Tan só o millón de persoas que vive na Galicia máis urbana manterá as franxas horarias para o paseo

Unha rúa do centro de Vigo CC-BY-SA Hombre DHojalata

Este domingo o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, comunicoulles aos presidentes das comunidades autónomas que nos vindeiros días se elevará o límite poboacional a partir do cal se eliminan as franxas horarias para pasear ou facer deporte. Na actualidade ese límite está fixado en 5.000 habitantes e pasará a ser de 10.000 habitantes. Nalgunhas comunidades autónomas o ámbito de referencia para establecer esa delimitación é o municipio e noutras, como Galicia ou Asturias, é a parroquia ou o núcleo de poboación.

En Galicia hai 54 concellos de máis de 10.000 habitantes, que suman unha poboación de 1,9 millóns de habitantes, pero todos eles contan con núcleos ou parroquias de menor tamaño que poden ficar fóra da obriga de respectar as franxas horarias

A nova norma debe aínda ser aprobada nunha orde ministerial que se publicará no BOE nos vindeiros días e haberá que agardar á súa formulación definitiva para coñecer se se pode manter en Galicia o criterio de parroquias ou núcleos que vén sendo utilizado nos últimos 10 días, o que semella o máis probable. Neste caso, a maior parte da poboación de Galicia poderá saír pasear ou facer deporte (de 6 da mañá ás 11 da noite) sen ter que respectar quendas horarias en función da súa idade. 

Hai que ter en conta que no momento en que Galicia pase á Fase 2 do proceso de desconfinamento, as franxas horarias para facer deporte eliminaranse en todos os concellos, independentemente da súa poboación (coas únicas excepcións, neste caso, do respecto ás horas reservadas para a poboación maior de 70 anos).

Ao igual que vén sucedendo ata agora, o máis probable é que a Xunta de Galicia deixe nos concellos a responsabilidade final de decidir que núcleos están separados e cales non

En Galicia hai 54 concellos que teñen máis de 10.000 habitantes e que suman unha poboación próxima aos 1,9 millóns de habitantes. Porén, de empregarse o criterio que se vén utilizando ata agora (que ten en conta as parroquias ou núcleos de poboación separados) tan só algo máis dun millón de galegos e galegas que viven nas zonas máis urbanas ficarían baixo a obriga de manter as franxas horarias.

Isto é así porque en case todos estes concellos que superan os 10.000 habitantes hai un gran número de parroquias que non chegan a esa cifra de poboación e que se atopan separadas doutros núcleos. Iso sucede mesmo nalgunhas cidades. Con todo, ao igual que vén sucedendo ata agora, o máis probable é que a Xunta de Galicia deixe nos concellos a responsabilidade final de decidir que núcleos están separados e cales non, e polo tanto, decidir en que zonas se deben manter as franxas horarias.

Revisando os datos do Nomenclátor do IGE correspondentes ao ano 2019, aparecen unicamente 21 núcleos de poboación que superan os 10.000 habitantes, que en total suman algo máis dun millón de habitantes. Ademais, o Nomenclátor recolle 17 parroquias non urbanas que tamén superan os 10.000 residentes. Tan só 23 concellos galegos contan con algunha parroquia ou núcleo por riba desa poboación e que, polo tanto, son susceptibles de manter as actuais limitacións horarias.

Tan só 23 concellos galegos contan con algunha parroquia ou núcleo por riba desa poboación

A nova norma, que elevará o límite de 5.000 a 10.000 habitantes, pode deixar sen franxas horarias a un numeroso grupo de parroquias galegas cuxa poboación se sitúa entre esas dúas cifras. Entre elas están os núcleos principais do Grove, Boiro, A Estrada, As Pontes, O Porriño, Barbadás, Ordes, Poio, Xinzo, Ribadeo, Foz ou Moaña. Tamén a núcleos da importancia do Temple (Cambre), Cacheiras (Teo) ou Oseiro e A Pastoriza (Arteixo). 

De igual xeito, sitúanse nesta franxa de poboación algunhas parroquias dos concellos de Vigo e A Coruña, como Castrelos, Cabral ou Santo André de Comesaña na cidade olívica e Oza e San Cristovo das Viñas na cidade herculina. Nestes casos especialmente (pero tamén en todos os demais) deberán ser os respectivos concellos os que decidan se estas parroquias se corresponden con núcleos separados ou ben están integrados na zona urbana, polo que deberían manter as franxas horarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.