CC.OO. pide recuperar o Consello Galego das Persoas Maiores, suprimido pola Xunta en 2015

26 de cada 100 persoas residentes en Galicia teñen 65 anos ou máis CC-BY-SA Praza Pública

Galicia é un territorio profundamente envellecido. 26 de cada 100 persoas residentes en Galicia teñen 65 anos ou máis, unha proporción que é aínda maior nas mulleres (case 29 de cada 100) e nas provincias orientais, especialmente en Ourense, onde o 32% da poboación supera esa idade. De feito, Galicia é a terceira comunidade autónoma do Estado coa idade media máis elevada, pois os 48,01 anos só son superados polos 49,07 de Asturias e os 48,14 de Castela e León.

Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia, destacou que a atención ás persoas maiores "ten que ser unha prioridade para este país"

A poboación de idade avanzada ten problemas e necesidades específicas, tanto de ámbito sanitario, como relativas ás súas pensións de xubilación, coma de acceso a servizos de todo tipo, con obstáculos incrementados nos últimos anos pola imposición de vías telemáticas e tecnolóxicas que moitas destas persoas non sempre dominan. CC.OO presentou este luns as conclusións dun estudo sobre a calidade de vida das persoas maiores, o Observatorio social de las personas mayores 2022, unha publicación que elaboran anualmente a Federación estatal de Pensionistas e Xubilados do sindicato e a Fundación 1.º de Mayo.

Presentación do 'Observatorio social de las personas mayores 2022'. Maica Bouza (secretaria de Política Social de CCOO de Galicia), Carlos Mella (secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia), Amelia Pérez (secretaria xeral de CCOO de Galicia) e Juan Sepúlveda (secretario xeral estatal da Federación de Pensionistas de CCOO) © CCOO

Galicia é o único territorio do Estado, xunto con Baleares, "que non conta cun espazo de participación institucional en que estean representadas as persoas maiores", di CCOO

Na presentación do informe Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia, destacou que a atención ás persoas maiores "ten que ser unha prioridade para este país", polo peso crecente deste colectivo e "porque a vellez non ten que ser cantidade en termos de esperanza de vida, senón tamén calidade". Neste senso Pérez reivindicou "políticas dedicadas aos coidados, sanidade ou atención á dependencia" e facer o posible para que as persoas maiores teñan unha "vellez digna", incidindo especialmente na necesidade de incrementar a contía das pensións máis baixas e asegurar o sostemento do sistema público.

Amelia Pérez reivindicou "políticas dedicadas aos coidados, sanidade ou atención á dependencia" e facer o posible para que as persoas maiores teñan unha "vellez digna"

O estudo destaca, por exemplo, que Galicia é o segundo territorio do Estado coas pensións máis baixas, cunha contía media de 1.013,75 euros, só por riba de Estremadura e moi lonxe dos datos de Euskadi (1.534,1 euros de media). De igual xeito, Galicia ten as pensións de viuvez máis baixas, cunha media de 655,9 euros, case 300 euros por debaixo da media no País Vasco (994,8 euros).

Pola súa banda, Maica Bouza, secretaria de Política Social de CCOO de Galicia, reclamou á Xunta a recuperación do Consello Galego das Persoas Maiores, un órgano que fora creado no ano 2000 e que foi suprimido polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo en 2015 aducindo razóns de aforro económico e de "racionalización". Dende entón, denuncia CCOO, Galicia é o único territorio do Estado, xunto con Baleares, "que non conta cun espazo de participación institucional en que estean representadas as persoas maiores". "Cómpre implicar o colectivo nas políticas que lles afectan", subliñou Bouza.

Galicia é o segundo territorio do Estado coas pensións máis baixas, cunha contía media de 1.013,75 euros, só por riba de Estremadura

A situación é aínda peor para as mulleres. Os homes xubílanse con máis anos cotizados e con bases de cotizacións máis elevadas e, en consecuencia, a pensión (contributiva) media dos homes galegos supera en máis de 400 euros á das mulleres, 1.258 euros fronte a 825. É dicir, a pensión media das galegas sitúase case 200 euros por debaixo do nivel do Salario Mínimo Interprofesional.

Máis do 60% das persoas de 65 a 74 anos declaran que non teñen habilidades dixitais ou sinalan que estas son baixas

O estudo afonda tamén na importancia da fenda dixital que sofren as persoas maiores, un problema que se incrementou despois da pandemia de COVID, que acelerou o tránsito a sistemas telemáticos. Juan Sepúlveda, secretario xeral estatal da Federación de Pensionistas de CCOO, destacou que máis do 60% das persoas de 65 a 74 anos declaran que non teñen habilidades dixitais ou sinalan que estas son baixas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.