Contra os pisos turísticos ilegais: os que non amosen na rede o número de rexistro serán multados

Campaña de concienciación sobre a necesidade de optar por pisos turísticos legais © Concello de Santiago

Galicia suma 9.872 pisos turísticos legais, os inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT) que xestiona a Xunta. Porén, a esta cifra súmase unha cantidade indeterminada de apartamentos ilegais, non rexistrados e que realizan unha competencia desleal ao resto de aloxamentos turísticos, ademais de evadir o pagamento de impostos. Por exemplo, en Compostela existen 641 pisos turísticos rexistrados de forma legal, pero calcúlase que poden estar operando outros mil de forma ilegal. No 2018 o Concello de Santiago realizou un estudo que subliñaba que os pisos turísticos ilegais movían cada ano 8,5 millóns de euros non fiscalizados na cidade.

En caso de non facelo, os propietarios dos pisos turísticos serán sancionados con multas que se moven entre os 900 e os 9.000 euros

O Goberno galego anunciou hai uns días a posta en marcha de novas medidas para loitar contra a proliferación de pisos ilegais. Por unha banda, neste ano 2020 aumentará a actividade inspectora sobre as vivendas de uso turístico para comprobar o cumprimento da normativa vixente. Ademais, dende este 1 de xaneiro, todos os apartamentos están obrigados a amosar nas plataformas online nas que se anuncien o número de rexistro que figura no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT), un número de rexistro do que carecen os pisos ilegais. A medida busca "dotar esta actividade dunha maior transparencia, especialmente para os usuarios, permitindo diferenciar a oferta ilegal daquela que cumpre a normativa vixente", sinala a Xunta.

En caso de non facelo, os propietarios dos pisos turísticos serán sancionados con multas que se moven entre os 900 e os 9.000 euros. As sancións comezarán a aplicarse no mes de febreiro, e durante este mes de xaneiro os equipos de inspección da Xunta de Galicia limitaranse a un labor informativo.

Nava Castro e Román Rodríguez na presentación da nova regulación de pisos turísticos © Xunta

Dende este ano 2020 é obrigatorio que os propietarios destes establecementos remitan trimestralmente ao Goberno galego os seus datos de ocupación

Ademais, durante este ano 2020 será obrigatorio que os propietarios destes establecementos remitan trimestralmente ao Goberno galego os seus datos de ocupación, un aspecto sobre o que ata o momento non existen cifras exactas, dado que as vivendas de uso turístico compaxinan o uso residencial co turístico.

Durante o ano 2019 a Xunta abriu 107 expedientes relacionados con vivendas de uso turístico, 64 iniciados de oficio e 43 a partir de denuncias, un feito que “demostra a correcta convivencia deste tipo de establecementos co resto de tipoloxías”, indican os responsables da Consellería de Cultura e Turismo. Destes 107 expedientes, tan só 31 derivaron en sancións, a meirande parte delas por infraccións como operar sen estar inscritas no rexistro, sen presentar a correspondente declaración responsable ou sen obter a debida autorización turística. Trátase de incumprimentos cualificados como graves, segundo a normativa, que implican sancións de entre 900 e 9.000 euros.

Os case 10.000 pisos turísticos rexistrados en Galicia suman unhas 50.000 prazas de aloxamento

Os case 10.000 pisos turísticos rexistrados en Galicia suman unhas 50.000 prazas de aloxamento. Aínda que os pisos turísticos están a expandirse por toda Galicia, os concellos do litoral e as sete cidades seguen a ser as zonas de maior concentración destes establecementos. Sanxenxo (1.716) é a localidade cun maior número de vivendas de uso turístico, sumando 8.622 prazas.

A continuación aparecen Compostela (641), Vigo (373) e A Coruña (361). E a seguir sitúanse unha serie de vilas costeiras de importante actividade turística, principalmente no verán: O Grove (310), Foz (281), Barreiros (280), Cangas (269), Poio (229), Carnota (207), Fisterra (206), Bueu (174) e Baiona (159). Ourense (150) e Pontevedra (145) son as seguintes cidades na lista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.