O 26 de xuño de 1926 publicouse o Decreto-lei de redención forzosa de foros que supuxo a fin dun sistema de propiedade compartida da terra de orixe medieval (iniciado no século XII) mediante o cal moitos labregos (foreiros) pagaban unha renda anual, sobe todo en especie, polo arrendamento das leiras que traballaban aos propietarios (foristas)
O 26 de xuño de 1926 publicouse o Decreto-lei de redención forzosa de foros que supuxo a fin dun sistema de propiedade compartida da terra de orixe medieval (iniciado no século XII) mediante o cal moitos labregos (foreiros) pagaban unha renda anual, sobe todo en especie, polo arrendamento das leiras que traballaban aos propietarios (foristas). Denominábase foro ao propio contrato, de longa duración (a vida de tres reis máis 29 anos) e ás veces perpetuo, que establecía as condicións para a cesión destas terras e a contrapartida que recibían os seus donos.
Coincidindo co centenario da aprobación do decreto, o mes pasado o grupo Histagra organizou o seminario A longa historia do foro: A epopea da propiedade en Galicia no centenario do decreto da redención foral, organizado coa colaboración da Facultade de Xeografía e Historia e o CISPAC. O encontro, coa participación de numerosos expertos e expertas, serviu para facer un repaso histórico deste sistema de propiedade, do proceso que levou ao seu remate e das consecuencias que tivo, ata a actualidade, na estrutura da propiedade da terra e na vida do campesiñado galego.
Coñecer a historia do foro é coñecer a historia de Galicia, da súa produción de alimentos e da maneira de xestionar a terra e o territorio e a través da súa evolución pódese seguir tamén o devir da propia historia do país
Coñecer a historia do foro é coñecer a historia de Galicia, da súa produción de alimentos e da maneira de xestionar a terra e o territorio e a través da súa evolución pódese seguir tamén o devir da propia historia do país. Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC e na actualidade director científico do CISPAC, sinala a este respecto que o foro galego é un modelo "común" a outros territorios europeos, pero ao tempo "singular". Nace nun momento no que os señores "necesitan fixar campesiños na terra e ter servidume, así poder vivir das súas rendas", explica, indicando que "a forma de facelo era cunha renda a longo prazo, que nace nun momento no que a situación está máis estabilizada".
Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea, destaca en conversa con Praza.gal que o foro "existiu durante case sete séculos, pero non foi sempre o mesmo, tivo capacidade de adaptarse, de mudar, de resistir". Nese senso Villares sinala, ademais, que "durou porque foi progresivamente perdendo a súa condición feudal, unha compoñente señorial, digamos, de que os foreiros fosen vasalos ata seren rendeiros, pagadores de rendas, vinculando a renda a unha terra. E isto foi logrado xa no século XVII".
Os campesiños ligan así o seu destino ao da terra na que traballan, aínda que a súa propiedade non fose súa de forma completa. "Pero tampouco era un alugueiro como podemos entendelo hoxe. Exístía un dominio eminente e un dominio útil e a realidade é que ningún dos dous tiña a propiedade, porque o concepto de propiedade como o coñecemos hoxe non nace ata o século XVIII, vencellado ao capitalismo", explica Fernández Prieto.
A historia do foro galego acabou deixando -tras o proceso de redención- un país de pequenos propietarios que traballaban as súas terras. Pero o desenlace puido ser outro.
A historia do foro galego acabou deixando -tras o proceso de redención- un país de pequenos propietarios que traballaban as súas terras. O foro permitiu que campesiños "que tiñan só forza de traballo e un pouco de control sobre a terra que traballaba, puidesen acabar sendo propietarios", di, Villares, destacando que "ao final foron recoñecidos como titulares e o proceso resultou finalmente favorable á cabeza do útil, é dicir, do campesiño, do que traballaba a terra". Pero o desenlace puido ser outro. Ramón Villares explica que noutros lugares de Europa con contratos agrarios semellantes, por exemplo a Toscana onde funcionaba o contrato da mezzadria, este acabou no século XX facendo non pequenos propietarios, senón grandes propietarios, grandes explotadores de terra".
Unha vez que os nobres e señores foron perdendo poder, a Igrexa e os mosteiros quedaron como os principais beneficiarios do foro (xunto coa fidalguía dos pazos e señores medianeiros) os maiores propietarios de terras de cultivo en Galicia. Así foi ata a desamortización de 1836; a partir de aí a nacionalización e posterior poxa das súas terras elevou o número de perceptores entre a fidalguía e a burguesía urbana.
Unha vez que os nobres e señores foron perdendo poder, a Igrexa e os mosteiros quedaron como os principais beneficiarios do foro (xunto coa fidalguía dos pazos e señores medianeiros) os maiores propietarios de terras de cultivo en Galicia. Así foi ata a desamortización de 1836
O sistema non só implicaba a imposibilidade do acceso á propiedade da terra para as persoas que as traballaban, senón que dificultaba o proceso de modernización do traballo agrario, pois a maior parte dos perceptores de foros non estaban interesados en tal cuestión e os pagadores de foros destinaban ao pagamento desta renda beneficios que poderían ter servido para a mellora do sistema de produción.
Aínda así, a produción agraria galega si foi modernizándose e mellorando os seus rendementos, debido ás boas condicións da terra ao bo facer dos labregos e tamén á introdución de novos cultivos procedentes de América -millo, pataca, pementos, novas leguminosas...- nos séculos XVII e XVIII. No campo galego realizábase xa naquel momento un proveitoso "policultivo", rotando producións, cultivándose a terra "como unha horta" de pequenas parcelas, destaca Fernández Prieto, cuns rendementos importantes que levaron a un grande incremento da poboación galega no século XVIII.
"O feito de que fose unha redención tan tardía é explicable porque xustamente fora cambiando e porque conseguiu situarse nunha posición na que non se sabía ben o que era: se era perpetuo ou se era temporal. Aparentemente era temporal, pero na práctica estaba desde a época de Carlos III nunha situación de interinidade legal, dicían os xuristas. Polo tanto, na práctica era perpetuo, pero non se podía dicir, porque se fose perpetuo, seria redimible e se fose temporal, poderíanse recuperar as terras por parte dos perceptores de renda", explica Villares, que engade que "no século XIX algúns grandes rendistas tentaron recuperar a terra que traballaban os campesiños, pero non o lograron".
Final do XIX, comezos do XX: A fin do foro
A loita contra o foro e a reivindicación da súa redención marcou a historia política de Galicia na segunda metade do século XIX e nas dúas primeiras décadas do XX. Especialmente dende a crise agraria de 1870, a "redención dos foros" situábase como unha das prioridades non só do movemento agrarista, senón doutras ideoloxías
A loita contra o foro e a reivindicación da súa redención marcou a historia política de Galicia na segunda metade do século XIX e nas dúas primeiras décadas do XX. Especialmente dende a crise agraria de 1870, a "redención dos foros" situábase como unha das prioridades non só do movemento agrarista, senón doutras ideoloxías, comezando polo propio rexionalismo e galeguismo. Xa no século XIX dende o Partido Liberal houbo intentos de modificar o sistema, pero estes sempre chocaron contra a posición dos grandes propietarios. "Se non se fixo antes non foi por resistencia dos campesiños, senón dos rendistas, porque resistían con esa idea de que eran aínda un pouco señores, porque tiñan un señorío", destaca Ramón Villares.
"Dende mediados do século XIX houbo progresivas tentativas de facer unha lei de redención do foro, pero se non se logrou foi pola falta de acordo entre os grandes partidos. A máis eficaz foi da Primeira República, pero foi despois bloqueada coa restauración; aínda así púxose en práctica durante seis meses, o que quere dicir que os foros eran susceptibles de ser redimidos, podía facerse por decisión política", di Villares. Tamén quixo impulsar o proceso en 1876 Montero Ríos, que xa vinculou a eliminación do foro "á crise agraria finisecular, aos cambios que estaban producíndose no mundo pola chegada a Europa de moitos produtos agrarios que ían poñer en solfa a agricultura europea, nomeadamente a galega, como así sucedeu", apunta.
A reivindicación impulsou a mobilización agrarista de organizacións como Solidaridad Gallega (1907-1912), Acción Gallega (1909-1914) ou o Directorio de Teis e tamén deu lugar á creación de moitas “sociedades de agricultores” confederadas
A reivindicación impulsou a mobilización agrarista de organizacións como Solidaridad Gallega (1907-1912), Acción Gallega (1909-1914) ou o Directorio de Teis e tamén deu lugar á creación de moitas “sociedades de agricultores” confederadas. Nesta loita destacaron figuras coma Basilio Álvarez (o cura de Beiro) ou o médico Xosé Rodríguez. En 1906 Monforte acolleu a I Asemblea Agraria de Galicia, á que seguiron outras cinco xuntanzas nos nove anos seguintes. "O agrarismo foi ben visto nalgúns casos: o católico polas dereitas, e o agrarismo máis reivindicativo polos liberais e polos republicanos, pero todo isto non conseguiu un consenso. E, polo tanto, quen rompeu finalmente o nó gordiano do foro foi a ditadura de Primo de Rivera", explica Villares.
En paralelo á loita política, moitos campesiños iniciaran procesos privados de redención dos foros, realizando pagamentos para a adquisición das súas terras, con cartos que en moitas ocasións chegaban dende a emigración, nese momento sobre todo dende Cuba, e grazas á presión que exercían as sociedades agrarias. "Nos foros combínanse dúas cousas moi importantes na historia de Galicia: a figura do campesiño e a figura do emigrante, que dalgún xeito son os grandes protagonistas sociolóxicos da sociedade galega do século XX", destaca Villares.
En paralelo á loita política, moitos campesiños iniciaran procesos privados de redención dos foros, realizando pagamentos para a adquisición das súas terras, con cartos que en moitas ocasións chegaban dende a emigración
Lourenzo Fernández Prieto apunta que a redención dos foros son en parte a culminación dun proceso de empoderamento dos labregos, que foran modernizando os procesos agrarios e que se "adaptan mellor ao capitalismo que os fidalgos aos que pagaban rendas". "Os labregos van para arriba e os fidalgos van para abaixo e o foro como institución estaba xa vencido, só faltaba a decisión política de poñerlle fin e faino a ditadura de Primo de Rivera que, ademais necesitaba lexitimidade política", resume.
"Foi unha decisión política, pero foi unha decisión tardía, debía terse feito antes, ou podía terse feito antes", di Villares pola súa banda. "Que a oficializara Primo de Rivera ten certa lóxica, porque sobre todo Calvo Sotelo coñecía bastante o problema e foi o inspirador do decreto de redención do foro. Primeiro, había unha prevención sobre a posibilidade de que tamén en Galicia houbese conflitividade social agraria, como había en Andalucía, e como había en parte en Cataluña ou en Valencia. E en segundo lugar porque eran favorables á pequena propiedade", explica
"Foi unha decisión política, pero foi unha decisión tardía, debía terse feito antes, ou podía terse feito antes", di Villares
En abril de 1924 a ditadura de Primo de Rivera convocou unha asemblea rexional en Santiago de “técnicos, perceptores de foros y pagadores de foros con el fin de estudiar y proponer una fórmula eficaz y justa para redimir dichas rentas y las a ellas análogas existentes en Galicia”. Unha parte do movemento agrarista reclamaba a abolición dos foros sen compensación para os propietarios, pero finalmente a fórmula escollida foi a do pagamento dunha indemnización, opción defendida polo agrarismo católico.
As contías fixadas polo decreto foron en realidade bastante elevadas, pero a decisión supuxo cando menos a fin dun sistema arcaico e moitas veces inxusto. En 1963 a Compilación do Dereito Civil de Galicia estableceu o ano 1973 como data límite para a extinción definitiva do foro. Nese momento, nos foros que non se resolveran a propiedade quedaría para o labrego.
"Moitas veces os labregos teñen mala fama, ou teñen boa fama, pero de forma condescendente, pero temos que valorar o que fixeron durante séculos tantas xeracións que traballaron a terra, que a melloraron, que a fixeron produtiva, que xestionaron o territorio. Temos que mudar a maneira en que contamos a historia dos labregos, a maneira en que contamos a nosa propia historia", remata Villares.
O foro e a definitiva redención foral contribuíron ademais a consolidar en Galicia un sistema de propiedade da terra moi fragmentado -o minifundio-, unha estrutura ademais cun gran número de propietarios -1,7 millóns de galegos teñen algunha propiedade rústica. "O foro influíu na estrutura actual da terra, sobre todo na medida en que evitou que a terra se aglomerase. é dicir, que a terra fose un latifundio: podía haber latifundio de rendas, pero non de terras. O foro influíu, pero influíu máis como exemplo que como obriga", explica Villares.
"En cambio, que haxa tantos propietarios é unha consecuencia, sobre todo, da división entre todas as comunidades campesiñas do terreo inculto, das pequenas tenzas de monte, e iso si que foi un drama", di. "O foro foi importante no destino da terra cultivada, que é apenas unha cuarta parte da superficie de Galicia. E cando falamos dese 1,7 millóns de propietarios, falamos sobre todo da terra non cultivada: montes, montes de veciños, montes de varas..., que foron divididos daquela maneira, seguindo o exemplo da terra cultivada e das pequenas leiras", engade.
"Os nosos tataravós conseguiron dar o impulso final a un proceso que os converteu en propietarios da terra que traballaban, e que nos converteu a nós, moitas décadas despois, tamén en propietatos. É unha terra que nos veu regalada por iso non a valoramos", conclúe Fernández Prieto.
"Moitas veces os labregos teñen mala fama, ou teñen boa fama, pero de forma condescendente -'mira ti, que pobriños'-, pero temos que valorar o que fixeron durante séculos tantas xeracións de labregos, que traballaron a terra, que a melloraron, que a fixeron produtiva, que xestionaron o territorio. Temos que mudar a maneira en que contamos a historia dos labregos, a maneira en que contamos a nosa propia historia", remata Villares.