Só o tráfico en dirección á Meseta poderá circular pola autovía e só por un carril, xa que parte da estrutura agora rematada será empregada para axilizar os traballos na ponte paralela, que o ministerio espera ter en servizo antes de rematar 2024
Ano e medio despois de que a A-6 quedase cortada ao tráfico pola caída dun viaduto nas proximidades de Pedrafita, este sábado 30 de decembro a autovía será reaberta moi parcialmente ao tráfico. Só os vehículos en dirección á Meseta poderán circular por ela empregando un só carril, mentres que os que circulan cara a Galicia deberán seguir utilizando o desvío habilitado pola vella N-6. Así o anunciou nunha visita ás obras o propio ministro de Transportes, Óscar Puente, que espera que antes de rematar o próximo ano estea finalizado tamén o segundo viaduto e a autovía poida recuperar toda a súa funcionalidade.
Foi o 7 de xuño de 2022 cando, tras meses de obras de mantemento que o tiñan cortado ao tráfico, un dos dous viadutos paralelos do Castro colapsou sen causar feridos. A investigación oficial concluíu que se producira "unha degradación do material por riba do esperado" por "filtracións froito dun mantemento non axustado" ás necesidades dunha zona na que se empregan materiais fundentes para evitar a formación de xeo.
Tras o derrubamento o Ministerio de Transportes cortou ao tráfico tamén o viaduto paralelo e habilitou distintos desvíos pola antiga N-6 polo centro da vila de Pedrafita. E puxo en marcha os traballos de reconstrución das dúas pontes que agora veñen de rematar en tempo récord para unha delas. Pero a necesidade técnica de empregar o viaduto agora finalizado para axilizar a construción da segunda estrutura paralela levará a que só se poida empregar un dos seus carrís, en dirección á Meseta. O tráfico cara a Galicia deberá seguir empregando o desvío pola N-6.
O viaduto agora rematado poderá acoller un carril por sentido "en primavera"
Segundo o comunicado este venres polo ministro, "en primavera" está previsto que xa non sexa necesario empregar o primeiro viaduto xa rematado para construír o segundo, polo que a calzada en sentido Madrid poderá ser habilitada cun carril en cada sentido para que os vehículos en dirección Galicia xa non teñan que empregar a N-6. Despois, "a finais de 2024", está previsto rematar o segundo viaduto e a infraestrutura estará "totalmente operativa".
Na súa visita ás obras Puente non só se referiu a esta actuación senón que salientou os investimentos que o ministerio está a facer ou ten planificados para mellorar a A-6 en Galicia e Castela e León, con 252 millóns de euros para reparar os viadutos de Pedrafita, outras pontes similares ou rehabilitar o firme, moi deteriorado en diversos treitos.
Puente tamén asegurou que a finais do próximo ano o ministerio poderá licitar as obras do primeiro treito da A-76 Ourense-Ponferrada nas proximidades da segunda desas localidades, en León. Esta é unha infraestrutura que vén recibindo un importante rexeitamento polas súa posible afección, nos seus treitos ourensáns, á Ribeira Sacra.
Invitada á visita que o ministro fixo ás obras, a conselleira de Infraestruturas asegura que a reapertura "representa un risco para a seguridade viaria"
Na visita do ministro deste venres participou José Ramón Gómez Besteiro, deputado e candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, así como a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que leva meses amosándose moi crítica co ministerio. Vázquez puxo o foco en que a reapertura da autovía será só do 20% dos 5 carrís con que contaba a infraestrutura nese punto (3 de subida cara a Pedrafita e 2 baixada cara a León). A conselleira tamén asegurou que isto "representa un risco para a seguridade viaria", pero no comunicado divulgado pola Xunta non se aclara se Vázquez culpa da posible sinistralidade que se produza ao ministro ou aos técnicos do ministerio.
Pola súa banda, o BNG atribuíu a reapertura do viaduto ao acordo asinado co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez.