O pasado mes de xuño o Tribunal Supremo confirmou a derrota xudicial da Xunta ante Cuac FM, facendo firme a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que recoñecera o dereito desta radio comunitaria a emitir en frecuencia modulada. O ditame do TSXG sinalaba que a Secretaría Xeral de Medios vulnerara o artigo 20 da Constitución e subliñaba que a falta do necesario desenvolvemento normativo por parte da Xunta impedira a Cuac FM contar cunha licenza de emisión, un permiso que a radio “non pode obter dada a inactividade da Administración”.
Dende entón o Goberno galego non se pronunciara sobre o revés xudicial. Porén, vén de facelo en resposta a unha pregunta escrita rexistrada polo BNG no Parlamento. En calquera caso, a Xunta limítase a botar balóns fóra, responsabilizando o Goberno central de todos os obstáculos que tivo que enfrontar a emisora coruñesa e do bloqueo á legalizacións dos medios comunitarios.
A Xunta rexeita valorar a cuestión en termos xerais, e limítase a indicar que a sentenza do TSXG "refírese ao caso concreto de Cuac FM"
A pregunta do BNG refírese en primeiro lugar á situación dos servizos comunitarios audiovisuais sen ánimo de lucro tralo pronunciamento do Tribunal Supremo e polas medidas que o Goberno galego "prevé adoptar para garantir os dereitos de emisión destes servizos", dando cumprimento ao disposto na Lei do Audiovisual do ano 2010. Porén, a Xunta rexeita valorar a cuestión en termos xerais, e limítase a indicar que a sentenza do TSXG "refírese ao caso concreto de Cuac FM". Ademais, o Goberno galego afirma que "o Supremo non entra na interpretación que, con respecto á situación actual destas emisoras, debe dárselle á regulación que se fai delas na actual Lei Xeral de Comunicación Audiovisual".
Aquela lei aprobada no ano 2010 recoñecía a existencia e funcións das radios e televisións comunitarias e na súa disposición transitoria 14ª indicaba que nun prazo de 12 meses o Estado debía conceder licenzas de emisión a aquelas radios e televisión sen ánimo de lucro que estivesen en funcionamento con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009. Este punto da lei nunca foi desenvolvido.
Na súa resposta a Xunta nega toda responsabilidade na falta de desenvolvemento desta norma, e culpa en todo momento ao Goberno central, sinalando que "as medidas que pode adoptar a Xunta de Galicia, limitadas ao outorgamento de licencias, teñen que vir precedidas doutras actuacións que lle corresponden á Administración xeral do Estado, como é a dispoñibilidade do dominio público radioeléctrico necesario para que poidan operar ese tipo de emisoras".
O Goberno galego afirma que "amosou, desde un principio, a súa vontade de avanzar na regulación destes servizos"
O Goberno galego afirma que "amosou, desde un principio, a súa vontade de avanzar na regulación destes servizos" e que deu "traslado á Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda dixital o interese de Cuac FM de emitir contidos propios dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro". E engade que "na súa resposta, a Administración Central alegou razóns de carácter técnico que imposibilitaban a posta en marcha deste tipo de servizos".
"A esa Administración correspóndelle non só a regulación básica da prestación destes servizos (está pendente de aprobar, por parte do Estado, o desenvolvemento regulamentario do apartado da Lei referido ás emisoras comunitarias), senón tamén a habilitación das frecuencias correspondentes para poder realizar as emisións", conclúe a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias na súa resposta.
O mes pasado o Consello de Estado volveu criticar o Goberno central por incumprir a Lei Xeral do Audiovisual no relativo aos medios comunitarios e sen ánimo de lucro, na terceira advertencia pública que realiza nos últimos anos. A institución reclamou que o Goberno "aborde canto antes o desenvolvemento normativo dos servizos de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro regulados no artigo 32 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual" e salientou que "o cumprimento do mandato legal resulta particularmente anómalo e carece de xustificación".