As áreas sanitarias de Vigo e Lugo, as máis atinxidas por uns peches estivais que Sanidade defende porque "o 100% están dispoñibles se o require a demanda"
O peche anual de camas polo verán xa ten cifras. A propia Consellería de Sanidade resúmeo asegurando que "o número de camas operativas nos hospitais galegos manterase por riba do 90%" no período estival. Esta porcentaxe, que dificilmente traslada a poboación xeral ao ámbito do concreto, é traducida pola a CIG-Saúde a número máis comprensibles: serán unhas 550 camas hospitalarias fóra de servizo.
Como adoito, a batalla en torno a estes peches é dialéctica e de conceptos. Sostén Sanidade que non cabe falar de camas pechadas, toda vez que "manterá o 100% dispoñibles se así o require a demanda asistencial". Pero non todas elas estarán "operativas". Esas non operativas son as que comunmente se engloban no total de camas pechadas, "inxustificable" para a central sindical "nunha realidade asistencial con graves problemas de saturación".
Como amosa o mapa que acompaña estas liñas, en cifras relativas a área con maior impacto dos peches estivais de camas é a de Lugo, un 12% non "operativas", en termos do Sergas. Isto implica que nos hospitais de Lugo, Burela e Monforte queden, a priori, sen funcionar 132 camas, segunda cifra máis avultada só por tras da área de Vigo, con 180 peches (segundo o Sergas, equivalente ao 10% do total).
A área de Ourense é a única que non prevé ter camas "non operativas" no verán
O complexo hospitalario que atende a segunda cidade máis poboada, o da Coruña, ten unha previsión porcentual de peche idéntica á de Vigo, do 10%, pero no seu caso equivale a unhas 92 camas "non operativas", segundo os datos concretos recompilados pola CIG. Na área de Santiago os peches serán 88 (un 9,1% do total, di o Sergas).
Mas areas de menor dimensión, Ferrol e Pontevedra, deixarán de estar funcionando con normalidade 32 e 26 camas, respectivamente. Mentres, como xa sucedera nalgún outro ano, a área sanitaria de Ourense non prevé deixar ningunha cama fóra de servizo.
Preguntada ao respecto por Praza.gal, a Consellería de Sanidade salienta que esta "planificación" responde a "estudos exhaustivos de actividade de anos anteriores" e "garante a calidade asistencial durante o verán, período no que se concentran as peticións de vacacións do persoal". Asemade, agrega que "como medida de garantía fronte á posibilidade de que ocorran situacións excepcionais e imprevisibles, os centros hospitalarios tamén dispoñen de Plans de Continxencia que permiten adoptar medidas de xeito áxil de ser preciso".
CIG-Saúde advirte das "consecuencias" do peche anual, como "máis presión sobre as urxencias e atrasos de ingresos" e pon o foco no seu impacto na área de Vigo ao cadrar co traspaso de case 8.000 pacientes de Povisa ao Álvaro Cunqueiro
Nun sentido semellante, o presidente da Xunta respondía este luns a preguntas da prensa que a decisión de pechar 550 camas no verán se "basea na experiencia de xestión doutros anos" e ademais é "flexible e adaptable segundo as circunstancias". "Que ninguén teña ningunha dúbida que a atención sanitaria queda perfectamente garantida, igual que facemos reforzos en centros de saúde en lugares especialmente turísticos", sostén Alfonso Rueda.
CIG Saúde, pola súa banda, ve "especialmente grave" o que, ao seu xuízo, non deixa de ser "unha redución da capacidade hospitalaria". "Non é unha medida puntual nin responde exclusivamente á diminución de actividade cirúrxica programada durante os meses de verán", senón que se trata "dunha decisión estrutural que se repite ano tras ano e que ten consecuencias" coma un "incremento da presión sobre urxencias, atrasos de ingresos hospitalarios e aumento da carga de traballo" do persoal. "Esta política -resaltan- vai acompañada dunha insuficiente cobertura de vacacións e ausencias de persoal".
Este ano, concretamente, CIG-Saúde pon o foco nas implicacións dos peches de camas na área sanitaria de Vigo. "É especialmente preocupante tendo en conta que afronta unha importante presión asistencial derivada da incorporación ao CHUVI de máis de 8.000 pacientes procedentes de Povisa" tras o primeiro período de mudanza voluntaria tras a renovación do concerto con este hospital privado concertado e coas polémicas da súa empresa propietaria, Ribera Salud, como pano de fondo.