Non puido ser. A Consellería de Educación tomou a decisión de suprimir a aula de Infantil do colexio público de Trabada ao non chegar ao número mínimo de alumnos esixido para mantela. Así o confirmou este luns o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que advertiu dunha medida que chega malia a novidosa iniciativa municipal que parecía ter salvado a unidade.
No pasado verán, o Concello de Trabada lanzou un anuncio no que ofrecía vivenda de balde ás familias con nenos de nenas entre 3 e 6 anos co obxectivo de asegurar a continuidade da unidade de Infantil no colexio. O centro contaba con 33 nenos e nenas matriculadas entre Infantil e Primaria, pero para este curso tan só estaban inscritos dous cativos de entre 3 e 6 anos, lonxe do mínimo de seis fixado pola Xunta. Á oferta de vivenda sumárase a posibilidade de acceder a un emprego para algún dos proxenitores, dado o interese amosado por empresarios da vila que querían contribuír así a salvar a aula.
A Xunta suprime a aula de Infantil ao non chegar a un mínimo de seis alumnos e malia que unha familia chegada de Guadalajara matriculou dous xemelgos
Numerosas familias accederon á oferta e finalmente tres foran seleccionadas ao cumpriren os requisitos. A primeira, unha de orixe senegalesa que residía na Coruña e con tres fillos de 2, 4 e 6 anos que tivo que renunciar finalmente por motivos laborais. Outra, de Ferrol e con cativos de 3 e 4 anos, marchou ás poucas horas de chegar. Unha de Guadalajara, que continúa en Trabada, si acabou ocupando unha das dúas casas rehabilitadas polo Concello e escolarizou dous xemelgos de 4 anos en Infantil e outra filla en Primaria.
Malia todo, os catro pequenos en Infantil non son suficientes para a Xunta, que decidiu suprimir a aula. "Desde o Concello, sen ter competencias en educación, impulsamos este proxecto en colaboración co equipo docente do colexio; non se cumpriu o obxectivo agora, pero imos seguir coa iniciativa", di a alcaldesa, Mayra García, que anuncia que unha das vivendas rehabilitadas segue dispoñible e nas mesmas condicións para as familias interesadas e que o municipio xa tramita a petición de axudas para rehabilitar e equipar outra.
"En só uns meses é moi difícil solventar a situación, pero con máis tempo seguramente que seremos quen de traer máis xente", di a rexedora, que quere "poñer en valor" a iniciativa levada a cabo "sen ter competencias educativas". Ademais, reclama "a colaboración das administracións, da Deputación e da Xunta", porque, lembra, "un concello en solitario non é capaz de reverter a sangría demográfica, non só en Trabada senón no rural galego".
A alcaldesa de Trabada pide "colaboración" e "empatía" ás administracións: "Un concello en solitario non é quen de reverter a sangría demográfica"
Nes municipio lucense, ademais, ultímase xa o Punto de Atención á Infancia, unha dotación que atenderá nenas e nenos entre tres meses a tres anos, prestando un servizo educativo e asistencial ás familias do municipio, así como diversos programas de conciliación para o verán e o inverno.
"Non hai ningunha outra medida que veña doutras administracións", lembra García, que pide "colaboración", pero tamén "empatía".
Porque o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, asegurou que a Consellería de Educación decidiu suprimir a aula para evitar un “agravio comparativo” con outros municipios, dado que “en Navia de Suarna hai cinco alumnos” e en concellos como “Samos e O Courel, catro en cada un”, pero “non teñen unidade específica de infantil”.
O delegado territorial da Xunta asegura que Educación decide suprimir a aula de Infantil para evitar un "agravio comparativo" con outros municipios
Ademais, tamén aproveitou para criticar a iniciativa levada a cabo polo Concello. Recoñece que tivo “moita proxección mediaticamente“, pero criticou que desde o municipio “non se adoptasen outro tipo de medidas” para “facer atractiva” a matriculación no colexio da localidade de nenos que son de Trabada e que agora mesmo están escolarizados “mesmo en Asturias“.
A alcaldesa responde pedindo ao delegado territorial "que a Xunta se aplique e se centre en aplicar mecanismos que eviten estes casos porque son os que teñen as competencias en educación". "Se cada vez agrupan máis cursos, igual é cando as familias deciden levar os rapaces a outros colexios", advirte García, que censura a inacción do Goberno galego ou a falta de medidas. "Ata que chegou Feijóo, non se cobraba o comedor aos nenos transportados... E este é só un exemplo", di.
No colexio de Trabada estudarán tan só os 26 nenos e nenas matriculados en Primaria, mentres que os de Infantil manteranse na modalidade de “colexios agrupados“, que Balseiro destaca que é “típica no rural” de Galicia e que, a priori, “non debera influír no rendemento dos alumnos”.
Mayra García pide "máis flexibilidade" e que "non se teñan en conta só os números". "Se só somos números, o custo vai ser moi importante; se a xente non queda, a ver quen mantén os territorios", quéixase quen lembra que no centro público hai o mesmo número total de alumnos que outros cursos, coa única diferenza de que agora hai menos en Infantil, que tamén perde a súa aula. "Non é normal", insiste.
Mayra García pide "máis flexibilidade" á Xunta á hora de fixar un número fixo de alumnos: "Se só somos números, o custo no rural será moi importante"
Con todo, a alcaldesa non se rende. "Vou seguir adiante co proxecto porque creo nel e porque, se facemos as cousas só mirando ao curto prazo, nin nós nin ninguén conseguirá nada", asegura. E pon un exemplo: "Cando cheguei á alcaldía empezamos a impulsar programas culturais e teatro para nenos e maiores; ao principio viñan catro ou cinco persoas e caíaseme a alma aos pés, pero agora enchemos a Casa da Cultura". "Se pensas só en mañá, no rural non vas conseguir nada, é unha carreira de fondo", engade.
"Seguirémolo intentando con independencia de que no camiño atopemos paus; hai que seguir adiante e loitar polas cousas porque, ademais, creo nelas", remata.