Concellos e Xunta reforzan os dispositivos de protección ante o frío días despois da morte dunha persoa sen fogar en Vigo

O Concello de Ferrol activou un dispositivo especial para protexer e dar aloxamento ás persoas sen fogar por mor das baixas temperaturas © Concello de Ferrol

Unha persoa sen fogar que vivía en Vigo morreu esta semana na rúa. Galego nacido en Senegal e con 47 anos de idade, levaba anos na cidade e adoitaba durmir no interior do seu coche. O seu falecemento coincidiu co forte descenso das temperaturas dos últimos días, pero de monento non se confirmou se isto puido ter relación coa súa defunción. O colectivo Os Ninguéns fixo públicas as súas "condolencias" polo seu pasamento e anunciou que nos vindeiros días organizará un acto no seu recordo.

Unha persoa sen fogar que vivía en Vigo morreu esta semana na rúa. Levaba anos na cidade e adoitaba durmir no interior do seu coche

O Concello de Vigo, que expresou o seu "pesar, explica que "os servizos sociais municipais levaban varios anos atendendo a este cidadán" e que era usuario da Unidade de Rúa. O Goberno local sinala que "os profesionais trataron en moitas ocasións de motivalo para que fixera uso das prestacións municipais (pernocta, entrega de comida, seguimento social, orientación educativa en hixiene e hábitos saudables)" e que o falecido "sempre foi reacio ao uso do servizo de pernocta e hixiene e tan só aceptou o servizo de comedor externo do albergue, prestación que usaba de xeito regular desde agosto de 2020".

Dispositivo especial posto en marcha polo Concello de Ferrol © Concello de Ferrol

O finado fixo uso do servizo de comedor externo do albergue municipal ata o día 6 de xaneiro

Engade que o pasado 7 de decembro o equipo da Unidade de Rúa do CIIES do Concello de Vigo "desprazouse ata o vehículo no que pernoctaba cando abandonaba as instalacións municipais, co obxectivo de facer un seguimento da situación e realizar novamente motivación de acceso a servizos sociais". "Tras a orientación da Unidade de Rúa, o falecido e a súa parella aceptaron praza de pernocta e foron derivados a un hostal ao que accederon ese mesmo día". Porén, uns días despois abandonaron o hostal e regresaron ao vehículo. O finado fixo uso do servizo de comedor externo do albergue municipal ata o día 6 de xaneiro.

En Ferrol un equipo de Protección Civil percorre o municipio en busca de persoas que dormen na rúa para ofrecerlles acubillo, bebida quente, comida e mantas

Ante o descenso de temperaturas que se está a producir dende hai varios días e que continuará ao longo desta fin de semana varias cidades galegas puxeron en marcha dispositivos especiais para incrementar a protección das persoas sen fogar. 

Ferrol

En Ferrol, por exemplo, o Concello proporciona aloxamento a todas as persoas sen teito que o requiren, activando un equipo de 12 efectivos da agrupación de voluntarios de Protección Civil, que na primeira noite do plan percorreu o municipio en busca de persoas que dormen na rúa para ofrecerlles acubillo, bebida quente, comida e mantas. Atendéronse a cinco persoas: unha foi trasladada a unha pensión, outra á casa dun familiar e as outras tres rexeitaron o aloxamento. Os e as voluntarias tamén se interesaron pola súa saúde, a súa situación familiar e proporcionáronlles un contacto ao que recorrer en caso de necesidade.

Este sábado e domingo continuará o dispositivo especial por mor das baixas temperaturas. O obxectivo, explican os edís de Seguridade e Benestar, é ofrecer a todas as persoas que dormen na rúa un aloxamento se eles queren.

Centro Cívico dos Mallos, na Coruña © Concello da Coruña

A Coruña

O Concello abriu o pasado xoves o Centro Cívico municipal dos Mallos para acubillar as persoas sen fogar da cidade

Na Coruña, o Concello abriu o pasado xoves o Centro Cívico municipal dos Mallos para acubillar as persoas sen fogar da cidade, un espazo que estará habilitado, cando menos, ata o luns pola mañá. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, explicou que “o hostal que lles ofrecemos desde o inicio da pandemia ás persoas que viven na rúa está completo” e “coas baixas temperaturas que estamos sufrindo estes días vemos moi necesario activar un dispositivo de frío para hospedalas”.

A alcaldesa, Inés Rey, apuntou que “o Concello da Coruña está preparado para as demandas dunha terceira onda, levamos tempo traballando sobre este posible escenario” e, neste caso, “decidiuse poñer en marcha unha medida dirixida á poboación máis vulnerable da cidade para combater o frío extremo que teremos nos vindeiros días”.

Xunta

Galicia conta nestes momentos con máis de 300 prazas en albergues, destaca a Xunta

Así mesmo, este sábado a Xunta destacou que as persoas sen fogar "teñen á súa disposición unha ampla rede de recursos" para protexerse das baixas temperaturas e as inclemencias do tempo durante a vaga de frío, explicando que Galicia conta nestes momentos con máis de 300 prazas en albergues que "ademais dun recurso temporal para resgardarse das baixas temperaturas" contan en moitos casos "con servizos de restauración, aloxamento e orientación profesional, así como de aseo persoal, lavandería e atención e acompañamento social".

Albergue xestionado por Cruz Vermella, durante o confinamento da pasada primavera © Cruz Vermella Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.