Terceira advertencia. O Consello de Estado vén de criticar novamente ao Goberno central por incumprir a Lei Xeral do Audiovisual no relativo aos medios comunitarios e sen ánimo de lucro, discriminado ao non poder acceder a unha licenza legal de emisión, prevista e garantida por aquela norma, en vigor dende o ano 2010. Faino no seu ditame sobre o Proxecto de Real Decreto polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre, que asignará para a telefonía móbil de nova xeración parte das frecuencias que hox se usan nos sinais de TDT.
Reclama que o Goberno "aborde canto antes o desenvolvemento normativo dos servizos de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro regulados no artigo 32 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual"
A institución, de carácter consultivo e composta polo fiscal xeral do Estado, exvicepresidentes o goberno, catedráticos e xuristas, reclama que o Goberno "aborde canto antes o desenvolvemento normativo dos servizos de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro regulados no artigo 32 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual" e salienta que "o cumprimento do mandato legal resulta particularmente anómalo e carece de xustificación".
Aquela lei aprobada no ano 2010 recoñecía a existencia e funcións das radios e televisións comunitarias e na súa disposición transitoria 14ª indicaba que nun prazo de 12 meses o Estado debía conceder licenzas de emisión a aquelas radios e televisión sen ánimo de lucro que estivesen en funcionamento con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009. Este punto da lei nunca foi desenvolvido e, como lembra o Consello de Estado no seu ditame, converteuse "nunha reclamación constante do sector“.
Este novo posicionamento do Consello de Estado é xa o terceiro que efectúa nesta cuestión, uníndose aos publicados nos anos 2009 e 2014
Este novo posicionamento do Consello de Estado é xa o terceiro que efectúa nesta cuestión, uníndose aos publicados nos anos 2009 e 2014. En 2009, antes da aprobación da lei, o Consello de Estado emitiu un ditame no que criticaba os límites de financiamento impostos aos medios comunitarios. E no ano 2014, no seu ditame emitido previamente á aprobación do Plan Técnico de Televisión Dixital Terrestre, a institución sinalaba que a distribución do espectro radioeléctrico “debe ser compatible coa obriga de garantir aquel que necesiten os medios de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro, establecida no artigo 32 da Lei 7/2010".
O pasado mes de xuño o Tribunal Supremo confirmou o dereito da emisora coruñesa a emitir en FM, fronte aos intentos da Xunta de Galicia de vetar o seu acceso a unha licenza de emisión. O Supremo, como antes o TSXG, lembrou o incumprimento da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. As sentenzas subliñaron que a falta do necesario desenvolvemento normativo impediu a CUAC FM contar cunha licenza, un permiso que o tribunal galego destaca que a radio “non pode obter dada a inactividade da Administración”.
A Rede de Medios Comunitarios (ReMC) informou ademais de que o Comité de Dereitos Humanos de Nacións Unidas segue analizando as actuacións de España pola discriminación no acceso a frecuencias aos medios comunitarios, a violación do artigo 19 do Pacto de Dereitos Civís e Políticos, así como pola ausencia de "recurso efectivo para poder reivindicar os nosos dereitos e por vulnerar o principio de igualdade", explica o vogal de Dereito a Comunicar da ReMC, Javier García. A ReMC presentou a denuncia en 2017 despois de que o Tribunal Supremo condenase a custas a esta entidade por recorrer o real decreto de TDT.