As cifras do xogo en Galicia: 160 salóns, 3.600 máquinas de apostas, máis de 9.000 comecartos

Máquina comecartos instalada nun bar CC-BY-SA Palomaleca

O xogo estase a converter nun problema crecente, sobre todo entre a mocidade. Ás tradicionais modalidades (lotaría, bingo, máquinas comecartos...) uníronse novas formas de xogo, coma as apostas, presentes tanto nos salóns e tendas abertos nos últimos anos nos barrios das cidades coma nas máquinas esparexidas por bares e cafeterías de todo o país. E tamén en Internet, co incremento exponencial das contías económicas gastadas no xogo online.

Esta infraestrutura conseguiu incrementar nun 27% a cantidade de diñeiro que os galegos e galegas xogaron entre 2014 e 2017, superando os 1.400 millóns de euros só nos xogos de azar tradicionais (incluída a lotaría)

A Dirección Xeral de Ordenación do Xogo publica periodicamente información estatística sobre este mercado, con datos sobre establecementos, máquinas, cantidades apostadas e diñeiro perdido polos xogadores. Sabemos, por exemplo, que o gasto dos galegos nos xogos de azar presenciais pasou dos 1.100 millóns de 2014 aos 1.400 de 2017, último ano con estatísticas, un incremento do 27% en tres anos.

E que, aínda que as apostas presenciais están a experimentar un aumento moi importante, as lotarías (500 millóns de euros gastados polos galegos no ano 2017) e as máquinas comecartos tradicionais (case 600 millóns) seguen a representar a parte máis importante dese desembolso. Iso si, os xogos online representan cada vez unha parte máis grande do gasto en xogo e, aínda que non hai cifras segmentadas para Galicia, no 2018 o gasto superou os 17.000 millóns de euros. O 5% desa cantidade que pode representar a parte galega suporía un depósito de 868 millóns de euros.

Casa de apostas nunha estación de autobuses © Sportium

As cifras

En Galicia están en funcionamento 3.695 terminais de apostas e a maior parte (3.194) están instaladas en bares e cafetarías

En Galicia funcionan nestes momentos ao redor de 160 tendas e salóns de apostas. O pasado mes de maio a Xunta decretou o freo á apertura de novos establecementos deste tipo, quedando o seu número limitado, polo de agora, ás actualmente existentes (138 nese momento) ou en tramitación (outras 21).

Porén, dende organizacións como a Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJE) hai tempo que veñen subliñando que a presenza de máquinas de apostas en locais de hostalería é mesmo máis preocupante que a existencia destes salóns, debido ao seu maior número e á falta de controis. En Galicia están en funcionamento 3.695 terminais de apostas e a maior parte (3.194) están instaladas en bares e cafetarías.

Como referencia, o número de máquinas de apostas espalladas por bares e cafetarías noutras comunidades é moi inferior. Por exemplo, Euskadi (con 2,2 millóns de habitantes) suma 1.306. E a Comunidade Valenciana (con 5 millóns de habitantes) ten 3.677.

Hai máis de oito mil máquinas comecartos só en locais de hostalaría, ás que hai que sumar outras mil en salóns de xogo

O número de máquinas B (as tradicionalmente coñecidas como comecartos ou tragaperras) é moi superior. En Galicia hai máis de oito mil (8.094) só en locais de hostalaría, ás que hai que sumar outras mil (1091) en salóns de xogo e unhas 63 en bingos. 

A cifra é a sétima entre as 17 comunidades autónomas, só por detrás de Cataluña, Andalucía, Comunidade Valenciana, Madrid, Castela-León e Euskadi. Estes dous últimos territorios contan con menos poboación que Galicia, pero o dato galego supón máis da metade do madrileño, que máis que duplica a poboación de Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.