Varios concellos critican que a falta de concreción da Xunta sobre as franxas horarias nos paseos provocou confusión

Vista xeral da parroquia de Teis CC-BY-SA Sergei Gussev

O pasado xoves pola noite a Xunta anunciou que "a partir de mañá poderán saír con liberdade horaria as persoas que residan en núcleos separados de menos de 5.000 habitantes", celebrando que a Delegación do Goberno central lle dera "a razón" na interpretación que a Xunta defendía da orde ministerial que regulaba as saídas para paseos. O texto eximía da aplicación das franxas horarias por idade aos "núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes", algo que en Galicia non se aplicou nun comezo, limitándose a seguir o criterio xeral baseado na poboación total de cada concello, independentemente do tamaño dos seus núcleos.

O venres o Goberno galego difundiu unha relación de 1.428 "parroquias rurais" nas que "hai liberdade de saídas desde hoxe"

O Goberno galego afirmaba na nota de prensa que xa comunicara esta "decisión" á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para que a trasladase aos concellos. Porén, a realidade é que deixaba en mans dos alcaldes e alcaldesas a aplicación da norma nun sentido ou noutro.

Durante o venres, ante as repetidas consultas e críticas en moitos concellos pola indefinición do comunicado pola Xunta (a nota de prensa referíase de forma xenérica a "núcleos separados" pero a Delegación do Goberno central fixera referencia ás parroquias), o Goberno galego difundiu unha relación de 1.428 "parroquias rurais" nas que "hai liberdade de saídas desde hoxe". Porén, o documento limitábase a un listado con todas as parroquias de menos de 5.000 habitantes situadas en concellos de máis de 5.000 habitantes, independentemente de que formasen parte de núcleos meirandes e mesmo incluíndo na lista a espazos claramente urbanos.

A realidade era que, de novo, a Xunta deixaba en mans dos concellos a decisión final sobre se aplicar ou non as franxas horarias

A realidade era que, de novo, a Xunta deixaba en mans dos concellos a decisión final sobre se aplicar ou non as franxas horarias, indicando que cada alcalde ou alcaldesa podería manter as actuais restricións nalgunhas parroquias "que nos seus inicios eran rurais pero que foron absorbidas urbanisticamente polo casco urbano". E, de igual xeito, tamén poderían ampliar esta exención de franxas horarias aos núcleos que "aínda estando en parroquias de máis de 5.000 habitantes, estean o suficientemente separados".

San Pedro de Visma (A Coruña) Dominio Público Ajuanta

A indefinición continuou ao longo de toda a fin de semana, deixando a moitas persoas na incerteza de se na súa parroquia existían horarios para saír a pasear ou facer deporte ou non. Varios concellos criticaron a medida, por entender que zonas delimitadas como "rurais" ou separadas non deberían perder os treitos horarios. 

Pero, sobre todo, denunciaron que a falta de información proporcionada pola Xunta, que ao mesmo tempo realizaba anuncios de que todas estas zonas ficaban libres de horarios, estaba a provocar unha avalancha de consultas da cidadanía por teléfono e polas redes sociais. Aínda que moitas localidades decidiron suprimir as franxas horarias en todas parroquias indicadas pola Xunta, outras non o fixeron e moitos concellos non se pronunciaron nun ou noutro sentido. 

Dúbidas en moitos concellos

O mesmo venres, a cidade da Coruña expresou nas redes sociais a contrariedade coa situación na que quedaba a parroquia de San Pedro de Visma (que abrangue zonas totalmente urbanizadas, coma o barrio de Os Rosais), afirmando que "Visma non debería incluirse por ter unha clara continuidade co espazo urbano. E así llo transmitiremos a Xunta e Estado".

"O executivo local lamenta que se teña xerado tal confusión e por un principio de prudencia e responsabilidade aplicará a norma en todo o conxunto de parroquias e lugares", destaco o Goberno local de Vilagarcía

Máis contundentes foron outras localidades, como Vilagarcía de Arousa, que difundiu un comunicado afirmando que "diante da confusión xerada pola publicación, por parte da Xunta, dun listado de parroquias que estarían exentas da aplicación da orde ministerial, o goberno local de Vilagarcía decidiu que, mentres dure a fase 1 da desescalada, todo o termo municipal se entenderá como unha unidade territorial e, polo tanto, será de aplicación uniforme os horarios de saída a rúa". "O executivo local lamenta que se teña xerado tal confusión e por un principio de prudencia e responsabilidade aplicará a norma en todo o conxunto de parroquias e lugares. Non podemos permitir pasar da nada ao todo nun só día, despois de todo o sacrificio que supuxeron máis de seis semanas de confinamento", engadía a nota.

Parroquia de Aldán (Cangas) CC-BY-SA Farrangallo

Redondela tamén mantivo as franxas, cualificando como "unha irresponsabilidade" tomar esta medida sen coñecer os datos de incidencia do coronavirus en cada concello

Tampouco Cangas do Morrazo autorizou a eliminación das franxas horarias nas parroquias sinaladas como rurais pola Xunta (Aldán e O Hío) e o alcalde, Xosé Manuel Pazos acusou tamén ao Goberno galego de crear confusión: "a Xunta debería falar cos concellos para evitar aberracións como é a dos núcleos". Redondela tamén mantivo as franxas, cualificando como "unha irresponsabilidade" tomar esta medida sen coñecer os datos de incidencia do coronavirus en cada concello. E Baiona afirmaba que a Xunta non publicara "de forma oficial" o permiso, polo que non podía aplicalo.

Noutros lugares, coma O Carballiño, o Concello apelaba á responsabilidade da veciñanza, ao ser complicado delimitar onde remata o núcleo urbano e onde comeza a zona rural: "O importante é utilizar o sentido común, non cabe dúbida de que a realidade que nos toca vivir é complexa e que nalgúns temas hai unha certa indefinición", dicía o alcalde da localidade.

Caballero acusa a Feijóo de "manter o caos"

Porén, está a ser en Vigo onde as queixas do concello acadaron un ton máis acedo, convertendo a aplicación dos treitos horarios nunha nova liorta política entre o Goberno municipal e a Xunta. Dende o venres o Concello de Vigo demandou ao Goberno galego "por vía de urxencia" que confirmase que núcleos e parroquias podían eliminar as restricións e que o Concello tiña competencia para facelo. Vigo defendía que "o Goberno de España taxativamente di que ten que ser a Xunta de Galicia a que notifique aos concellos cales son estas parroquias en cada cidade" e acusaba ao Executivo de Núñez Feijóo de "manter o caos". "Non informa, non transmite as decisións e, por tanto, nós temos que estar a lle urxir que nos diga cales son estas parroquias", engadía.

"Este é o caos que monta a Xunta de Galicia. Cando a Xunta de Galicia ten que tomar unha decisión non a toma", di Caballero

Pola súa banda, a Xunta reaccionou cualificando de "irresponsable" ao alcalde vigués, Abel Caballero e de "falta de lealdade institucional". "Caballero leva tres días facendo o que mellor sabe: enredar e confrontar. Se prexudica aos veciños desas parroquias, dálle igual", engadía a través de twitter Marta Fernández Tapias, Directora Xeral de Administración Local da Xunta. 

Este luns pola mañá Caballero volveu cargar contra o Goberno de Núñez Feijóo. "Se a min me envían unha carta dende o Goberno de España ou dende a Xunta dicindo: 'vostede ten capacidade para decidir', eu decido en 5 minutos. Pero non recibimos ningunha comunicación da Xunta e xa lla pedimos dúas veces", afirmou o rexedor vigués. "Este é o caos que monta a Xunta de Galicia. Cando a Xunta de Galicia ten que tomar unha decisión non a toma. Unha vez máis a Xunta desatende á cidade e sementa o caos", concluíu Caballero.

Abel Caballero, en rolda de prensa © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.