Catro xornadas de debate afondan no marco legal das instalacións eólicas e na posibilidade dunha tarifa eléctrica galega

Parque eólico no Concello de Paradela © OEGA

Galicia está a vivir dende o ano 2019 un gran desenvolvemento do sector eólico, coa instalación dun gran número de parques en todo o territorio. Este proceso pode ser unha oportunidade de desenvolvemento económico para as comunidades rurais se estas obteñen os rendementos xustos pola explotación do seu territorio, pero tamén ten o risco de repetir o modelo seguido ata agora, con escasas compensacións para os propietarios rurais e concellos e con prexuízos medioambientais, patrimoniais e paisaxísticos.

Profesionais do dereito axudarán a "avanzar nunha configuración institucional" que contribúa á transición cara unha "sociedade enerxeticamente sustentable onde os aspectos sociais, económicos e ambientais dos territorios con valor eólico non queden á marxe"

O Observatorio Eólico de Galicia organiza ao longo deste mes de xullo unha serie de xornadas de información e debate nas que distintas persoas expertas analizarán analizarán o actual desenvolvemento do sector eólico no país na procura dunha sociedade "enerxeticamente sustentable" que mellore os aspectos sociais, económicos e ambientais.

"Todos e todas confiamos na necesidade de mudar o sistema enerxético desde o predominio fósil ata o mundo renovable", sinala a entidade, que subliña que é clave "a consideración dos efectos sociais, económicos e ambientais das infraestruturas de produción e distribución de electricidade por medio de turbinas eólicas é crucial para avanzarmos cara a sustentabilidade". As sesións terán lugar os venres 9, 16 e 23 de xullo, en horario de 12 a 14 horas e en formato online.

Instalación eólica en Muras © Concello de Muras

O venres 9 Carlos Amoedo Souto, profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, falará sobre “O impacto dos proxectos eólicos sobre o patrimonio cultural galego: un estado da cuestión”. A continuación, Manuel González Sarria, conselleiro técnico da Presidencia- CH do Miño-Sil, falará sobre “Terras agrarias, máis alá do rústico”.

As sesións terán lugar os venres 9, 16 e 23 de xullo, en horario de 12 a 14 horas e en formato online

O venres 16 a sesión afondará na temática das terras agrarias e os seus valores económicos e ambientais. Patricia Ulloa Alonso, presidenta do Xurado de Expropiación de Galicia, falará sobre “Valoración de terras para parques eólicos polo Xurado de Expropiación de Galicia”. Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago compartirá cos asistentes súas achegas ao tema “Ambiente e parques eólicos: prevalencia de usos, impacto ambiental e sobre o territorio.

Finalmente, o venres 23 abordaranse varios estudos de caso. En primeiro lugar, Fernández Armesto, xestor de Casa Grande de Xanceda (Mesía), compartirá a súa experiencia nos “Procedementos xurídicos en marcha no macroproxecto Ordes-Curtis”. Finalmente, X. A. Pérez Lema, socio en Pérez Lema Avogados e Consultores, introducirá o tema “A defensa do territorio, do patrimonio cultural, do ambiente e da economía local como límites á produción eólica na Galicia“.

Debate sobre a tarifa eléctrica diferenciada por territorios

Ademais, o Observatorio organiza unha cuarta xornada de debate, o luns 12 de xullo, centrada na posibilidade de que o Estado Español conte cunha tarifa eléctrica diferenciada por territorios. Nos últimos anos diferentes actores sociais, económicos e políticos reclamaron o establecemento dunha 'tarifa eléctrica galega'. A súa xustificación pivota sobre distintos elementos como a consideración das súas circunstancias específicas de subministro en termos de distancia entre centros de produción e consumo, a configuración das redes de distribución, a compensación por excedentes de produción, ou as externalidades medioambientais, entre outros.

O Observatorio organiza unha cuarta xornada de debate, o luns 12 de xullo, centrada na posibilidade de que o Estado Español conte cunha tarifa eléctrica diferenciada por territorios

Neste encontro, María Montero (Universidade de Vigo) presentará a sesión de debate, na que participarán Aitor Ciarreta (Universidade do País Vasco), Clara Isabel González Bravo (Xefa da Área de Prezos Regulados, Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia -CNMC-) e Xosé Manuel Golpe Acuña (Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña e Nosa Enerxía S. Coop.). As tres intervencións serán seguidas por unha quenda de debate e intervencións do público, que poderán seguir a sesión en formato online, moderada por Fidel Castro-Rodríguez (Universidade de Vigo)

Cabeceira da marcha contra a proliferación de parques eólicos CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.