A Fiscalía acusa dun delito de violencia machista ao profesor da USC que defendeu á 'manada'

Luciano Méndez, nun dos vídeos que divulgou para defender á 'manada' Dominio Público Praza Pública
  • Méndez foi absolto destes feitos en xullo de 2019

O nome de Luciano Méndez, profesor da Universidade de Santiago, saltou á luz pública en 2016 polas súas declaracións machistas nas clases e a través dos medios de comunicación. Dous anos despois volveuno facer polo seu apoio público aos agresores da Manada entre ataques verbais á súa vítima. O pasado martes foi detido por un presunto caso de violencia machista, polo que agora o acusa a Fiscalía.

A sinalada polos axentes como agredida "solicitou o arquivo" da causa e que non fosen impostas medidas cautelares contra Méndez; a Fiscalía, baseándose no testemuño dos gardas, ve motivos dabondo para acusalo

A detención de Méndez, avanzada pola axencia Europa Press, produciuse este martes. Foi realizada por axentes do posto da Garda Civil de Brión. Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirman que o detido foi citado para este mesmo mércores a un xuízo rápido no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, con competencias en materia de violencia sobre a muller. No acto a sinalada polos axentes como agredida "solicitou o arquivo" da causa e que non fosen impostas medidas cautelares contra Méndez, sinalan as mesmas fontes.

Pero a Fiscalía, baseándose no testemuño dos gardas que interviñeron na detención, ve motivos dabondo para seguir adiante co caso. Ao non existir conformidade no xuízo rápido, o asunto será abordado "nun xulgado do penal para o seu axuizamento". Nese procedemento o Ministerio Público acusará a Luciano Méndez dun "delito de maltrato de obra no ámbito da violencia de xénero". 

Segundo o fixado no artigo 153 do Código Penal, unha eventual condena por este tipo de delito implica de seis meses a un ano de prisión ou, no seu defecto, entre 31 e 80 días de traballos en beneficio da comunidade. Supón ademais, "en todo caso", a "privación do dereito á tenza e porte de armas" entre un e tres anos.

A Fiscalía atribúe ao acusado un "delito de maltrato de obra no ámbito da violencia de xénero"

Esta detención produciuse apenas un ano despois de que Méndez protagonizase outro incidente tras o que tamén acabara detido. Daquela a causa fora a presunta agresión a dous axentes da Policía. Segundo transcendera, os funcionarios advertírano que non podía estacionar o seu vehículo nunha zona prohibida próxima á comisaría da Policía Nacional en Santiago. Méndez iniciara unha discusión na que terminou agredindo aos axentes, que resultaron feridos, segundo indicaran.

Méndez estivera no centro da opinión pública por publicar en Facebook varios vídeos manifestando o seu apoio aos integrantes dos agresores da manada, considerando que non cometeran unha violación, senón que practicaran sexo consentido e despois padeceran unha denuncia falsa. "Négome a chamala vítima" ou "ía buscando marcha" foran algúns dos seus comentarios sobre a muller agredida durante as festas de San Fermín de Pamplona no ano 2016.

Tras estes comentarios a Universidade de Santiago abriu unha investigación interna que acabou remitindo á Fiscalía por non poder sancionalo directamente, ao non producirse as declaracións nas aulas. "A min non me dá un tirón de orellas ninguén. Eu teño a razón", respondera Méndez daquela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.