O itinerario alternativo habilitado supón un desvío de algo máis de dous quilómetros e uns 5 minutos
Un viaduto da estrada OU-536 entre Ourense e Trives, ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo, afundiu na mañá deste luns mentres a Xunta acometía nel obras de estabilización dun estribo. O tráfico estaba cortado desde o pasado venres e habilitado un desvío alternativo de algo máis de dous quilómetros de lonxitude que afecta á circulación pola principal estrada ao sur do río Sil, que conecta con Castro Caldelas ou San Xoán de Río.
A pasada semana a Consellería de Infraestruturas informou de que desde o venres quedaría cortada ao tráfico a ponte da OU-536 no seu punto quilométrico 22, en Xunqueira de Espadanedo, por obras para "asegurar a estabilidade dun dos estribos coa fin de solucionar definitivamente os problemas xurdidos nos últimos meses".
O venres a Xunta cortou por completo ao tráfico a ponte para iniciar obras de reparación, e este luns afundiu
A propia Xunta lembraba que o pasado ano realizara unha renovación fonda da capa de rodaxe da estrada e detectara "un badén no firme". "Facendo seguimento a esa actuación constatouse que o firme estaba a repisar, polo que se realizou unha inspección para coñecer o alcance do problema, onde se comprobou a necesidade de acometer unha actuación de calado nun dos estribos da ponte", no que en xaneiro se constatou "a deformación dun dos muros".
Nun primeiro momento restrinxiuse a circulación a un único carril con tráfico alternativo. E desde o pasado venres cortouse por completo o tráfico para comezar os traballos de reparación, habilitándose un desvío polas estradas provinciais OU-0106 e OU-0153 que segundo a propia Xunta supón "arredor de 5 minutos de traxecto e pasar de 1,4 a 3,8 quilómetros percorridos".