A semana remata cuns 600 casos activos de coronavirus no ensino, na liña da última quincena

Aula baleira e casos de coronavirus no ensino CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Como no global da sociedade, a estabilidade é a nota dominante nos centros educativos, con 37 aulas pechadas

A estabilidade é a nota dominante nos efectos da COVID-19 sobre os centros de ensino, ao igual que no global da sociedade. A semana rematou, segundo os datos oficiais da Xunta divulgados este sábado, con 608 casos activos, cifra similar, arredor dos 600, ás que se veñen rexistrando desde hai dúas semanas. Porén, a Xunta non facilita os novos positivos que se detectan, polo que as altas de contaxios anteriores poden deturpar a visión de conxunto. 

Por outra banda, ao analizar a incidencia acumulada da enfermidade por grupos de idade, nos últimos días as cifras máis elevadas correspóndense coas persoas de entre 0 e 19 anos, con valores moi próximos aos 140 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, por riba da media do global da poboación galega que está en 96 casos.

En total hai 37 aulas pechadas, seis menos que como comezou a semana, e só un centro educativo pechado por completo, unha pequena escola infantil unitaria de Cerdedo por un único caso positivo.

O centro educativo máis afectado é o CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal de Oleiros, con 17 casos activos e 3 aulas pechadas

O centro educativo máis afectado é o CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal de Oleiros, con 17 casos activos e tres aulas pechadas, similar número de casos que o CEIP de San Roque de Vilanova de Arousa, aínda que nese caso sen aulas pechadas. O máximo de aulas pechadas rexístrase no IES San Paio de Tui, con catro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.