Dez diagnósticos novos de coronavirus mentres o Sergas segue comunicando recuperacións de días pasados

CC-BY-NC-SA Praza Pública

As revisións de casos dos dous últimos días fan que a incidencia na área de Ourense, ata agora a máis afectada, se achegue á de Vigo e que a de Santiago, que o venres era a segunda, pase este domingo a ser a cuarta

Despois de que este sábado a Xunta revisase novamente os casos de coronavirus notificados en días anteriores e aumentase en medio milleiro as novas ‘curacións’ sen referencia temporal, este domingo volveu aumentar en algo máis de trescentas as “infeccións resoltas” comunicadas ao Ministerio de Sanidade, co que segundo o Goberno galego “complétase a revisión no descenso de casos activos, de acordo coa última definición de caso publicada polo Ministerio de Sanidad de data 12 de maio”. Segundo o Sergas, xa só hai 1.199 casos activos de coronavirus, mentres que nas últimas 24 horas se rexistraron só dez diagnósticos novos por probas PCR, as máis fiables, e faleceron dúas persoas, unha delas residente dun centro socioasistencial.

A Consellería de Sanidade di que a revisión de casos débese a que se están a dar agora altas de contaxios do pico da pandemia e que había altas de profesionais sanitarios pendentes de contabilizar malia que xa están incorporados de novo ao traballo

Este sábado, tras incrementar notablemente os casos resoltos comunicados e advertir o Ministerio de Sanidade de que revisaría a serie de datos remitida pola Xunta, a Consellería de Sanidade aclarou a Praza.gal matices non incluídos na nota de prensa diaria coa que divulga as súas cifras.

Segundo o Sergas, “no descenso de casos activos, coinciden dous factores. Por unha banda estanse dando un número importante de altas correspondentes aos casos contaxiados no pico da pandemia” e “ por outra banda iniciouse a revisión dos casos de profesionais que aparecían pendentes de alta” ao comprobarse que “existían unha serie de casos en que existe xa unha PCR negativa posterior a un test que precisaba confirmación”, polo que se o profesional xa está incorporado de novo ao traballo deixou de consideralo como un caso activo. Os datos de casos activos en profesionais sanitarios a que se refire Sanidade non son públicos máis alá de declaracións puntuais ao respecto de responsables políticos da Xunta.

Con este pano de fondo, este domingo a Xunta situou en 1.199 os casos activos, cifra que no ascenso da curva superárase o 24 de marzo. Son uns oitocentos casos activos menos que os algo máis de 2.000 que notificara hai só dous días, o venres 15, tres días despois da “última definición de caso” publicada polo ministerio a que fai referencia a Consellería.

A incidencia nos últimos 14 días pasou dos 17,6 casos por 100.000 habitantes do venres a 7,93 casos este domingo, e de cinco a dez casos por baixo da media estatal

A incidencia da enfermidade nos últimos 14 días, considerado como período de incubación, volveu reducirse este domingo a 7,93 casos por cada 100.000 habitantes, dez menos que na media estatal, tras caer notablemente este sábado, coa masiva introdución de casos resoltos, desde a incidencia de 17,6 casos que se rexistraba o venres, só cinco puntos por baixo da estatal.

Hai 94 persoas en hospitalización xeral e 18 en coidados intensivos

Segundo os datos do Sergas que fai públicos o ministerio, no último día só tres doentes requiriron ingresar nun hospital, e non se produciu ningún novo ingreso en UCI senón que houbo saídas, de xeito hai 94 persoas en hospitalización xeral e 18 en coidados intensivos.

Canto á situación nas residencias sociosanitarias, a Xunta considera que hai actualmente activos 164 casos entre persoas residentes, catro menos que un día antes, e 122 entre o persoal, doce menos que na xornada anterior.

Por áreas sanitarias, tras a caída considerable de casos deste sábado especialmente na Coruña e Santiago, este domingo súmase ao descenso salientable Ourense, que se o venres rexistraba 320 casos, pasou a 277 o sábado e 209 este domingo. Iso fai que a súa incidencia actual, os casos activos por cada 100.000 habitantes, da que viña sendo con diferenza a área máis afectada caia aos 68,49, achegándose aos 61,17 da área de Vigo. Esta última segue a ser a que máis casos totais presenta, con 401 activos. Do mesmo xeito, as revisións feitas pola Xunta nos dous últimos días fan que a área de Santiago pasase de ser o venres a segunda máis afectada canto á incidencia, por tras da de Ourense, a ser agora a antepenúltima, só por diante de Ferrol e Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.