As persoas hospitalizadas ou en UCI por coronavirus acumulan seis días seguidos de descensos en Galicia

©

Xa hai preto de mil altas acumuladas mentres que os falecementos suman 318, dos que o 39% vivían en residencias

Os casos activos confirmados de coronavirus en Galicia chegaron este xoves, segundo os datos oficiais divulgados este venres polo Sergas, a 5.631, un 1,44% máis que un día antes, aumento similar aos dos últimos catro días, mentres que as cifras de persoas hospitalizadas en UCI acumulan o sexto día consecutivo de descenso e as de hospitalización xeral caen desde o luns.

Segundo os datos do Sergas, morreron xa en Galicia 318 persoas, 21 máis (un 7% máis) que o día anterior. Do total de persoas falecidas, 125 (o 39,3%) vivían en residencias sociosanitarias. Na outra banda, as altas ascenden xa a 997, un 9,5% máis que na xornada anterior.

Os datos do Sergas permiten comprobar que o número de persoas en UCI volveu baixar por sexto día consecutivo e son 149, cinco menos que un día antes e 28 menos que no pico de 177 ao que se chegou o 4 de abril. Igualmente, canto ao resto de persoas hospitalizadas a cifra volveu caer, ata 766, tamén moi por baixo das 939 que chegou a haber o luns pasado.

Este venres o Sergas tamén informou de que o teléfono gratuíto de información sobre o coronavirus, o 900 400 116, recibiu máis de 65.000 chamadas desde o 17 de marzo e que chegou a atender 6.474 chamadas nun só día, o 20 de marzo. Ademais dese teléfono, as urxencias sanitarias seguen a atenderse a través do 061, que recibiu outras 47.481 chamadas por temas relacionados co coronavirus. O 061 acadou o 18 de marzo o seu récord de chamadas dende a súa creación en 1995, con 5.956, case dúas mil máis que as cifras máximas acadadas en períodos de gripe.

Canto ao impacto por áreas sanitarias, mentres A Coruña e Vigo parecen estabilizarse, con tres e cinco novos casos respectivamente, ao igual que outras áreas como Pontevedra que mesmo reduce o número, Ourense volve aumentar significativamente por segundo día consecutivo con outros 41 novos casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.