Alumnado de Tomiño e Vila Nova de Cerveira terá máis doado participar nas actividades da outra beira do Miño

Ponte sobre o Miño, dende Vilanova de Cerveira CC-BY-SA Iago Pillado

A Comisión Europea está a estudar fórmulas para eliminar as actuais barreiras burocráticas que dificultan o intercambio educativo transfronteirizo entre Tomiño e Vila Nova da Cerveira. As dúas localidades, que dende o pasado ano constitúen unha Eurocidade (seguindo o ronsel aberto por Verín-Chaves, Tui-Valença e Salvaterra-Monção), fixeron unha solicitude neste senso o pasado mes de febreiro e o proxecto vén de ser aceptado pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) e a Dirección Xeral para Política Rexional e Urbana DG REGIO.

“A eliminación ou simplificación deste problema burocrático permitirá incrementar a cooperación transfronteiriza nos programas escolares, culturais e deportivos"

Así, o programa europeo B-Solutions vai proporcionar a asesoría de expertos/as xurídicos/as, que analizarán os obstáculos legais existentes, unha indicación das disposicións legais que causan o obstáculo, unha posible solución e a indicación das entidades ás que afectaría esta solución.

Nos últimos anos, durante a realización de actividades conxuntas os concellos de Vila Nova de Cerveira e de Tomiño constataron que “os requirimentos para realizar intercambios escolares de menores de idade entre os dous países representan un enorme obstáculo para unha fluída relación transfronteiriza”. As dúas administracións sinalan que “a eliminación ou simplificación deste problema burocrático permitirá incrementar a cooperación transfronteiriza nos programas escolares, culturais e deportivos, consolidando unha maior cohesión territorial, social e económica”.

A proposta fai fincapé na importancia de promover este achegamento "entre comunidades escolares que partillen territorio, intereses e trazos culturais”

A Eurocidade pide adaptar os requisitos de autorización sobre mobilidade transfronteiriza de menores “ás novas realidades sociais e administrativas de nivel local, integradas na Unión Europea, promovendo, en calquera caso, experiencias-piloto que permitan avaliar o adianto do exercicio efectivo de dereitos sociais e a construción de identidades partilladas europeas”. A proposta fai fincapé na importancia de promover este achegamento “especialmente entre a infancia e a adolescencia” e “en particular entre comunidades escolares que partillen territorio, intereses e trazos culturais”.

A alcaldesa de Tomiño e o rexedor de Vila Nova de Cerveira asinando a súa constitución como Eurocidade Dominio Público Concello de Tomiño

Nos últimos anos as localidades galegas e portuguesas unidas pola fronteira común están a incrementar as actividades realizadas conxuntamente, buscando así mesmo compartir servizos e iniciativas. Por exemplo, en 2015 Salvaterra do Miño e Monção comprometéronse a compartir as súas instalacións deportivas, empresariais e culturais, para ofertar máis servizos aos seus cidadáns e cidadás e acadar un aproveitamento óptimo dos equipamentos, procurando obter economías de escala.

Este mesmo domingo Tomiño e Cerveira organizan a segunda edición da Andaina Eurocidade

Máis habituais son as actividades culturais e de ocio, como a camiñada internacional organizada por Melgaço e Arbo, ou a Cabalgata de Reis internacional que impulsan Tui e Valença. De feito, este mesmo domingo Tomiño e Cerveira organizan a segunda edición da Andaina Eurocidade, unha camiñada de dúas horas e media e 11 quilómetros que unirá os dous concellos e que partirá do Espazo Fortaleza de Goián.

Así mesmo, nos últimos anos está a consolidarse a rede de infraestruturas para unir unha e outra beira do Miño e hai uns meses coñeceuse que unha ponte colgante sobre o Miño para peóns e bicicletas unirá As Neves e Monção. Será a sétima ponte sobre o Río Miño que unirá Galicia e Portugal, despois das dúas existentes entre Tui e Valença,  a que cruza o río entre Arbo e Melgaço, a inaugurada en 1995 entre Salvaterra e Monção e a Ponte da Amizade entre Vila Nova de Cerveira e Goián (Tomiño) construída en 2004. Está en proxecto, ademais, unha nova ponte entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.