Bombeiras e bombeiros do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) da Xunta, que adoitan ser contratados durante seis meses para apoiar na campaña de alto risco de incendios, denuncian que non fosen incorporados aínda ao seu labor ante unha "moi adiantada e moi perigosa" campaña incendiaria.
"O dramático incendio de Baleira é o preludio dun verán de medo", advirten
Ao igual que noutras veces manifestaron colectivos como Atrifoga -tamén de bombeiros contratados durante seis meses- ou Apropiga, alertan de que "o dramático incendio de Baleira", onde arderon 1.500 hectáreas, é "o preludio dun verán de medo" logo do "infernal verán do ano pasado".
Ante os cada vez máis frecuentes grandes e perigosos incendios en datas máis temperás, os bombeiros reclaman nun comunicado "a incorporación inmediata do conxunto dos efectivos de reforzo aos labores preventivos", aínda que aclaran que "as repentinas mudanzas e empeoramento das condicións meteorolóxicas" obrigaríaos a "realizar xa traballos de extinción".
Bombeiros forestais reclaman "a incorporación inmediata do conxunto dos efectivos de reforzo aos labores preventivos"
Precisamente, e logo das demandas por parte de numerosos bombeiros, a Consellería do Medio Rural anuncioulles a estes traballadores que serán incorporados o vindeiro 3 de maio ao operativo de prevención e extinción de incendios. Serán arredor dun milleiro que exercerá o seu labor durante uns seis meses e durante a campaña de alto risco.
Con todo, estes bombeiros, ante "a mudanza climática, abandono no rural e o estado xeral maioritario dos nosos montes", demandan "empezar sen dilación ningunha a realizar políticas preventivas para evitar o acontecido no pasado 2022 ou situacións de emerxencia aínda peores", en referencia ao ocorrido coa vaga de outubro de 2017 ou en Portugal, no mesmo ano, en Pedrógão Grande.
Así, demandan que, "para unha efectiva e necesaria práctica preventiva nos nosos montes e ante a gravidade que supón a proximidade deste a núcleos poboados", se "amplíen xa os meses de traballo de 6 a 12 mediante modificación substancial de contrato ou fórmula que as partes conveñan e o tempo indefinido que se precise".
"Os 6 meses (2 de prevención e 4 para extinción) están a ser unha dilapidación dos sagrados recursos públicos da cidadanía ao non poder facer unha política preventiva efectiva (é máis, case nin prevención se fai). Para empeorar o panorama, este ano cos sucesivos temporais deste inverno incorporouse unha boa achega de biomasa nos nosos montes. A seguridade non é un privilexio, é un dereito que teñen todas e todos os galegos", din. Ademais, recomendan que se tire das listas de 2019 "até completar as brigadas na súa totalidade".
Medio Rural incorporará o vindeiro 3 de maio un milleiro de traballadores para a campaña de alto risco de incendio que traballarán durante seis meses
"Resulta inadmisible e resulta inoperativo, as brigadas incompletas en moitos casos, todo o verán, como ocorreu en 2022", rematan.
Así, a meteoroloxía adversa durante o mes de marzo contribuíu a avivar uns incendios que, con todo, veñen sendo relativamente frecuentes a estas alturas do ano dende hai tempo. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, pertencente ao Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) que Medio Rural actualiza cada ano, en torno a finais de marzo adoita rexistrarse un primeiro pico de incendios.
Como adoito, non existe ningunha garantía de que os incendios comunicados pola Xunta sexan os únicos que están a acontecer. Dende o ano 2009, co retorno do PP ao Goberno, Medio Rural deixou de informar de todos os incendios e decidiu comunicar só os que superen as 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, os que atinxan a zonas habitadas ou espazos naturais protexidos.