O pasado 24 de marzo a Xunta habilitou dúas residencias integradas, unha en Baños de Molgas e outra en Compostela, para que servisen -baixo a xestión da Consellería de Sanidade- para acoller as persoas anciás que desen positivo por coronavirus nos centros de toda Galicia. Posteriormente, engadíronse outras tres (en Vigo, Cangas e O Barco de Valdeorras), intervidas polo Goberno galego polo seu elevado número de contaxios.
O Goberno galego sinala que a decisión xa estaba prevista e que o xeriatra foi contratado para poñer en marcha a instalación que, "tralo bo traballo realizado", pasa a formar parte da estrutura de Sanidade
Á fronte do Centro Residencial de Coidados Integrados de Baños de Molgas foi situado o xeriatra Miguel Ángel Vázquez Vázquez, unha persoa moi respectada neste ámbito, e que dende hai anos preside a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX).
Vázquez vén de ser cesado como coordinador da residencia integrada de Baños de Molgas, unha medida que segundo a Xunta xa estaba prevista e que se produce porque o centro, "unha vez finalizou con éxito a fase de posta en marcha", pasa a formar parte da estrutura da Consellería de Sanidade. Dende a Consellería de Política Social sinálase que "este mesmo proceso irá seguíndose nas demais residencias integradas, que comezaron a funcionar despois de Baños de Molgas".
A substitución de Miguel Ángel Vázquez foi coñecida a través de Zeltia Burgos, secretaria nacional da CIG-Autonómica, que visitou o centro para realizar unha avaliación de riscos
A consellería explica que Miguel Ángel Vázquez "foi contratado para poñer en marcha unha residencia integrada pioneira" e que "tralo bo traballo realizado, o doutor Vázquez seguirá colaborando coa Consellería de Política Social na reflexión sobre o futuro do modelo de residencias", unha tarefa "na que a súa experiencia e visión serán fundamentais", engádese.
A substitución de Miguel Ángel Vázquez foi coñecida a través de Zeltia Burgos, secretaria nacional da CIG-Autonómica, que visitou este mércores pola mañá a residencia de Baños de Molgas para realizar unha avaliación de riscos. “Pedín falar co director, porque o normal é que nestas avaliacións de riscos estea presente, como máximo responsable en prevención, pero non estaba. Preguntei e respondéronme que houbera un cambio de dirección e que non sabían o motivo”, explica.
"A Xunta non pode ter esta opacidade, non pode ser que saibamos que houbo un cambio na dirección porque nos achegamos a facer unha avaliación de riscos"
Nos últimos días Miguel Ángel Vázquez realizou en varios medios de comunicación críticas ás autoridades sanitarias en relación coa xestión do coronavirus nas residencias de maiores. A representante da CIG rexeita especular sobre os motivos que levan ao Goberno galego a adoptar esta decisión, pero sinala que "a Xunta non pode ter esta opacidade, non pode ser que saibamos que houbo un cambio na dirección porque nos achegamos a facer unha avaliación de riscos".
"Un cambio de dirección nesta situación debería ser xustificado", subliña Zeltia Burgos, que afirma que "isto forma parte da opacidade coa que a Xunta está actuando. Cando din algo é porque os sindicatos estivemos protestando e o estivemos esixindo". "Aínda esta semana nos deron por primeira vez unha relación do persoal que foi contaxiado", comenta como exemplo.
"Isto forma parte da opacidade coa que a Xunta está actuando. Cando din algo é porque os sindicatos estivemos protestando e o estivemos esixindo"
Zeltia Burgos salienta que "nós como organización sindical presionamos moito á Xunta dende o comezo, porque isto comezou moi mal e conseguimos que se melloraran cousas. Conseguimos que nesta residencia houbese material de protección adecuado, semellante ao dos centros sanitarios". E lembra que "o persoal que foi enviado a Baños de Molgas foi obrigado, cun requirimento e cunha ameaza penal, e era xente que proviña sobre todo de centros de día, que non tiñan experiencia con enfermos e con persoas con este nivel de dependencia". E conclúe: "o director poderíao facer mellor ou peor, pero era un profesional do gremio e era un director que estaba alí".
Críticas á xestión de Sanidade
Nos últimos días Miguel Ángel Vázquez realizou en varios medios de comunicación críticas ás autoridades sanitarias en relación coa xestión do coronavirus nas residencias de maiores
Miguel Ángel Vázquez realizou varias críticas á Consellería de Sanidade en relación coa xestión da crise nas residencias da terceira idade. Nunha entrevista difundida por Europa Press, o presidente da SGXX cualificou como "imprudente" o confinamento nos xeriátricos que "son centros de ámbito social que non teñen recursos sanitarios", dixo, reclamando o seu traslado aos centros hospitalarios. Ademais, animou ás familias dos usuarios das residencias a "denunciar en vía penal" aos responsables sanitarios, aínda que engadiu que este non é aínda o momento de xudicializar a situación. En declaracións á mesma axencia, tamén publicadas na súa web, sinalaba este mércores que a remuda no posto en Baños de Molgas non ten "nada que ver" coas críticas.
Vázquez si valorou positivamente a apertura das residencias integradas, agradecendo a medida adoptada pola Consellería de Política Social, pero criticou a falta de resposta da Consellería de Sanidade ás propostas presentadas dende a sociedade que preside. Finalmente, pediu "repensar" o modelo de residencias existente en Galicia e no conxunto do Estado, camiñando cara a un modelo máis integrado no sistema sanitario público e, ademais, na propia vida social da comunidade na que se insiren.
"Nas residencias de maiores actuamos tarde e mal", afirmou nunha entrevista na Cadena Ser o xa ex-coordinador do centro
De igual xeito, uns días despois, nunha entrevista realizada por Radio Galicia-Cadena Ser, Miguel Ángel Vázquez reiterou boa parte destas valoracións e sinalou que "nas residencias de maiores actuamos tarde e mal", subliñando sobre todo que non se illou de forma axeitada ás persoas contaxiadas. Nun comunicado, a SGXX alertara igualmente do atraso na realización de probas para a detección dun virus que levaba tempo circulando polas residencias e igualmente reclamaba a responsabilidade das autoridades sanitarias: "a atención á enfermidade COVID-19 é unha competencia clara do Sistema de Saúde, non do sector residencial. As persoas non deben morrer nas residencias por este virus. Deben ser atendidas polo Sistema Nacional e Autonómico de Saúde onde corresponda".