A provincia da Coruña reúne o 51,7% das emisións brutas de gases causantes do cambio climático en Galicia. É a principal conclusión dun informe do OGACLI con datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica
A provincia da Coruña reúne o 51,7% das emisións brutas (non inclúen as emisións/absorcións derivadas do uso da terra e a silvicultura) de gases causantes do cambio climático en Galicia. É a principal conclusión do informe As emisións provinciais de Gases de Efecto Invernadoiro en Galicia (1990-2022), que vén de presentar o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) a partir do inventario oficial de emisións divulgado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que analiza por primeira vez datos a nivel provincial.
Estes datos correspóndense con que no territorio que abrangue a provincia da Coruña están instaladas as principais industrias enerxéticas fósiles: a refinaría de petróleo da Coruña e as centrais de ciclo combinado de gas fósil de Sabón (Arteixo) e As Pontes de García Rodríguez; así como polo peso demográfico desta provincia e a súa achega ao PIB galego.
Lugo é a segunda provincia en canto a emisións de gases de efecto invernadoiro, acumulando o 20,9% do total galego. Polo que, tal e como destacan desde o OGACLI, “practicamente as tres cuartas partes das emisións territoriais galegas orixínanse no norte do país”.
As emisións de gases de invernadoiro de Galicia reducíronse o 33% en 2022 con respecto a 1990, principal ano de referencia das políticas climáticas. Esta baixada sustentouse na diminución á metade das emisións na provincia da Coruña, debida sobre todo á substitución do carbón na produción eléctrica. Pola contra, as emisións medraron de forma importante en Ourense (12,5%) e en Pontevedra (16,5%). En Lugo tamén se recortaron (-10,3%), mais foi pola parada temporal da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao.
Segundo o informe do Observatorio Galego da Acción Climática o transporte é o único sector onde aumentaron as emisións en todas as provincias entre os anos 1990 e 2022
Segundo o informe do Observatorio Galego da Acción Climática o transporte é o único sector onde aumentaron as emisións en todas as provincias entre os anos 1990 e 2022, o que tamén practicamente aconteceu no caso das emisións de orixe non fósil da agricultura e a gandaría, que só se mantiveron en Ourense.
As emisións asociadas ao uso total de enerxía fósil nos sectores comercial/institucional, residencial e primario medraron en todas as provincias, agás en Pontevedra, debido á menor achega do sector primario. En canto ás emisións industriais e do tratamento de residuos, estas descenderon de forma xeneralizada en todo o país.
O informe, que emprega datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, recolle que as emisións de GEI de Galicia aumentaron un 2,5% entre 2021 e 2022, e que foi a provincia da Coruña a que impulsou ese incremento interanual, ao subiren as súas emisións ata nun 12,2% máis. “A causa principal foi a maior actividade tanto da refinaría de petróleo como das centrais eléctricas de gas fósil, nun contexto de estancamento da transición enerxética e de seca”, explican.
As conclusións do OGACLI para a redución da contaminación da atmosfera céntranse na descarbonización do transporte
Existen grandes desigualdades provinciais nas emisións per cápita. As máis elevadas son as de Lugo (12,6 toneladas por habitante), moi superiores á media galega (7,2 t/hab), o que se explica polas súas producións tanto gandeira como de alumina e aluminio na fábrica de Alcoa na Mariña. No extremo contrario colócase Pontevedra, con só 4 t/hab, sen apenas produción enerxética fósil, con emisións industriais e gandeiras relativamente baixas e que importa a maior parte da electricidade que consome.
As conclusións do OGACLI para a redución da contaminación da atmosfera céntranse na descarbonización do transporte, mediante a restrición do uso do vehículo privado, a mellora da oferta das liñas de tren e o autobús, e mais a electrificación baseada en electricidade renovable. Coinciden en que esta sería a acción climática “máis prioritaria” nas catro provincias galegas. Ademais, no caso da Coruña salientan tamén a necesidade de “acelerar a fin do sector enerxético fósil”. Para a provincia de Lugo inciden en que hai que darlle pulo á transición agroecolóxica.
O informe completo do OGACLI pódese consultar aquí.