'Che de Pedro', vítima do franquismo e protagonista do Día da Loita da Veciñanza Comuneira en Mazaricos

Homenaxe a Che de Pedro nunha edición anterior da celebración do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal © Concello de Mazaricos

O 22 de xaneiro de 1963 Xosé Esperante París, Che de Pedro, un veciño da parroquia de Eirón, en Mazaricos, foi asasinado durante un enfrontamento coa Garda Civil no contexto da defensa das terras comunitarias por parte da veciñanza

O 22 de xaneiro de 1963 Xosé Esperante París, Che de Pedro, un veciño da parroquia de Eirón, en Mazaricos, foi asasinado durante un enfrontamento coa Garda Civil no contexto da defensa das terras comunitarias por parte da veciñanza. Ese día un grupo de comuneiros tentaron impedir que as maquinas do Patrimonio Forestal Español entrasen no seu monte veciñal co obxectivo de expulsar o gando e proceder a facer unha plantación de eucaliptos. 

A súa morte, e as feridas doutros tres veciños (dous deles graves: Andrés Alvite Santos e Marcelino Esperante Antelo), convertéronse nun símbolo da loita labrega pola defensa das terras comunitarias e da resistencia fronte á represión franquista no rural galego. Varias das persoas mobilizadas recibiron, ademais, penas de cárcere.

En recordo destes feitos o Concello de Mazaricos vén acollendo dende o 2022 o Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal, unha conmemoración que este ano chega á súa quinta edición e que será especial por ser a primeira dende que Esperante foi recoñecido oficialmente como vítima da ditadura.

Monumento dedicado á loita comuneira no monte veciñal de Eirón, en Mazaricos © Concello de Mazaricos

En recordo destes feitos, o Concello de Mazaricos vén acolledo dende o 2022 o Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal, que este ano se celebra este mércores 21 de xaneiro

O pasado mes de outubro o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática recoñeceu o Che de Pedro como vítima do franquismo. O Delegado do Goberno central fixo entrega da Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal na súa memoria nun acto no que estiveron presentes tres dos catro fillos de Xosé Esperante e mais representantes do Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO), que promoveu a solicitude do recoñecemento. 

No acto, Pedro Blanco subliñou que “recoñecer a José Esperante é tamén honrar a dignidade dun pobo enteiro que non se dobregou ante a inxustiza”. Lembrou, neste senso, que “houbo persoas como José Esperante que, por defender o seu territorio e o seu medio de vida, foron perseguidas e asasinadas pola ditadura”. E engadiu que esta reparación “serve tamén para devolverlles a palabra, a memoria e o lugar na historia que lles corresponde a todos eses labregos e labregas que loitaron polos montes veciñais fronte ás repoboacións forzosas do réxime franquista”.

O pasado mes de outubro o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática recoñeceu o Che de Pedro como vítima do franquismo. O Delegado do Goberno central fixo entrega da Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal na súa memoria nun acto no que estiveron presentes tres dos seus catro fillos

Este ano os actos en Mazaricos do Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal terán lugar o mércores 21. A organización do evento corre a cargo do INGATECO coa colaboración da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) e a artista mazaricana Yas Deluaces, que participará na ofrenda floral. O Concello de Mazaricos apoia e facilita a celebración deste acto de memoria histórica.

Ás 11 da mañá, no Local Social de Eirón intervirán representantes de INGATECO, de ORGACCMM e do Concello de Mazaricos antes dunha charla-coloquio a cargo do doutor en Historia Eduardo Rico Boquete (USC) sobre "Repoboacións forestais e conflictividade social na ditadura franquista".

O delegado do Goberno do Estado en Galicia fai entrega da declaración de recoñecemento e reparación persoal en memoria de José Esperante París, en outubro de 2025 © Delegación do Goberno en Galicia

Os organizadores sinalan que a cita é "unha oportunidade para reflexionar sobre a defensa do patrimonio colectivo e a memoria democrática no rural galego"

Posteriormente, na Braña da Gatiñeira haberá unha lembranza das persoas represaliadas no franquismo diante do monumento a Che de Pedro. E, finalmente, unha ofrenda floral con interpretación do Himno Galego pola artista mazaricana Yas Deluaces.

Os organizadores destacan que a edición deste ano adquire "especial relevancia" tras o recoñecemento persoal e reparación de danos outorgado no pasado outubro polo Goberno do Estado a Che de Pedro. "Este recoñecemento oficial dálle aínda máis forza á nosa loita por manter viva a memoria de quen defenderon o que era de todos", sinalou o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco. 

Sinalan que a cita, aberta a toda a cidadanía galega, é "unha oportunidade para reflexionar sobre a defensa do patrimonio colectivo e a memoria democrática no rural galego".

O Delegado do Goberno do Estado sinalou que a reparación “serve tamén para devolverlles a palabra, a memoria e o lugar na historia que lles corresponde a todos eses labregos e labregas que loitaron polos montes veciñais fronte ás repoboacións forzosas do réxime franquista”

A iniciativa desta celebración partiu do INGATECO, asociación que está traballando na recuperación e difusión das diferentes formas de xestión comunitaria. A escolla de Mazaricos e dos feitos que tiveron lugar o 22 de xaneiro de 1963 tivo lugar no marco do V Congreso Galego de Comunidades de Montes, promovido pola ORGACCMM, onde se considerou que aquel enfrontamento "é representativo do acontecido noutras comarcas e perfectamente pode simbolizar nesa data unha referencia". 

INGATECO considera que "institucionalizar esta data sinalada" ten a "máxima importancia" e denuncia que "os ataques a titularidade xermánica que representan os montes veciñáis en man común, como figura ligada á nosa terra e unha característica propia do país, non cesaron, estando en loita constante ata o día de hoxe, con intentos continuos de usurpación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.