O ritmo de realización de probas PCR baixou lixeiramente en Galicia nos últimos días. Aínda que a comparación entre os últimos sete días e os sete anteriores deixa un saldo negativo de apenas 209 probas -20.727 na última semana fronte a 20.936 na anterior-, os datos divulgados polo Sergas indican que, tras rexistrar o pasado sábado 25 o máximo de novas probas -realizadas durante o venres 24- nun só día, con 4.171, o ritmo diminuíu con menos de 3.000 durante tres días seguidos. Nos dous últimos días o incremento de PCR diarias é menor ao 3% o menor indicador dende a Xunta ofrece datos ao respecto.
Os positivos activos chegan a 6.947, un 0,81% máis, e as persoas falecidas son xa 540 tras dar conta Sanidade de nove mortes máis, tres de persoas que viviran en residencias de maiores
Sempre segundo a información da Xunta, este 28 de abril a base de datos da pandemia en Galicia chega á cifra redonda de 90.000 probas PCR procesadas -cada doente adoita precisar máis dunha-. E, malia á devandita baixada do ritmo, as probas das últimas vinte e catro horas fixeron abrollar o pasado luns 90 casos novos de coronavirus en Galicia, o que dá lugar a un incremento de 56 positivos activos -unha suba do 0,81%- que deixa o total en 6.947. Os casos novos equivalen ao 4,14% das probas PCR feitas. É máis que nos últimos días, cando este valor baixou do 3%, pero moito menos que a finais de marzo, cando roldou o 30% [podes consultar aquí polo miúdo a diferenza entre casos novos e suba de positivos activos].
O número de falecementos por mor da pandemia chega este 28 de abril aos 540. Son nove máis que un día antes -un 1,69% máis- e deles, tres eran persoas que viviran en residencias de maiores e persoas dependentes. Dúas faleceron nas propias residencias: unha na DomusVi Matogrande, na Coruña, e outra na residencia Nuestra Señora de la Esperanza, da Fundación San Rosendo en Ourense. Do total de 540 persoas falecidas, 247 viviran nestes centros de maiores e dependentes.
Nesta xornada, o número de altas hospitalarias de persoas co coronavirus aumenta máis que os positivos activos, pero menos que o número de persoas falecidas. Son xa 1.841, un incremento do 1,38%.
A menor hospitalización en máis dun mes
A redución de persoas na UCI, que quedan en 73, é a maior dende o comezo da pandemia en Galicia
O incremento das altas e o feito de que a maior parte dos novos casos sexan de persoas en illamento domiciliario deriva nun novo alivio da hospitalización de persoas afectadas pola covid-19 en Galicia. As persoas hospitalizadas por esta causa son agora 568, unha redución do 3,7% que deixa a hospitalización total no seu menor nivel dende o 25 de marzo.
Tras a levísima repunta do pasado sábado, as persoas que precisan asistencia en unidades de coidados intensivos en Galicia a causa do coronavirus retoman a liña descendente con claridade. Agora son 73, dez menos que un día antes, unha redución do 12,05% que é a maior dende o comezo da pandemia. As persoas ingresadas en unidades ordinarias -en planta- diminúen un 2,37% e quedan en 495.
O que segue a aumentar é o número de persoas illadas a domicilio tras daren positivo pola covid-19. Agora son 6.379, incluíndo 861 persoas que viven en centros de maiores e dependentes. Isto supón un incremento do 1,24% e que sexan máis do 90% do total de positivos activos en Galicia.
Incrementos en todas as áreas agás Santiago, coa incidencia disparada en Ourense
Ourense segue á cabeza en número de casos por cada 100.000 habitantes e a área da Coruña, a que máis positivos activos ten, modera o ritmo de crecemento con relación á semana pasada
Por áreas sanitarias, a suba de 56 positivos activos provén sobre todo da área sanitaria de Vigo, con 17 máis, e tamén de Lugo e Ourense, con 13 e 10 casos máis, respectivamente. Non obstante, malia seren semellantes en termos poboacionais, a incidencia entre as áreas lucense e ourensá -que en ambos casos abranguen toda a provincia- segue a ser moi desigual: Lugo mantén unha incidencia da doenza de 211 casos por cada 100.000 habitantes, a segunda menor do país, e Ourense segue disparada, con 434 por cada 100.000 non tanto por fortes aumentos dos últimos días -cando mesmo se produciu algún pequeno descenso-, senón polos fortísimos incrementos de semanas anteriores.
A área da Coruña, a que máis casos absolutos acumula e que experimentara fortes incrementos de positivos activos durante a pasada semana, modera neste caso o crecemento. Suma este 28 de abril 8 novos casos, cifras semellantes ás de Pontevedra e Ferrol, con 7 máis. Na área de Santiago, os positivos activos son seis menos.