Marcos Pérez Pena

Unha ducia de loitas históricas polo medio ambiente e pola terra

O 15 de febreiro de 1977, hai 45 anos esta semana, a veciñanza das Encrobas enfrontouse á Garda Civil para tentar impedir a ocupación forzosa por parte da empresa Lignitos de Meirama. Foi unha das moitas loitas que nos anos 60, 70 e 80 do pasado século xuntaron reivindicacións medioambientais e mobilizacións pola terra e en defensa da poboación que vivía nun territorio. Velaquí algunhas delas.

  1. 01

    Castrelo de Miño

    A mobilización contra a construción do encoro de Castrelo de Miño a cargo de Fenosa en 1969 foi unha das primeiras nas que se implicaron as formacións políticas clandestinas que estaban a nacer na Galicia dos anos 60. A veciñanza da zona denunciaba a ocupación de terras fértiles e a baixa contía das indemnizacións ofrecidas. 

  2. 02

    A loita da draga en Pontevedra

    Con todo, non foi a de Castrelo de Miño a primeira mobilización deste tipo na ditadura franquista. Uns anos antes as mulleres de Ponte Sampaio, Arcade e Paredes, en Pontevedra, levaron a cabo unha protesta contra a draga do río Verdugo co obxectivo de obter area do seu fondo para empregala na construción en Vigo. O Concello de Pontevedra difundiu o pasado ano aqueles feitos, que supuxeron un anticipo das loitas en defensa da ría e en contra de ENCE que se veñen levando a cabo na comarca.

  3. 03

    Loita comuneira

    Tamén as comunidades de montes rebeláronse durante a ditadura en varios lugares de Galicia contra a ocupación das súas terras. Especialmente significativa foi a mobilización que no ano 1963 levou a cabo a veciñanza de Mazaricos, uns enfrontamentos nos que a Garda Civil acabou coa vida de Xosé Esperante, Che de Pedro, un veciño da parroquia de Eirón, a quen lembra este monolito e a quen se homenaxeou hai unhas semanas no Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal.

  4. 04

    Inicio do movemento ecoloxista galego

    Entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), conformada en 1976 ou ADEGA, creada en 1974 pero legalizado en 1976, foron as primeiras organización ecoloxistas nacidas en Galicia. En realidade, xa uns anos anos viñan formándose os seus xermolos, que no caso da SGHN foi o Grupo Ornitolóxico Galego, legalizado en 1973. Na imaxe, algúns dos seus membros na súa primeira visita ao Courel.

  5. 05

    As Encrobas

    E chegamos ás Encrobas en febreiro de 1977, a loita liderada polas veciñas e veciños para tentar impedir a ocupación forzosa por parte da empresa Lignitos de Meirama. A mobilización, na que adquiriu un gran protagonismo o crego Moncho Valcarce, deixou unha gran pegada no imaxinario social a través das icónicas fotografías de Xosé Castro ou das gravacións de Carlos Varela.

  6. 06

    Xove, contra a nuclear

    Durante todo ese ano 1977 outra das grandes mobilizacións tiña a Xove como escenario, onde se barallaba a posible instalación dunha central nuclear, que serviría para fornecer de electricidade á planta de Alcoa. No mes de abril levouse a cabo unha marcha na que participaron máis de 5.000 persoas e que rematou nun conflito entre militantes de UPG e PCG.

  7. 07

    Baldaio

    Moi pouco despois, en maio de 1977, a mobilización social tiña como epicentro Carballo, onde unha gran manifestación liderada polas Comisións Labregas esixiu a recuperación do areal de Baldaio para as mariscadoras locais, despois de que o Concello concedera unha autorización para a instalación dunha empresa de cría de peixe e engorde de moluscos. A marcha acabou cunha forte carga policial e enfrontamentos que se trasladaron ás propias marismas.

  8. 08

    Loita contra os encoros, de Sela a Portodemouros

    As protestas contra o encoro de Castrelo de Miño non foron as únicas contra a construción de encoros na Galicia do final da ditadura franquista e a Transición. Especialmente importante foi a mobilización contra o de Portodemouros, que incomunicou á veciñanza de Vila de Cruces e Arzúa. E tamén contra o de Sela, un encoro transfronteirizo impulsado por Fenosa e EDP e contra o que loitou a veciñanza de localidades galegas e portuguesas, como Crecente, Arbo e As Neves, e de Melgaço e Moncão. Neste caso a mobilización social conseguiu deter o proxecto. A concesión do encoro foi extinguida hai aínda uns poucos meses.

  9. 09

    Loita contra as celulosas

    A fábrica de pasta de celulosas de ENCE en Pontevedra inaugurouse no ano 1963. Porén, non era o único proxecto que neses momentos estaba sobre a mesa. Ao redor no ano 1975 planeábase a construción de factorías semellantes en Padrón, Ponteceso, O Barco, Negreira, Muxía e Fazouro (Foz). Houbo mobilizacións sociais que paralizaron moitos dos proxectos. Podes repasar aquí unha ducia de vistas á ría de Pontevedra sen ENCE.

  10. 10

    O Xurelo e a loita contra os vertidos radioactivos

    Unha das mobilizacións ecoloxistas máis importantes de finais dos 70 tivo como obxectivo deter o vertido de residuos nucleares na costa galega, na denominada Foxa Atlántica. Mariñeiros e activistas de Greenpeace e outras organizacións ecoloxistas loitaron durante anos para parar estes vertidos, algo que finalmente se conseguiu no ano 1982. O emblema desta mobilización foi un pequeno pesqueiro, o Xurelo, que en 1981, con militantes de Esquerda Galega e xornalistas a bordo, se dirixiu ao punto no que se estaban a depositar os bidóns radioactivos.

  11. 11

    Urquiola e Casón, antecedentes das protestas do Prestige

    Antes dos desastres do Prestige ou do Mar Exeo houbo outros: Polycommander (1970), Urquiola (1976), Casón (1987)..., que tamén espertaron as protestas polo efecto que sobre o medio ambiente, a pesca e a poboación podían ter as cargas que transportaban. Nese ano 1987 no que o Casón quedou varado en Fisterra con 1.100 toneladas de produtos químicos, o problema acabou trasladándose a Guitiriz, onde ían ser transportados os perigosos bidóns descargados do buque, algo que a poboación local impediu.

  12. 12

    A mobilización contra os incendios e por un novo modelo forestal

    As grandes mobilizacións contra os incendios e por un novo modelo forestal foron posteriores, pero xa no ano 1989 presentouse no Parlamento a primeira Proposición de Lei por Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) da historia de Galicia, unha ILP pola Conservación, Mellora e Desenvolvemento do Patrimonio Forestal que apostaba pola diversificación de especies e denunciaba os proxectos de instalación de máis celulosas. A proposta foi defendida por Ramón Varela Díaz, ex-presidente de ADEGA.