A evolución de positivos detectados modérase e medra por baixo do 8%, ata os 4.379; o número de altas son xa 333
O ritmo de expansión da pandemia do coronavirus e o seu impacto no sistema sanitario semella moderarse en Galicia. É o que cabe tirar dos datos actualizados este xoves, 2 de abril, polo Servizo Galego de Saúde. Os positivos activos pola covid-19 no país son xa 4.379, un crecemento diario do 7,91% de casos detectados que é o menor incremento porcentual nun día -por segunda xornada consecutiva- dende o primeiro caso diagnosticado no país nun contexto de desaceleración das entradas na UCI por esta causa.
A peor cifra segue a ser a de falecementos. Son xa 130 os que o Sergas liga ao coronavirus, aínda que o seu crecemento tamén se modera. Son, nesta ocasión, un 13% máis que no día previo, e a cifra rexístrase mentres as altas aumentan a maior ritmo; son xa 333, case un 30% máis que no día anterior.
Por segunda xornada consecutiva, Sanidade fai especial fincapé en que a taxa de letalidade do coronavirus en Galicia é, atendendo aos casos detectados, a "máis baixa de todas as comunidades autónomas". Así, fronte á media estatal do 8,86%, o dato galego está no 2,32% de falecementos sobre o total de contaxios detectados. Esta taxa está intimamente relacionada co número total de test realizados: segundo o Sergas, as probas PCR xa chegan a Galicia a 21.360 -o mércores, 1 de abril, eran 19.332-.
O 22% dos positivos activos, no hospital
O crecemento diario da asistencia en UCI é o menor dende o inicio da pandemia
O balance diario do Sergas apunta tamén a un novo descenso do ritmo de entrada de pacientes nas unidades de coidados intensivos a causa do coronavirus. Son xa 165 persoas as que precisan desta asistencia, un 5,1% máis que no día previo, o que supón o menor crecemento diario dende o comezo da pandemia e implica, ademais, encadear unha semana de baixada do ritmo de incremento. O 25 de marzo, por exemplo, este ritmo era superior ao 27% en vinte e catro horas.
Tras o levísimo descenso rexistrado o pasado mércores, este xoves o número de persoas ingresadas en unidades hospitalarias ordinarias a causa da covid-19 volve aumentar, pero tamén lixeiramente. Son un total de 819 persoas hospitalizadas 'en planta', un 1,49% máis que o día anterior. Isto supón que en torno ao 22% das persoas con positivos detectados están ingresadas en centros hospitalarios galegos, mentres que o 78% restante, 3.395 persoas -un 9,73% máis en vinte e catro horas- están illadas nos seus domicilios.
A área de Vigo supera o milleiro de positivos activos
Os datos deste 2 de abril indican ademais que, por primeira vez, unha das áreas sanitarias galegas supera o milleiro de positivos por coronavirus activos. É a de Vigo, con 1.018, seguida de preto pola da Coruña, con mái sde 950. Este xoves a área de Ourense supera á de Santiago e convértese na terceira con máis positivos detectados. Esta área vén sendo, ademais, a que presenta unha maior incidencia da doenza en Galicia -maior número de casos por cada 100.000 habitantes- [9 gráficos para coñecer a evolución da epidemia e a situación dos hospitais en Galicia]