego ao central pola lentitude na reconstrución dos dous viadutos paralelos da A-6 en Pedrafita. Nese caso, no que o afundimento se produciu en xuño de 2022, tres meses despois que o afundimento na estrada autonómica do Courel, o ministerio rematou a reconstrución do primeiro viaduto en ano e medio, o pasado decembro, e prevé completar a do segundo este ano. 

"A nosa actuación á hora de resolver este tipo de incidentes é bastante mellor que a que está tendo a administración xeral do Estado", di Rueda

Malia estes feitos, Rueda considera que hai unha "diferenza importante, a celeridade coa que actúa a Xunta". Segundo o presidente, "non son cousas comparables" os afundimentos de estradas autonómicas co da autovía estatal e que nese caso "se tarde tantísimo tempo". "A nosa actuación á hora de resolver este tipo de incidentes é bastante mellor que a que está tendo a administración xeral do Estado", concluíu Rueda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.