Denuncian o proxecto de túnel na Porta do Sol de Vigo como unha volta "aos tempos do Scalextric"

O túnel aumentaría o tráfico na rúa Elduayen e no Paseo de Alfonso XII © Google

O pasado mes de maio o Concello de Vigo presentou o proxecto para construír un túnel soterrado na Porta de Sol para levar o tráfico dende a rúa Policarpo Sanz á rúa Elduayen, unhas obras que comezarán este outono. A infraestrutura, de 200 metros de lonxitude, terá un custo de 17 millóns de euros, e está a recibir grandes críticas de colectivos ecoloxistas e entidades veciñais, culturais e sociais, como Vigo Histórico, que alertan de que o túnel incrementará a presión do tráfico na contorna o centro histórico e que supón un convite á utilización do coche.

Dende os colectivos críticos lémbrase que co túnel se aumentarán as barreiras físicas e o tráfico tanto en Policarpo Sanz, coma na rúa Elduayen e no Paseo de Alfonso XII

O Goberno local da cidade defende que o proxecto conseguirá a peonalización dun espazo de 200 metros na Porta do Sol. En concreto, Abel Caballero afirmou que "queremos gozala como unha praza peonil", indicando que "Vigo non ten unha gran praza". Porén, dende os colectivos críticos lémbrase que co túnel se aumentarán as barreiras físicas e o tráfico tanto en Policarpo Sanz, coma na rúa Elduayen e no Paseo de Alfonso XII. "A execución deste túnel conleva a creación de senllas ramplas de acceso, unhas ramplas que xeran un ‘efecto barreira’ ao non poder cruzarse transversalmente e que, asemade, supoñen un foco de contaminación visual e acústica, debido á reverberación do ruído dos coches no interior do túnel", denuncia Greenpeace.

Colectivos como VigoHistórico ou Greenpeace reclaman a peonalización deste espazo © VigoHistórico

"Existe un gran consenso entre a cidadanía viguesa sobre a peonalización da Porta do Sol", lembra Vigo Histórico

"Existe un gran consenso entre a cidadanía viguesa sobre a peonalización da Porta do Sol. Todo o mundo ten claro que será positiva para a cidade, xa que dinamizará aínda máis parte do centro de Vigo e conectará o Casco Vello alto e o Casco Vello baixo, que ata agora estaban divididos", subliña o colectivo Vigo Histórico.

Vigo Histórico, que lanzou unha petición en change.org, reclámalle ao Concello que aposte, poto tanto, pola peonalización completa do espazo comprendido entre o final de Policarpo Sanz e o Paseo de Alfonso XII, un dos mellores miradoiros da cidade, "a mellor carta de presentación urbana desa xoia que aspira ao recoñecemento global, que son Illas Cíes", lembra a entidade. 

"Facendo o túnel, simplemente estamos soterrando o tráfico, pero non imos reducilo. Mesmo aumentará, debido ao 'efecto chamada', xa que aforrará ata catro semáforos aos vehículos"

"Facendo o túnel, simplemente estamos soterrando o tráfico, pero non imos reducilo. Mesmo aumentará, debido ao 'efecto chamada', xa que aforrará ata catro semáforos aos vehículos. As cidades deben buscar unha mobilidade menos contaminante, fomentar o transporte público e alcanzar un descenso substancial de vehículos de combustión nos centros urbanos", di o colectivo, que advirte de que a actuación "esnaquizaría" a imaxe da emblemática rúa Elduayen, "que en lugar de estrada terá dúas xigantescas gabias ou ramplas de 7 metros de profundidade e máis de 70 metros de longo cada unha".

"Estamos ante unha situación excepcional, que debemos aproveitar, xa que coinciden no tempo varios factores: a tendencia europea de reducir emisións e vehículos nas cidades, o feito de que a xente de Vigo quere a praza peonil, a proximidade da nova concesión do transporte urbano, e a consecución de fondos europeos por parte do Concello para o proxecto Vigo Vertical", engade.

Greenpeace cualifica esta actuación como unha volta "aos tempos do scalextric"

Pola súa banda, Greenpeace considera que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, "ten unha idea desfasada do concepto de 'progreso', máis propia do desenvolvismo dos anos 60 que dedicou a maioría do espazo público ao tráfico". E cualifica esta actuación como unha volta "aos tempos do scalextric", criticando a aposta por "un modelo que se demostrou errado e que tivo o seu reflexo en Vigo no vergoñento ‘scalextric’ de Alfonso XIII, Lepanto e Gran Vía, que se ideou para incrementar o número de vehículos no centro da cidade igual que o túnel que agora se propón", engade. 

Na Semana Europea da Mobilidade, Greenpeace convida a Abel Caballero a que se fixe "no modelo de Pontevedra, recoñecido mundialmente pola súa eficacia ao reducir o tráfico e incrementar os desprazamentos a pé". E tamén na decisión da Coruña de peonalizar por completo a súa Cidade Vella.

A entidade convida a Abel Caballero a que se fixe "no modelo de Pontevedra"

Vigo Histórico denuncia finalmente que "as ramplas de saída de Elduayen reducirán as beirarúas de forma moi notable e nalgúns casos ata o mínimo legal permitido, impedindo a creación de ramplas de acceso a minusválidos nos edificios históricos". Igualmente, alerta contra a afectación que sufrirá o Camiño de Santiago no seu acceso ao centro da cidade, que se realiza a través do Paseo de Alfonso.

Recreación do aspecto que presentaría a Porta do Sol co túnel © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.