DEP. Destruír é o plan. É o título do filme documental que presentou este mércores en Santiago SOS Sanidade Pública. A película, elaborada pola plataforma en colaboración con multitude de colectivos e plataformas, pretende descubrir "de maneira áxil e entretida os motivos polos que a mortalidade evitable, non explicable pola epidemioloxía, segue crecendo en Galicia".
Con testemuños de expertos e profesionais, o filme comezará o seu percorrido por diferentes festivais e poderá ser vista por quen queira desde este xoves 25 de maio na web de SOS Sanidade Pública. Tamén se realizarán visionados en bibliotecas, cineclubs, centros socioculturais e centros educativos e a plataforma impulsora convida a que calquera colectivo poida organizar pases da película sempre que sexa sen ánimo de lucro e unicamente solicitando unha copia a través da web.
"Ademais de analizar os motivos do devandito aumento da mortalidade, sen dúbida relacionado coas inexplicables listas de espera que seguen crecendo, tanto para atención hospitalaria como para a atención primaria, tamén se mostrará como se atopan os centros de saúde sen servizos mínimos e os PACs pechados, o que trae como consecuencia un colapso permanente das urxencias hospitalarias", explica SOS Sanidade Pública.
"En 2023 en Galicia seguen aumentando as mortes non xustificadas pola epidemioloxía. A poboación ten medo de enfermar nun sistema sanitario colapsando", comeza o filme.
O filme busca ·explicar "os motivos polos que a mortalidade evitable, non explicable pola epidemioloxía, segue crecendo en Galicia"
Ademais, a película fai un seguimento do proceso da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que, tras varios meses de recollidas de firmas, concentracións diante dos centros de saúde e grandes manifestacións como a que congregou máis de 50.000 persoas na praza do Obradoiro de Santiago en febreiro, foi debatida e presentada recentemente no Parlamento Galego.
"Multitude de persoas por toda Galicia mostraron a súa decepción e frustración nas redes sociais ante a inesperada resposta da Xunta, que aproveitando a súa maioría absoluta no Parlamento de Galicia decidiu votar en contra das medidas ditadas polos expertos e apoiadas pola maior recollida de firmas da historia en Galicia", lembra a plataforma, que sinala tamén a súa "incomprensión" pola ausencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da maioría do seu goberno no pleno no que se debateu a ILP.
"Continuaremos avanzando e denunciando esta situación insostible na sanidade pública ata que a Xunta cambie a súa política de xestión sanitaria e tome medidas reais para resolver todos os problemas actuais", rematan.
A preestrea do documental este mércores en Compostela permitiu tamén asistir a un coloquio no que participaron diferentes representantes de colectivos de defensa da sanidade pública como os doutores Xosé María Dios e Manuel Martín, voceiros de SOS Sanidade, ou Vanesa Viquendi, que foi a encargada de defender no Parlamento galego a ILP impulsada pola plataforma.
Durante ese pleno, o PP tombou a iniciativa, que contaba co apio de máis de 50.000 sinaturas, e sinalou os seus impulsores como "sucursal do bipartito". Na súa réplica, o Partido Popular considerou que a proposta de SOS Sanidade Pública non contemplaba "ningunha solución aos problemas" e só pretendía "salvar o falso relato da esquerda".