As primeiras nevadas do ano levan a alerta laranxa á montaña de Lugo e Ourense

Dispositivo de emerxencia durante un temporal de neve en Pedrafita en novembro de 2019 © Delegación do Goberno de España en Galicia

A Xunta activa para a xornada deste martes a alerta laranxa por acumulacións de neve en 24 horas de 20 centímetros por riba dos 800 metros de altitude e de ata cinco centímetros en altitudes entre os 300 e os 500 metros nas zonas de montaña de Lugo e Ourense

A Xunta activa para a xornada deste martes a alerta laranxa por neve nas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sinala que, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por nevaradas comezará este martes 17 a primeira hora da mañá nas áreas de montaña de Lugo e Ourense por acumulacións de neve en 24 horas de 20 centímetros por riba dos 800 metros de altitude e de ata cinco centímetros en altitudes entre os 300 e os 500 metros.

Por outra banda,  estará activo o nivel de aviso amarelo debido a acumulacións de neve que poden superar os catro centímetros entre os 300 e os 500 metros de altitude no interior da provincia da Coruña; na Mariña lucense e no centro e sur de Lugo; nas zonas do noroeste e sur de Ourense así como na comarca de Valdeorras; e no interior da provincia de Pontevedra.

Mapa dos avisos de nivel laranxa activos en Galicia na mañá deste martes, 17 de xaneiro CC-BY-SA Axega

Suspendido o transporte escolar nos centros de ensino das zonas de montaña de Lugo e Ourense durante todo o martes polo aviso laranxa por nevarada

Ante as nevaradas, recoméndase "evitar as viaxes en automóbil sempre que non sexan necesarias e levar sempre o depósito cheo". Desde a central de emerxencias do 112 Galicia estenden a recomendación a "usar a roupa e calzado axeitado, evitar que persoas maiores saian á rúa e ter a man lanternas e cadeas".

A Consellería de Educación suspende este martes o transporte escolar nos 17 centros de ensito dos concellos das zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense polo aviso laranxa por nevaradas. Tampouco haberá transporte escolar no horario de tarde para os centros situados nos concellos do interior das provincias da Coruña e Pontevedra, do centro e do sur de Lugo, do noroeste e do sur de Ourense e mais da comarca de Valdeorras, que están afectados por unha alerta amarela ata o xoves.

Meteogalicia sinala unha alerta de nivel vermello por ondas superiores aos oito metros na costa noroeste da Coruña e na Costa da Morte

Da mesma maneira, a Comisión Escolar de Alertas da consellería decreta a suspensión das actividades no exterior nos centros de ensino da Mariña lucense e do noroeste da Coruña ata as 12:00 da mañá do martes, a causa do aviso de nivel laranxa por refachos de vento. "Farase seguimento das condicións climáticas ao longo da mañá, por se houbera que tomar decisións adicionais", conclúen desde Educación, que pide extremar precaucións ante un posible empeoramento da situación.

Alerta na costa por temporal

Na predición de Meteogalicia xa hai avisos de nivel vermello por ondas superiores aos oito metros na costa noroeste da Coruña desde as 15:00 horas do martes e ata que remate o día, e mais na Costa da Morte, onde o nivel vermello de alerta comeza ás tres da tarde do martes e ten previsto rematar ás tres da madrugada do mércores. Meteogalicia tamén mantén activada este martes unha alerta laranxa en todo o litoral galego por vento no mar, pois agarda que o vento do noroeste chegue con forza oito; así como haberá un aviso de nivel laranxa en toda a costa por mar combinada do noroeste con ondas entre cinco e oito metros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.