A USC suspende cautelarmente a Luciano Méndez tras unha nova denuncia dunha alumna

Concentración na Praza do Obradoiro, o pasado ano, para pedir que Luciano Méndez deixe de dar clase na USC © Nós TV

Unha vez máis o docente dirixiuse en repetidas ocasións a unha alumna de primeiro curso referíndose ao seu escote

Luciano Méndez, profesor da Facultade de Económicas da USC, volve ser noticia por unha nova denuncia presentada por unha alumna. Este martes, nunha das clases de Matemáticas que imparte, o docente dirixiuse en repetidas ocasións a unha estudante de primeiro curso referíndose ao seu escote, dicíndolle "ou vas á última fila onde non te vexa, ou tápaste" ou afirmando que "se quería facer topless era libre de facelo, pero fóra da clase". A alumna increpada abandonou a aula, e o mesmo fixeron o resto dos seus compañeiros, agás un. Ademais, presentou unha queixa no Decanato da Facultade, anunciado que faría o mesmo na Oficina de Igualdade de Xénero da USC.

Tralo sucedido a Universidade reaccionou anunciando a suspensión cautelar do profesor e sinalando que "de xeito inmediato procederase a abrir un procedemento sancionador motivado polos feitos protagonizados polo docente", dada "a gravidade dos feitos" e ante a repetición destas condutas, que se veñen sucedendo nos últimos anos.

Esta decisión xa foi comunicada á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, así como á dirección do Departamento afectado, co obxectivo de que se adopten as medidas oportunas para que a docencia poida seguir impartíndose con normalidade por outros profesores á espera da resolución do procedemento sancionador, que será o que estude todas as probas pertinentes tanto da parte denunciante como da denunciada para achegar a oportunas garantías e unha resolución definitiva.

Luciano Méndez, nun dos vídeos que publicou en Facebook Dominio Público Praza Pública

A USC xa ten en marcha un expediente sancionador

Méndez foi denunciado no ano 2016 por un suceso moi semellante, que tivo lugar tamén nunha das súas clases en Económicas. Nese momento dirixírase a unha alumna dicíndolle "xa che dixen o primeiro día que me desconcentraba o teu escote" ou "empéñaste en traer escote ata o embigo". Xa nese momento o alumnado realizou varias accións de protesta, esixindo o cese do docente. E a USC suspendeu o profesor por un período de dous meses. Nese momento a Universidade foi criticada por non responder coa suficiente dureza.

Xa o ano pasado Luciano Méndez volveu poñerse no foco da atención mediática por mor da publicación duns vídeos na súa conta de Facebook nos que pedía a libre absolución dos cinco integrantes de 'La Manada', considerando que non houbo violación, senón sexo consentido, e acusando á vítima de ter presentado unha denuncia falsa

O ano pasado Méndez volveu poñerse no foco da atención trala publicación duns vídeos nos que pedía a absolución dos integrantes de 'La Manada'

Nese momento unha concentración estudantil pediu que o profesor deixase de dar clase na Universidade ao berro de "Luciano, querémoste fora das nosas aulas, da nosa universidade". A concentración esixía que a USC tomase "medidas contundentes e proceda á súa expulsión, xa que non imos tolerar ter na nosa universidade un mestre machista”. A Universidade condenou as palabras de Méndez e abriu un expediente informativo para valorar se existía algo punible nas súas declaracións, pero non foi sancionado

Ademais, o pasado ano foi detido pola Policía despois de agredir a dous axentes que lle indicaran que non podía aparcar nun espazo reservado. Finalmente, un mes despois foi de novo detido, desta volta acusado de violencia de xénero, caso no que foi absolto o pasado xullo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.