A Xunta deixa en mans de Goberno central e universidades a limitación de movementos do alumnado polo coronavirus

Campus da USC © USC

O Goberno galego aínda non fixo oficiais outros anuncios que lanzou o sábado como a reapertura dos mercados de gando ou os permisos para a roza de limpeza de terreos

O pasado sábado a Xunta anunciou que decidira “interpretar como situación de necesidade a mobilidade entre provincias para que o alumnado universitario poida viaxar ao lugar no que se residía durante o curso para recoller apuntamentos e efectos persoais”. O Goberno galego salientaba que así “Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma en atender esta demanda do estudantado universitario e transmitida polas Universidades á Consellería de Educación”. Este mates o Diario Oficial de Galicia (DOG) rebaixa o anuncio e deixa en mans do Goberno central a decisión.

O DOG publica os diversos acordos adoptados na reunión do sábado do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) da Xunta para a crise do coronavirus. Boa parte deles refírense a toma de coñecemento por parte dese centro de coordinación de protocolos ou decisións xa adoptadas ou a adoptar nun futuro indeterminado por diversas consellerías. Tamén hai reclamacións ao Goberno central, como a de que deixen de estar en vigor as franxas horarias e os límites municipais para a práctica de deportes.

Aula nunha das facultades da Universidade de Santiago © USC

A Xunta pide á Delegación do Goberno que “manifeste expresamente a súa conformidade ou non" coa súa interpretación dos desprazamentos do alumnado, que deberán ser certificados persoalmente polas universidades

No caso do desprazamento do alumnado universitario, fronte ao anuncio realizado o sábado, a Xunta establece que sexa cada universidade a que habilite un procedemento para facilitar a mobilidade “emitindo certificación persoal e intransferible para a realización dunha soa viaxe, indicando a data e enderezo do aloxamento de destino”. E a continuación condiciona a medida por ela anunciada a que sexa autorizada “expresamente” polo Estado: “Darase traslado desta interpretación á Delegación do Goberno en Galicia, para os efectos de que manifeste expresamente a súa conformidade ou non con ela, facendo especial fincapé, tal e como se manifestou no Cecop, na necesidade de que este pronunciamento expreso teña lugar o máis axiña posible, tendo en conta a urxencia con que moitos estudantes galegos necesitarían facer os desprazamentos obxecto deste acordo”.

O sábado o Goberno galego aprobou protocolos ou autorizacións para actividades que o Goberno central permitiu que reabrisen durante a Fase 1 que entrou en vigor o luns da semana pasada pero que a Xunta adiou ata esta semana

Tras esa mesma reunión do sábado a Xunta anunciou tamén que permitiría os traballos de roza e limpeza de terreos portando unha declaración responsable e os mercados de gando, pero o acordo publicado este martes no DOG certifica que a regulación desas actividades quedou en mans da Consellería de Medio Rural, que tres días despois aínda non fixo oficiais esas medidas.

O acordo do sábado agora feito público tamén certifica a aprobación ese día de diversos protocolos ou autorizacións para actividades que o Goberno central permitiu que reabrisen durante a Fase 1 que entrou en vigor o luns da semana pasada pero que a Xunta adiou ata esta semana, como as bibliotecas e museos, os centros de visitantes e interpretación de parques e espazos naturais ou a actividade presencial da Academia Galega de Seguridade Pública.

Mercado de gando en Amio, Santiago © Concello de Santiago

Igualmente, a Xunta modificou o procedemento polo que o persoal público pode pedir que se revise se o seu posto de traballo e as súas circunstancias persoais son de risco. E aprobou que cando entre en vigor a Fase 2 de desconfinamento, paso que solicitou ao Goberno central que se dea o próximo luns, remate a liberdade horaria para a venda de produtos de primeira necesidade nas grandes superficies. O centro de coordinación tamén tomou conta da decisión de Portos de Galicia de non cobrar de xeito proporcional as súas taxas de ocupación dos espazos portuarios aos establecementos de hostalería que non poidan funcionar en cada fase.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.