As augas residuais debullan o consumo de drogas en Compostela: mantense o auxe da cocaína e repunta o MDMA

Rúa das Hortas, en Santiago de Compostela CC-BY-SA Xunta

O Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías (EMCDDA), dependente da Unión Europea, publicou este mércores os últimos datos do seu estudo anual sobre o consumo de drogas en máis dun cento de cidades de 21 países do continente, obtidos a partir da análise da augas residuais nestas urbes. 

O informe, que se pode consultar online, desvela a alza a nivel xeral no consumo da cocaína e a metanfetamina no pasado ano 2022, sendo o sur de Europa onde as augas residuais acadan unha carga máis alta de cocaína e o leste a área onde destaca a metanfetamina, que está a asentar tamén en lugares onde non era tan habitual malia o seu elevado potencial destrutivo. 

Compostela sae do 'top-20' das cidades con maior consumo de cocaína de entre as analizadas pero é de máis do dobre que hai unha década

Entre as 104 cidades, este estudo da UE inclúe desde 2011 os datos de Santiago de Compostela, que se mantén como unha das cidades cun maior consumo de cocaína de todas as analizadas aínda que a suba experimentada no uso desta droga noutras urbes fai que saia do top-20 que ocupou en numerosas ocasións. 

Así, e aínda que o consumo baixou desde que alcanzase o seu pico en 2020, ano do inicio da pandemia, as cifras seguen sendo elevadas, cun nivel de 505,1 miligramos por cada mil habitantes cada día en 2022, máis do dobre do dato dunha década antes (239,97 miligramos) e algo menor ao récord alcanzado en 2020 (610,78). 

En calquera caso, o nivel de cocaína detectado en Compostela é moi inferior ao rexistrado noutras cidades, como Amberes (2.381 mg), Tarragona (1.611 mg), Amsterdam (1.142 mg), Bruxelas (985 mg) ou Zurich (931 mg). De feito, de entre todas as urbes españolas analizadas, entre as que se inclúen tamén Lleida, València, Barcelona e Castelló, Santiago é a que presenta unha menor carga de cocaína nas súas augas residuais. 

En comparanza coas localidades portuguesas avaliadas, Lisboa, con 731,95 mg/1000hab/día, é un dos lugares onde se detecta un maior consumo de cocaína, mentres que Porto (265,6) rolda a metade do que se cuantifica en Compostela. 

Santiago si está entre as urbes onde máis cannabis se consome e onde repunta o MDMA: detéctase unha cantidade seis veces superior a hai dez anos

No caso do cannabis, Santiago si se sitúa entre as vinte cidades analizadas onde se detecta un maior consumo, con 92,81miligramos por cada mil habitantes cada día en 2022. É unha cantidade, con todo, menor á de hai unha década (116,95) e afastada dos 188,8 de Xenebra, os 169,4 de Amsterdam ou os 130 de Lisboa. De todas as cidades do Estado avaliadas, Compostela ocupa o terceiro lugar, superada por Barcelona e València e por riba de Lleida, Tarragona e Castelló

O consumo de anfetaminas e metanfetaminas en Santiago, segundo a análise das augas residuais, é aínda mínimo pero xa non é tan insignificante no caso do MDMA. Con 30,4 mg/1000hab/día, supón unha cantidade seis veces superior á de hai dez anos e duplicouse en apenas un. De feito, os datos sitúan Compostela como a 15ª das cidades europeas analizadas con maior consumo desta droga sintética. De entre as urbes españolas que se inclúen no estudo, só Barcelona supera as cifras da capital galega respecto do éxtase.

"Un problema estendido e complexo"

A análise debulla igualmente a presenza das drogas detectadas nas augas residuais en cada día da semana, concluíndo que os niveis son moito máis elevados nas fins de semana en todos os casos. 

A nivel xeral, o EMCDDA destaca que os últimos resultados amosan un "aumento continuo das deteccións de cocaína, unha tendencia observada desde 2016 malia certa flutuación durante o confinamento pola COVID". Ademais, sinala que a situación da metanfetamina "tamén parece estar evolucionando" e que o panorama é "heteroxéneo" no resto de substancias. "As seis drogas ilícitas atopáronse en case todas as cidades participantes", insiste. 

Un home consome cannabis CC-BY-NC-ND KindelMedia

Segundo Alexis Goosdeel, director do EMCDDA, as mostras de augas residuais "poden contar historias reveladoras sobre a vida dunha comunidade e ofrecer unha alerta temperá das ameazas emerxentes para a saúde". Para o responsable do Observatorio, os resultados do estudo "debuxa un panorama dun problema de drogas tan estendido como complexo". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.