As universidades emitirán certificados para que o alumnado poida desprazarse entre provincias a recoller apuntamentos

Aula nunha das facultades da Universidade de Santiago © USC

A Xunta pide ao Goberno central que a actividade deportiva non teña límites horarios nin xeográficos na mesma provincia e a Fegamp reclama do Goberno galego procolos claros para a loxística das eleccións, as escolas infantís e as persoas sen fogar

A Xunta, a través do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) da loita contra o coronavirus, no que están representadas outras administracións, acordou este sábado interpretar como unha situación de necesidade, casos para os que o estado de alarma permite o desprazamento entre provincias, os desprazamentos do alumnado universitario para recoller apuntamentos.

Segundo informa a Xunta, “o Cecop acordou interpretar como situación de necesidade a mobilidade entre provincias, limitada e debidamente xustificada, para que o alumnado matriculado nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (isto é, universidades de Santiago de Compostela, Vigo ou A Coruña) poida recoller os apuntamentos e efectos persoais no lugar no que residían ata o momento de suspensión das clases”.

Reunión este sábado 16 de maio do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) da Xunta fronte ao coronavirus CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego sinala que “cada universidade habilitará o procedemento correspondente, emitindo certificación persoal e intransferible para a realización dunha soa viaxe, indicando a data e enderezo do aloxamento de destino”. A autorización, di a Xunta, “será só para os efectos da recollida e desaloxo, no seu caso, dos aloxamentos contratados para o curso 2020/21, ou a recollida de materiais nas residencias universitarias”.

Quedará sen efecto a liberdade horaria para grandes supermercados e Medio Rural establecerá como se levantará a suspensión dos mercados de gando e a roza e limpeza de leiras

Xunto con esa medida, o Goberno galego tamén avanza outras que aínda deberán ser concretadas e publicadas no Diario Oficial de Galicia polos respectivos departamentos autonómicos con competencias en cada materia. Medio Rural desenvolverá unha normativa para levantar a suspensión dos mercados de gando e as actividades de roza e limpeza de leiras, para o que haberá que portar unha declaración responsable. Tamén quedará sen efecto a liberdade horaria para a venda de produtos de primeira necesidade que facilitaba a apertura dos grandes supermercados. Igualmente, a Xunta acordou elevar ao Goberno central unha consulta para que permita que a actividade deportiva poida desenvolverse sen franxas horarias nin límites xeográficos restrinxidos ao municipio de residencia.

Mercado de gando en Amio, Santiago © Concello de Santiago

Na reunión da Cecop o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o tamén alcalde socialista de Vilagarcía, Alberto Varela, reclamou á Xunta protocolos claros sobre o papel municipal nas eleccións galegas. Varela lembrou que os concellos son os encargados da loxística dos colexios electorais, polo que pediu que se aclaren cuestións de seguridade para os locais nos que se desenvolvan os comicios.

O presidente da Fegamp tamén pide que a Xunta aclare canto antes se van reabrir as escolas infantís e se os concellos poderán organizar campamentos, que facilitan a conciliación das familias durante o verán. Igualmente, reclama que o Goberno galego coordine cos concellos o futuro das persoas sen fogar que están a pasar o confinamento en albergues creados a nivel municipal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.