O pasado 4 de xaneiro o propietario da administración de Loterías número 10 de Lugo, situada na rúa Lamas de Prado da capital lucense, denunciou á Policía que viña de sufrir un atraco. A primeiras horas da mañá, explicou, dous asaltantes irromperon no local e, a punta de pistola, obrigárono a abrir as caixas fortes do establecemento. O botín, afirmou, achegábase aos 400.000 euros.
O propietario denunciou que dous atracadores levaran uns 400.000 euros da súa administración de Loterías a punta de pistola
Nas semanas seguintes, no entanto, as noticias en torno ao suceso foron xirando. Comezou a transcender que a Policía sospeitaba que o loteiro estaba implicado no atraco ao seu propio negocio ata que, o pasado febreiro, acabou tendo a condición de investigado. Agora, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a titular do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo, Sandra Piñeiro, vén de arquivar a causa entre duros reproches ao corpo policial que, di, se baseou en meras "sospeitas" para implicar o propietario no roubo.
Segundo o extracto do auto divulgado polo TSXG, a "hipótese investigativa policial" consistiu en que "o denunciante estaría implicado nos feitos", pero a maxistrada conclúe que non existe "absolutamente ningún indicio racional de criminalidade" contra o loteiro. Tivo que citalo como investigado -imputalo- por imperativo legal, engade, porque previamente outro xulgado, o número 3, autorizara "diversas medidas" para pescudar "na súa presunta participación nos feitos por el denunciados".
Neste sentido, a xuíza mesmo coida que o loteiro puido sufrir unha "posible vulneración do dereito de defensa" por parte da Policía, dado que lle tomaron declaración "en sucesivas ocasións como denunciante" mentres, paralelamente, sostiñan "sospeitas policiais" contra el. Así, concorrería a "obriga de dicir verdade" por parte dun denunciante co dereito a non declarar contra si mesmo dunha persoa investigada. Ademais, tamén tomaron declaración á esposa do propietario da administración de Loterías como testemuña "cando xa había sospeitas policiais" contra el, "sen advertila da súa dispensa legal a declarar" para non incriminalo.
A maxistrada tampouco asume como válidos os argumentos da Policía baseados en "contradicións" do loteiro. Os axentes investigadores, coida, deberan atender ao "impacto de vivir un atraco con arma de fogo en calquera persoa" e que son "habituais as contradicións" en "vítimas de feitos traumáticos". "En particular, sobre se ambos atracadores ían encapuchados ou só un deles ou se levaban chalecos amarelos". "O que se afirma que son contradicións en ningún caso teñen a relevancia que se pretenden", resalta.
A maxistrada non ve "ningún indicio racional de criminalidade" contra o loteiro e advirte de que os axentes puideron vulnerar o seu dereito á defensa ao tomarlle declaración como denunciante mentres o investigaban como sospeitoso
Asemade, a instrutora invalida outro dos apoios da tese policial, o feito de que as cámaras de seguridade do local non funcionasen no momento do atraco. A Policía sospeitaba que o loteiro o sabía, pero os testemuños obtidos polo xulgado "exclúen o coñecemento de tal extremo por parte do denunciante nin a súa intervención", xa que a empresa de seguridade "informouno despois do atraco de que non funcionaban correctamente". "As sospeitas policiais en tal punto resultan desvirtuadas pola dilixencias de instrución practicadas", resume.
Por todo isto, a xuíza Piñeiro non ve motivo para proceder contra o loteiro nin tampouco para "imputar determinada ou determinadas persoas como autoras, cómplices ou encubridoras". Tamén considera que "dificilmente pode" concluírse a "implicación dun determinado vehículo no atraco" aínda que o sinalase a Policía e tampouco contempla que "o presunto implicado reciba ameazas e se concertase con quen presuntamente o ameaza para finxir o atraco". Por todo isto non atende as peticións da Policía Xudicial para autorizar medidas adicionais como xeolocalizar teléfonos ou obter informacións de contas bancarias e arquiva o caso.