CIG-Ensino, STEG e CSIF, os tres sindicatos impulsores das mobilizacións contra o acordo educativo asinado pola Xunta con outras tres centrais (CCOO, ANPE e UGT), veñen de reclamar por carta ao conselleiro Román Rodríguez unha xuntanza para negociar "melloras reais" nas condicións do profesorado da escola pública.
CIG. STEG e CSIF advirten que "nin dan nin darán por pechada a posibilidade de negociar" e aseguran qeu xa "cederon" nas súas demandas iniciais
As tres centrais, que acadaron o 60% da representación nas eleccións sindicais de hai agora un ano, advirten ao titular de Educación que "non dan nin darán por pechada a posibilidade de negociar" e aseguran que "cederon" nas súas demandas iniciais para presentar unha proposta “perfectamente factíbel tanto a nivel orzamentario como temporal”. Así, insístenlle en que ningunha das organizacións está “pola lea”, senón por conseguir a táboa reivindicativa que din que demanda a maioría do profesorado.
Por iso, insisten nas súas demandas: a recuperación dos horarios lectivos de 18 horas en secundaria, FP e demais ensinanzas e de 21 horas en Infantil e Primaria nun máximo de dous cursos e a redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
Os sindicatos esperan a resposta do conselleiro ou de Rueda e anuncian que continuarán coas "accións necesarias" se non hai "movementos nin vontade de rectificar"
Tamén insisten na aplicación de medidas inmediatas (xa no curso 2024/25) para a "redución da burocracia co aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e de titoría e co aumento de persoal administrativo", así como unha repartición lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado.
Ante esta proposta que cualifican "de mínimos", os sindicatos aseguran que a palabra téñena agora o conselleiro ou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. E a ambos anúncianlles que se non hai "movementos nin vontade de rectificar" por parte do Goberno, continuarán coas "accións necesarias para facer valer a voz do profesorado galego fronte ao inmobilismo da Administración".
No documento remitido á Consellería, CIG, STEG e CSIF fan un "último chamamento á responsabilidade" das centrais que asinaron un pacto que, segundo a súa opinión, "en lugar de melloras é de renuncias”. E pídenlles que se unan "á loita conxunta" e non "traizoen o colectivo docente galego que, malia todo, se mantivo unido durante este mes reivindicativo".
Na carta, os tres sindicatos chaman aos outros tres que asinaron o acordo "a denuncialo, a desautorizar o conselleiro para que non os erixa como escusa para non negociar melloras reais para o colectivo".
Críticas ao conselleiro e ao resto de sindicatos
O texto tamén critica con dureza a "actitude" do conselleiro que o mesmo día da última xornada de folga tras afirmar que non hai marxe para negociar porque “sería faltarlle ao respecto e non ter en consideración aos tres [por CCOO, ANPE e UGT] que si asinaron” para a seguir indicar que a organización que non asinou [en referencia á CIG-Ensino] non tivo interese en facelo e prefire “xerar certo lío no sistema”.
Para os tres sindicatos, que esta sexa a única resposta por parte do responsábel de Educación "é unha irresponsabilidade" e lémbranlle que “está desprezando unha ampla maioría do profesorado que ve frustradas as súas expectativas de recuperar dereitos arrebatados como os horarios lectivos ou avanzar en condicións e prazos asumíbeis en aspectos tan fundamentais como a redución das ratios ou da burocracia”.
CIG, STEG e CSIF destacan, ademais, o "enorme compromiso e dignidade" do profesorado coa súa participación nas diferentes mobilizacións e avalían "moi positivamente a masiva asistencia ás manifestacións". Alén disto, advirten da dificultade de mobilizarse neste caso “non só contra as decisións dun goberno, senón despois de que este asinara con aleivosía un acordo cunha minoría sindical” e enxalzan que o colectivo docente se mantivo unido malia "a clara intención de dividilo co propio contido do acordo".
Á vez acusan os tres sindicatos asinantes de "colaborar na división ao non se manteren firmes nas que eran tamén as súas demandas, e así o recollían un día antes de comezar as negociacións": "A recuperación das 18 horas en Secundaria e demais ensinanzas e das 21 en Infantil e Primaria, renunciando ao primeiro e dando por boa a baixada a 23 nestas últimas etapas e aceptando un calendario de redución das ratios que nos leva a prazos inasumíbeis de até 9 anos na etapa de primaria e sen datas concretas na ESO, Bacharelato e resto de ensinanzas".