Continúa a redución de casos de coronavirus e a hospitalización segue á baixa malia á fin de semana

Análise de probas PCR no laboratorio do Sergas en Vigo CC-BY-SA Sergas

A incidencia en Lugo empeora lixeiramente pero a área sanitaria é a única das sete que xa non ten ningún caso ingresado

Malia que nas fins de semana adoitaban, cando menos ata agora, rexistrarse menos altas de pacientes ingresados por coronavirus nos hospitais galegos que nos días laborables, nos últimos datos oficiais facilitados polo Sergas, pechados ás seis da tarde do sábado, nese momento había os mesmos pacientes hospitalizados que ás seis da tarde do venres, 68. Inicialmente, o Sergas reportou por erro que eran 4 menos.

As cifras tamén reflicten que os ingresos seguiron estables malia ser sábado e que a caída é tamén significativa a respecto de hai unha semana, con 16 casos menos, unha cuarta parte dos que había daquela. A mellora da situación nos hospitais prodúcese tanto nos ingresos ordinarios, con 50 casos, como nas UCI, con 14 casos. 

A situación nos hospitais reflicte tamén que a área sanitaria de Lugo, que abarca non só os hospitais da cidade senón tamén os da Mariña e Monforte, queda con só 4 casos de ingresos de persoas coa COVID. Inicialmente, por erro, Sanidade informou de que xa non quedaba ningún. Porén, na cidade a incidencia acumulada do virus a 14 días por 100.000 habitantes está a empeorar lixeiramente nas últimas xornadas e con 83 casos xa é a peor das sete cidades galegas.

No global de Galicia, na última xornada o Sergas sumou outros 79 novos casos á serie histórica, na liña dos últimos días, mentres que os casos activos veñen de baixar de 1.500 (1.462) por primeira vez desde mediados de agosto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.