Barreiros ofrece pisos baleiros da burbulla inmobiliaria para facilitar illamentos e corentenas polo virus

Pisos en Barreiros, onde a burbulla inmobiliaria fixo que haxa centos de vivendas baleiras e segundas residencias CC-BY-SA Praza Pública

“Podemos tirar cousas boas do mal feito”, di a alcaldesa, que se ofrece a coordinar os ofrecementos de particulares coas necesidades sanitarias

Barreiros, con apenas 3.000 habitantes, ten máis de 600 pisos baleiros e arredor de 3.000 segundas residencias, froito de ducias de licenzas ilegais outorgadas durante a burbulla inmobiliaria polo anterior alcalde, do PP, para milleiros de vivendas, non todas rematadas. Agora o actual goberno local, encabezado polo BNG desde as municipais do pasado ano, ofrécese para coordinar e poñer en contacto a particulares e responsables sanitarios por se algunhas desas vivendas poden ser empregadas para facilitar illamentos ou corentenas.

A alcaldesa, Ana Ermida (BNG), vén de emitir este luns un bando co que informa á cidadanía de que “o Concello de Barreiros ponse a disposición de xestionar espazos para aqueles pacientes que deban permanecer illados por razón de saúde e non poidan garantir ditas condicións nas súas vivendas”, e facilita un teléfono no que comunicar a necesidade deses espazos, que será valorada “polo departamento de servizos sociais en colaboración cos servizos sanitarios”. 

Concello de Barreiros CC-BY-SA Praza Pública

O Concello xa conta con ofrecementos de propietarios particulares e establecementos hoteleiros que suman unhas 20 camas, ás que o Concello podería sumar outras 40 de albergues municipais

Ermida sinala que de momento xa contan con ofrecementos de propietarios particulares e establecementos hoteleiros que suman unhas 20 camas, ás que o Concello podería sumar outras 40 de albergues municipais. “Xente que ten pisos baleiros ponos en coñecemento do Concello e o Concello comunícallos ás autoridades sanitarias”, di a rexedora, para a que a medida amosa “que o pobo de Barreiros é solidario” e que a burbulla inmobiliaria vivida no seu momento, cando leiras de 3 euros o metro cadrado tornaban en solares de 600 euros o metro, “non foi algo intrínseco de Barreiros”. “Queremos aproveitar que as cousas menos boas, ou mal feitas, tamén poden tirar cousas boas”, valora. 

Con apenas 3.000 habitantes, Barreiros ten máis de 600 pisos baleiros e arredor de 3.000 segundas residencias, froito de ducias de licenzas ilegais outorgadas durante a burbulla inmobiliaria

Cando o anterior alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, do PP, quería facer dese concello rural de apenas 3.000 habitantes o “Sanxenxo do norte” a súa estratexia pasaba por facilitar a construción de segundas residencias. Segundo os propios datos do plan de urbanismo que o popular intentou tramitar sen éxito nos seus últimos anos de mandato, e no que teimaba en manter o mesmo modelo de crecemento con outras 2.000 novas vivendas, a vila, de 3.000 habitantes, conta con 4.376 vivendas, tras incrementar o parque un 123% na primeira década do século. Desas edificacións, hai tres anos 2.846 correspondíanse con segundas vivendas e 687 estaban oficialmente baleiras. O rexedor popular foi absolto de prevaricación pero a xustiza tamén estableceu que boa parte daquelas icenzas que outorgara foran ilegais.

Urbanismo disperso de Barreiros CC-BY-NC-SA Xunta de Galicia, Plan de Ordenación do Litoral

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.