O número de casos de coronavirus detectados é un indicador intimamente relacionado co número de probas que son quen de realizar as autoridades sanitarias. Polo momento, a Xunta está a informar oficialmente só das probas PCR que fai -as máis precisas-, sen especificar os test rápidos e os seus resultados como si fan outras autonomías [GCiencia informa ao respecto este sábado ao detalle].
No primeiro día con máis de 4.000 probas PCR os novos casos da covid-19 detectados chegan a 184 e os positivos activos ascenden ata os 6.824, 120 máis que no día anterior; as altas chegan as 1.783 no primeiro día con incremento de persoas na UCI dende o 4 de abril
Partindo desta limitación, nas últimas vinte e catro horas o Servizo Galego de Saúde sumou ás súas estatísticas da covid-19 os resultados de 4.171 PCR -cada persoa pode precisar máis dunha-, o maior número nun só día dende o inicio da pandemia. Neste día con máis probas procesadas chega o maior número de novos casos detectados das últimas dúas semanas, 184.
Isto non supón, así e todo, que se dispare o ritmo de incremento de positivos activos, que chegan neste 25 de abril aos 6.824, sempre segundo o Sergas. Son 120 máis que no día anterior -un 1,79%- nun día en que as altas volven aumentar por riba do 3%, ata as 1.783, pero no que tamén se interrompe unha tendencia que xa encadeaba case tres semanas, a da redución das persoas ingresadas na UCI a causa da covid-19. [Consulta aquí polo miúdo a diferenza entre o aumento de positivos activos e o número de novos casos]
Os falecementos chegan a 509 tras rexistrar Sanidade once máis; deles, 8 eran persoas que viviran en residencias e os falecementos nestes centros xa superan o 46% do total
A estatística oficial da pandemia recolle este 25 de abril por primeira vez máis de medio milleiro de persoas falecidas polo coronavirus en Galicia. Chegan xa a 509, un 2,21% máis. Sanidade rexistra 11 mortes máis e delas, 8 son de persoas que viviran en residencias de maiores ou persoas dependentes. Desas oito, 5 morreron nos propios centros residenciais: Concepción Arenal, Domus Vi Matogrande e El Portazgo -os tres na Coruña-, as Fragas en Pontedeume e DomusVi Cangas.
Deste xeito, das 509 persoas cuxos falecementos Sanidade liga ao coronavirus en Galicia, 237 eran residentes en centros de maiores e persoas dependentes. A proporción sobre o total continúa á alza e xa supoñen máis do 46% do total. A Xunta subliña un día máis, non obstante, que se "volve reducir o número neto de positivos en centros residenciais, posto que se rexistraron máis curacións que novos contaxios". Os positivos ligados a estes centros son 875 persoas usuarias e 343 membros do seu cadro de persoal.
No que atinxe aos casos novos detectados, os datos do últimos días acreditan o advertido por diversas voces expertas semanas. A do coronavirus é unha carreira de fondo na que a fotografía real da pandemia depende en boa medida do número de probas que as autoridades sanitarias sexan quen de facer. Así, se hai unha semana en Galicia o número medio de casos novos diarios rozaba o centenar, agora este indicador rolda os 160 novos casos por día tras os 184 novos deste 25 de abril.
É o maior número en dúas semanas, pero lonxe dos máis de 400 que, de media, se detectaban ao día a finais de marzo. Este 184 novos casos equivalen ao 4,41% das probas PCR que, segundo o Sergas, foron realizadas nas últimas vinte e catro horas. Este indicador chegou a caer por baixo do 3% hai unha semana, pero hai un mes estaba na contorna do 30%.
Interrómpese o descenso de pacientes en UCI
Por primeira vez en vinte días sobe o número de persoas na UCI -tres máis- pero o total de hospitalizadas segue a baixar; máis do 90% dos positivos activos están en illamento domiciliario
No que atinxe ás persoas coa covid-19 que precisan estar hospitalizadas, este sábado a tendencia xeral segue á baixa pero cunha diferenza significativa. Por primeira vez dende o 4 de abril, o número de persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos (UCI) son máis que no día anterior. A cifra este 25 de abril é de 90 persoas nesa situación, tres máis que un día antes.
Este incremento do 3,45% das persoas na UCI tras a devandita baixada prolongada non supón, así e todo, un incremento global das persoas hospitalizadas. Isto sucede porque os ingresos en unidades ordinarias -en planta- descenden un día máis, por riba do 6% por segunda xornada consecutiva, e quedan en 495.
Estas variacións deixan o total de persoas hospitalizadas en Galicia a causa do coronavirus en 585, un 5% menos que no día anterior. O máximo ata agora rexistrouse o 6 de abril, con 1.107 persoas hospitalizadas. Mentres, o número que segue aumentando é o das persoas infectadas que están illadas nos seus domicilios -entre elas, as que viven en residencias-. Son xa 6.824, un 2,51% que un día antes e o 90% do total de positivos activos.
Novo forte incremento na Coruña, lixeiro descenso en Ourense
A área da Coruña acumula varios incrementos significativos na última semana e o maior número absoluto de positivos activos, pero a incidencia da pandemia segue en Ourense moi por riba do resto de Galicia
Nesta xornada o maior incremento de positivos activos suxire que a área sanitaria da Coruña está a realizar un maior número de probas PCR, toda vez que na última semana rexistrou varios incrementos significativos. A área sanitaria con máis positivos activos en termos absolutos suma este 25 de abril ata 45 máis e xa supera os 1.600. O incremento da área de Vigo é semellante, con 42 casos máis, tras días de incrementos moito menores ou mesmo lixeiros descensos.
Este sábado a área que segue rexistrando maior incidencia da pandemia, a de Ourense, diminúe moi lixeiramente o seu número de positivos activos, con tres menos, quedando en 1.299. Non obstante, a devandita incidencia ourensá segue disparada: 425 casos por cada 100.000 habitantes fronte aos 295 da Coruña ou aos 210 de Vigo, as áreas máis poboadas. A menor incidencia segue en Pontevedra, con 193 casos por cada 100.000 habitantes.