Este domingo partiu do Porto do Xufre o Agitator, o veleiro na que o médico australiano Matthew Wright levará a cabo unha volta ao mundo en solitario e sen escalas durante os vindeiros oito meses, unha aventura que ata agora só completaron 180 persoas en todo o planeta
Matthew Wright é un médico de urxencias australiano (de Adelaida) de 56 anos de idade apaixonado da navegación a vela. Hai cinco anos chegou á Illa de Arousa co seu barco e namorou do lugar; dende entón garda aquí a embarcación durante o inverno e pasa longas tempadas na localidade, onde se "sente como na casa". Este domingo iniciou unha travesía que durante os vindeiros oito meses o levará a circunnavegar o planeta no seu veleiro, o Agitator, para retornar á Illa de Arousa.
Será unha viaxe en solitario e sen escalas, unha "aventura extraordinaria" que se pode seguir na web agitator.gal, que ofrece o seu posicionamento a través do GPS. Trátase dunha complexa empresa que ata o se agora tan só 180 persoas completaron con éxito. Ademais, o navegante irá documentando a súa expedición cunha cámara GoPro. Wright leva comida para oito meses, ademais de libros e audios que lle axuden a pasar as horas. Ademais, a embarcación conta cun radioteléfono para estar en contacto coa súa familia e asegurar igualmente a súa seguridade.
Wright é un médico de urxencias australiano (de Adelaida) de 56 anos de idade apaixonado da navegación a vela. Hai cinco anos chegou á Illa de Arousa co seu barco e namorou do lugar
En 2022 Wright inscribiuse na Golden Globe Race, unha regata en solitario, sen escalas e sen asistencia que segue a mesma ruta que agora navegará. Porén problemas de saúde impedíronlle participar nesa edición. Esta regata volve celebrarse este ano e os trinta barcos participantes este ano partirán de Les Sables d’Olonne (Francia) en setembro. Este ano decidiu emprender a súa aventura pola súa conta, sen participar na regata porque para el "o importante é ter a aventura, non participar nunha regata".
O Agitator foi preparado na Arousa nas instalacións do Varadoiro do Xufre para afrontar esta travesía coas máximas garantías de seguridade. No seu sasco leva unha mensaxe que resume perfectamente o espírito desta aventura: “Dende a Illa de Arousa”, no costado de estribor, e “Ata a Illa de Arousa”, no de babor. Entre os traballos preparatorios aos que se someteu o Agitator na Illa está a construción dun mamparo estanco na proa para evitar o afundimento se choca cun obxecto. Tamén conta con cintos de seguridade nas dúas liteiras, a babor e a estribor, para garantir a seguridade do navegante en caso de mal tempo ou en caso de capotamento.
Será unha viaxe en solitario e sen escalas, unha "aventura extraordinaria" que se pode seguir na web agitator.gal, que ofrece o seu posicionamento a través do GPS. Trátase dunha complexa empresa que ata o se agora tan só 180 persoas completaron con éxito
O Agitator partiu do Porto do Xufre este domingo 30 de agosto ao mediodía, escoltado por numerosas embarcacións da Illa de Arousa e despedido no peirao pola súa familia e por veciñanza da localidade. Dende o peirao lanzáronse 21 cohetes a xeito de celebración.
Serán preto de 50.000 quilómetros que o barco deberá percorrer nos vindeiros 240 días, atravesando "algúns dos mares máis esixentes do planeta": o sur de África, os Cuarenta Rugientes, o sur de Australia e Nova Zelandia, o Pacífico Sur e o mítico Cabo de Hornos antes de retornar de novo á Illa de Arousa.
A iniciativa conta co apoio do Concello da Illa de Arousa e da Escola de Navegación Tradicional Dorna
A iniciativa conta co apoio do Concello da Illa de Arousa e da Escola de Navegación Tradicional Dorna, que hai unha semana organizaron no Centro de Interpretación da Conserva da localidade unha charla na que Matthew Wright explicou os detalles da súa volta ao mundo. A cita contou cunha gran participación de público, que encheu o encontro de preguntas, curiosidade e interese por coñecer de primeira man esta extraordinaria aventura e tamén a experiencia persoal do patrón que está detrás deste desafío.
O Concello destaca que nos vindeiros oito meses o barco "converterase nun auténtico embaixador da nosa vila e nunha ferramenta de difusión e coñecemento a nivel internacional que valoramos moi positivamente". Así mesmo, subliña que "esta é tamén unha oportunidade única para promocionar a navegación a vela e a nosa tradición mariñeira, tan ben conservada e transmitida pola Escola de Navegación Tradicional Dorna".
"A Arousa tamén é un destino para navegantes, e este evento representa unha importante acción de promoción turística, que nos axuda a desestacionalizar e diversificar o turismo a través dunha actividade profundamente vinculada á nosa identidade mariñeira", engade.