Contra a proposta do ministerio de declarar a especie en perigo de extinción o Goberno galego defende a súa pesca e di que o pasado ano 93 barcos capturaron en Galicia 37.371 quilos que supuxeron 800.000 euros
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, gabouse este martes de "frear" a intención do Goberno de España de prohibir a pesca da anguía malia admitir o seu "declive". Fronte as reiteradas alertas dos científicos, a Xunta e outras comunidades só aceptaron crear un grupo de traballo para "afondar no asunto e ter en conta outros aspectos como o socieconómico". Nese eido, o Goberno galego cifrou en 93 os barcos en toda Galicia que o ano pasado pescaron anguía, entre outras especies.
Especies migrantes que volven cada ano aos mesmos ríos como a anguía e a súa cría o meixón, a lamprea ou o salmón veñen reducíndose desde hai anos nos ríos galegos, como veñen advertindo de xeito reiterado científicos e ecoloxistas. Tras unha campaña de cociñeiros de todo o Estado, tamén galegos, en favor da conservación da anguía, este luns o Ministerio para a Transición Ecolóxica propuxo ás comunidades declarar a especie en perigo de extinción e prohibir a súa pesca. Pero a maioría das comunidades, entre elas a Xunta, rexeitárono.
Segundo o Goberno galego, "o declive non está vinculado ao tipo de captura, senón a causas estruturais amplamente documentadas pola comunidade científica". Causas que non cita pero que puideran ser os encoros, a contaminación ou o cambio climático. A Xunta tamén minimiza a proposta de prohibir a pesca en España "xa que mentres Francia ou Portugal a poderían seguir pescando", obviando a situación concreta dos exemplares que cada ano regresan aos ríos galegos.
O ministerio avanza que seguirá tentando protexer unha especie xa declarada a nivel internacional en perigo crítico de extinción
A Consellería do Mar pon o foco no efecto que a prohibición da pesca tería nos pescadores. Pero as cifras que ofrece do negocio son limitadas. Segundo o Goberno galego o pasado ano 93 barcos pescaron anguía en toda Galicia, sen detallar que outras especies pescaron nin a porcentaxe de negocio que lles supuxo a anguía en relación ao total de capturas anuais. O que si di a Xunta é que en total capturaron 37.371 quilos de anguía que supuxeron un volume de negocio "próximo aos 800.000 euros".
Malia a negativa da Xunta e outras comunidades, o ministerio xa avanzou que seguirán tentando protexer máis a anguía ante o seu evidente retroceso e a súa declaración a nivel internacional en perigo crítico de extinción por parte da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN).