Compostela ten un plan para recuperar o comercio de proximidade na cidade histórica

Unha imaxe do barrio de San Pedro © Manu Suárez

Compostela non é un parque temático. Ou, cando menos, non quere selo. No seu centro histórico viven persoas e non poucas precisamente, case 11 mil. De feito, a poboación da zona vella da cidade vén medrando nos últimos trinta anos

Compostela non é un parque temático. Ou, cando menos, non quere selo. No seu centro histórico viven persoas e non poucas precisamente, case 11 mil. De feito, a poboación da zona vella da cidade vén medrando nos últimos trinta anos, especialmente na última década (dos 8.796 de 2015 aos 10.708 de 2025, un aumento do 22%). Porén, esta crecente poboación sofre varios problemas que ameazan a súa calidade de vida e a continuidade deste barrio como barrio, isto é, como unha comunidade viva. 

Entre eles destaca a case que inevitable saturación turística e, ligado a ela, a desaparición do comercio de proximidade, convertidas as tendas de ultramarinos e outros establecementos empregados pola poboación residente en locais de venda de souvenirs ou de produtos típicos, pensados para os visitantes. Non é un problema exclusivo de Santiago, pero na capital galega os efectos son especialmente intensos. Abonda por camiñar un pouco polas rúas da súa zona vella. 

A poboación da zona vella sofre os efectos da substitución do comercio de proximidade por locais de venda de souvenirs ou de produtos típicos, pensados para os visitantes

O pasado mes de xuño o Concello de Santiago iniciou o procedemento para revisar o Plan especial de protección e rehabilitación do casco histórico da cidade, o documento que regula os usos permitidos nestes barrios. O obxectivo desta modificación puntual do Plan -xa aprobada pola Xunta de Goberno local e pendente da súa aprobación definitiva no pleno municipal, onde necesita unha maioría simple- é manter e reforzar o uso residencial característico da cidade histórica, promover o mantemento do comercio de proximidade, facilitar a implantación de novos usos dinamizadores da cidade histórica e garantir o equlibrio entre usos orientados a residentes e orientados a turistas.

Unha das claves deste movemento do Goberno local de Santiago é blindar o comercio de proximidade, un servizo básico para a poboación que se asente no casco histórico. Deste xeito, prohíbese a apertura en toda a cidade histórica de novos establecementos de venda de souvenirs e de produtos típicos, o mesmo que a instalación de novas máquinas automatizadas (vending, consignas, lavanderías...). Unhas medidas de control xa iniciadas o pasado ano. Locais de venda de produtos típicos si se poderán integrar en novas tendas de alimentación, sempre que non superen o 20% da oferta, co obxectivo de que “quen queira ofrecer ese tipo de produtos oferte tamén produtos de alimentación dirixidos á poboación residente”.

O Goberno local modificou o Plan especial do casco histórico para blindar o comercio de proximidade e limitar a instalación de máis tendas de recordos, máquinas automáticas e de venda de delicatessen. Ademais, mantense a prohibición de novos usos hoteleiros

O plan tamén incorpora medidas relativas á vivenda, axustadas ás características particulares destes barrios. Así, permitirase dividir o agrupar inmobles, sempre que as vivendas resultantes teñan un mínimo de 40 metros cadrados (no actual plan o mínimo era 70 metros cadrados), cumpran coa normativa de habitabilidade, sexan exteriores e respecten os elementos catalogados. Ademais, mantense a prohibición de novos usos hoteleiros.

 

De 645 a 202 tendas de proximidade en 30 anos

De que maneira mudou o comercio nestes barrios nas últimas décadas? É tan grave a situación de monocultivo comercial? Canto comercio de proximidade queda nestas rúas? O pasado ano o Goberno local comezou un minucioso traballo de campo para recolles información detallada. O estudo identificou 1.394 locais destinados a usos de carácter terciario, dos que a maior parte estaban ocupados (o 78%) e o resto baleiros. Tamén identificou os usos concretos de cada local.

Dende 1991 o número de tendas de proximidade pasou de 645 a 202, ao tempo que se incorporaron 207 locais que ofrecen servizos e produtos destinados principalmente ao turismo

Esta análise permitiu comparar a situación actual coa que se daba no ano 1991, un momento no que funcionaban 645 establecementos comerciais que se podían definir como de proximidade. Trinta anos despois a cifra descendeu a menos dun terzo (202), ao tempo que se incorporaron 207 locais que ofrecen servizos e produtos destinados principalmente ao turismo.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, destacou na presentación das accións postas en marcha que “Santiago está sendo pioneiro, porque estamos establecendo unha regulación de usos moi pormenorizada para ter a posibilidade de definir que usos se poden implantar e cales non”.

O cambio afecta a todo tipo de comercios, destacando o descenso experimentado polas tendas de alimentación, que pasaron de 125 a 35 (a cambio, apareceron 43 dedicadas a produtos típicos ou delicatessen)

O cambio afecta a todo tipo de comercios, destacando o descenso experimentado polas tendas de alimentación, que pasaron de 125 a 35 (a cambio, apareceron 43 dedicadas a produtos típicos ou delicatessen). As tendas de roupa pasaron de 121 a 44, as de calzado de 51 a 6, as de electrodomésticos de 9 a 1 e desapareceron as 12 ferraxarías existentes en 1991. En cambio, nestes barrios existe na actualidade case un cento de tendas de souvenirs e 72 establecementos de artesanía ou deseño dirixidos principalmente aos visitantes. Tamén se incrementou a oferta de bares, cafetarías e pubs, conformando unha realidade da zona vella máis como un lugar de paso e non como un barrio no que vivir.

É certo que a crise do comercio de proximidade non é exclusiva de Santiago nin dos centros históricos. Os barrios de todas as cidades e vilas asisten todos os anos ao peche das tendas de toda a vida e presenta un ecosistema comercial cada vez máis pobre, debido á proliferación das compras por Internet e á aparición de grandes centros comerciais nas zonas urbanas.

Hai, ademais, case un cento de tendas de souvenirs e 72 locais de artesaría e deseño dirixidos principalmente aos visitantes

Pero outros barrios aínda presentan unha maioría de comercios destinados á poboación residente (dende froiterías e peixarías a perruquerías ou tendas de remendos), mentres que moitas rúas da cidade histórica de Santiago presentan unha oferta comercial case inexistente para as necesidades das persoas que a habitan. É por iso que as modificacións introducidas polo Goberno local de Compostela no Plan fan fincapé, por exemplo, na necesidade de que o espazo que ocupa o supermercado situado no Pazo de Bendaña fique como “equipamento comercial necesario”, é dicir, que terá que seguir habendo un supermercado nese inmoble, aínda que cambie a cadea. Tamén se incide no papel da praza de Abastos como "centro de alimentación de proximidade".

Búscase acadar un certo equilibrio entre as necesidades das persoas residentes e das que visitan a cidade de forma esporádica

O monocultivo comercial dirixido ao turismo é especialmente abafante, como se ve na táboa, nas rúas do Franco, do Vilar, Acibechería e San Francisco, pero tamén na Caldeirería ou na rúa Nova. Hai outras, zonas, no entanto, onde esta modalidade de comercio coexiste aínda con outro tipo de tendas nas que mercan os residentes. O obxectivo é que esta coexistencia se reforce e se estenda. 

Búscase acadar un certo equilibrio entre as necesidades das persoas residentes e das que visitan a cidade de forma esporádica, fortalecendo, na medida do posible, o que poidan ter en común. Un exemplo positivo podería ser o do barrio de San Pedro que, por exemplo, vén incrementando de forma sostida a súa poboación (un 27% máis dende o ano 1996) e onde o comercio de proximidade resiste mellor que noutras áreas da cidade histórica.

Distribución das tendas 'orientadas ao turismo' no casco histórico de Compostela: souvenirs, delicatessen e produtos típicos, xoiaría e artesanía... © Concello de Santiago

O proceso de substitución das funcións tradicionais do comercio por outras orientadas cara o ocio e o turismo leva a que os barrios históricos se consoliden como espazos de consumo turístico, cultural e de ocio, ligados en gran medida á contemplación do patrimonio histórico. Isto provoca a simplificación funcional da cidade histórica e a perda sa súa diversidade, o que pon en risco a súa sostibilidade e a súa pervivencia no tempo como cidade viva e habitada. 

Distribución das tendas de comestibles e alimentación de proximidade no casco histórico de Compostela © Concello de Santiago

O propio ICOMOS alertou en varias ocasións dos efectos adversos da especialización ou monocultivo turístico, que leva á "perda da identidade e carácter dos lugares"

O propio ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) alertou en varias ocasións dos efectos adversos da especialización ou monocultivo turístico, que leva á "perda da identidade e carácter dos lugares". A preservación da cidade histórica "precisa esforzos para manter os usos tradicionais e protexer as persoas residentes e usuarias tradicionais", salientou en 2011 esta organización ligada á ONU a través da Unesco.

O obxectivo, ao cabo, é facer unha cidade histórica na que sexa agradable vivir. Porque o feito de contar con barrios vivos, con actividade real máis aló de seren unha fermosa fachada para ser admirada e fotografada, será a garantía de que a zona vella de Compostela siga a ser o que sempre foi e aquilo polo que é visitada. 

Iago Lestegas, concelleiro de Urbanismo, en rolda de prensa © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.