Dous anos despois do afundimento da principal estrada do Courel a Xunta aínda nin encargou as obras de reconstrución

A conselleira de Infraestruturas a carón da estrada afundida cando en agosto de 2022 foi posto en servizo un desvío provisional CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras poñer en servizo en agosto de 2022 un desvío provisional, a Consellería de Infraestruturas anunciou que licitaría a solución definitiva a finais do pasado ano, pero iso aínda non sucedeu e agora asegura que a estrada estará reparada "a finais do vindeiro ano" 2025

O 20 de marzo de 2022 a LU-651, entre Quiroga e O Cebreiro, afundiu un par de quilómetros antes de chegar a Folgoso do Courel. Baixo a vía, a principal estrada que recorre o Courel de sur a norte, colapsaran as galerías dunha canteira e mina de lousa. Catro meses despois a Xunta, titular da estrada, habilitaba un desvío provisional, pero case dous anos máis tarde aínda nin encargou as obras de reconstrución definitiva da estrada. Farao, di agora, "este ano para que poida estar a estrada reconstruída a finais do vindeiro ano", 2025.

Estas demoras engádense ás que veñen acumulando as obras de ampliación da mesma estrada a continuación de Folgoso cara a Seoane do Courel, cun impacto ambiental "significativo", incidencias sucesivas que condicionan a mobilidade nunha zona con históricos problemas en todo tipo de servizos como as telecomunicacións ou a sanidade.

O afundimento de marzo de 2022 na LU-651, que comeza en Quiroga, produciuse arredor do punto quilométrico 18, uns dous quilómetros antes de chegar á principal poboación da zona, Folgoso do Courel. Ata ese punto a estrada fora mellorada hai dúas décadas, pero de Folgoso cara ao norte, pasando polas localidades de Ferrería Vella e Seoane do Courel ata rematar no Cebreiro, o estado da LU-651 é peor e con obras de ampliación tamén demoradas, polo que se pode dicir que o acceso sur é o principal do Courel.

Tras o afundimento do 20 de marzo de 2022 a Xunta construíu un desvío provisional de preto dun quilómetro de lonxitude e un millón de euros de investimento que foi habilitado a comezos de agosto daquel ano. Un mes máis tarde, en setembro, e tras os estudos correspondentes, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, informaba de como sería a solución definitiva, cun novo trazado da LU-651 a media ladeira, por riba do lugar polo que transcorría a estrada antes do seu afundimento. Tamén avanzaba a "previsión de poder licitar as obras de reconstrución da LU-651 a finais do vindeiro ano, cun prazo de execución de entre 10 e 12 meses" e cun investimento duns 5 millóns de euros.

Afundimento da estrada LU-651 un par de quilómetros antes de Folgoso do Courel © Concello de Folgoso do Courel

Infraestruturas ten aínda pendente a información pública da obra para a expropiación dos terreos necesarios e argumenta que "a redacción do proxecto foi complexa" pola xeoloxía e a proximidade da Rede Natura

Pero rematou 2023 e pasou aquel prazo de licitación das obras sen que a Xunta dese aínda ese paso, polo que Praza.gal preguntou á consellería pola demora e a súa resposta é que o proxecto de reconstrución "está actualmente en supervisión, de xeito previo ao seu sometemento a información pública a efectos expropiatorios". Con esa tramitación ordinaria da obra aínda pendente a licitación aínda se prevé realizar "este ano para que poida estar reconstruída a finais do vindeiro ano", xa que o prazo de execución segue estimado en 12 meses. A Xunta xustifica que "a redacción do proxecto foi complexa, xa que foi preciso acadar un coñecemento profundo do comportamento do terreo, tendo ademais un especial coidado pola proximidade da Rede Natura".

Canto ao procedemento de petición de responsabilidades á empresa da mina afundida, a consellería di que está a conformar o expediente. "Aínda que o prazo para incoar é de 3 anos dende que se produce o dano, unha vez que está redactado o proxecto de restitución, xa se ten unha valoración precisa do dano producido, e vaise proceder a incoar o expediente", asegura.

Ademais da "reconstrución da LU-651" aínda pendente pouco antes de chegar a Folgoso, desde esa localidade cara ao norte veñen acometéndose nos dous últimos anos traballos de ampliación da estrada. Unha actuación que foi autorizada ambientalmente en xullo de 2021 malia admitir a Xunta que tería un efecto "significativo" na Rede Natura e "severo" no patrimonio cultural.

Obras na LU-651 a partir de Folgoso do Courel nunha imaxe de hai un ano CC-BY-SA Xunta de Galicia

A estrada está a ser ampliada cara ao norte de Folgoso cunha actuación demorada que provoca cortes de tráfico e da que a Xunta admite que ten un efecto "significativo" na Rede Natura e "severo" no patrimonio cultural

Os traballos nese treito máis setentrional da estrada dividíronse en dúas fases. Unha primeira fase vai de Ferrería Vella a Seoane do Courel, entre os puntos quilométricos 29,7 e 33,2, cuxo inicio axustouse no tempo, a petición do Concello de Folgoso, co remate do acceso provisional construído tras o afundimento da estrada polo sur. Nesa primeira fase a previsión da Xunta é que as obras "rematen no outono, xa que no verán se realizarán os traballos de ampliación dunha das pontes, así como as voaduras que rematarán o movemento de terras". Uns traballos que se realizarán no verán "para que non afecten ao transporte escolar"

Para a segunda fase, entre Folgoso e Ferrería Vella, entre os puntos 21,6 e 29,7, aínda agora vén de asinarse o contrato para a redacción do proxecto e a Xunta non ofrece ningunha estimación de remate das obras. Uns traballos que na primeira fase veñen producindo diversos cortes na circulación e dificultando aínda máis a mobilidade no Courel, uns problemas que se prolongarán aínda varios anos máis tanto polas obras de reconstrución da estrada xusto ao sur de Folgoso como polo treito aínda pendente de ampliación a continuación cara ao norte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.