A Consellería de Educación publicou hai uns días currículos escolares para o ensino secundario que se aplicarán en Galicia desde o vindeiro curso. Neste deseño foi moi criticada a supresión da materia de Xeografía e Historia de Galicia como optativa no Bacharelato. Porén, os currículos presentados pola Xunta recolleron nos últimos días máis críticas, por exemplo as dos docentes de música e de economía, que tamén denuncian a relegación destas materias na secundaria.
"Producirase un baleiro de materias de contido, non só musical, senón artístico en todo o Bacharelato que consideramos totalmente inadmisible no contexto social actual", di Asomúsica
A Asociación de profesores de Música de Secundaria de Galicia (ASOMÚSICA) subliña a súa "preocupación"polo "trato" á materia de Música en Secundaria e Bacharelato no currículo escolar presentado pola Consellería o pasado venres. A entidade denuncia que "por primeira vez desde 1991 non se pode ofertar ningunha materia de Música en Bacharelato como optativa" e sinala que "a única posibilidade que contempla esta proposta é ofertar as materias propias da modalidade do Bacharelato de Artes como optativas no Bacharelato Xeral, nos escasos centros onde se poidan ofertar as dúas modalidades (se é que hai algún)".
O borrador do Decreto presentado pola Consellería non inclúe ningunha materia optativa autonómica relacionada coa economía no Bacharelato, denuncia Agaedes
Conclúen que se "producirá un baleiro de materias de contido, non só musical, senón artístico en todo o Bacharelato que consideramos totalmente inadmisible no contexto social actual" e chaman a atención sobre o feito de que isto se produza "nesta época onde a educación emocional, o traballo colaborativo e a creatividade deberían ser a base do noso sistema educativo, elimínanse as materias que máis as traballan".
Sinalan que isto provocará que o alumnado galego "careza dos coñecementos necesarios para interpretar unha factura da luz nin de comprender as consecuencias da inflación"
As críticas chegan tamén dende a Asociación Galega de Ensinantes de Economía de Secundaria (AGAEDES), que hai uns días subliñou a súa "inquedanza" sobre a formación económico-financeira que recibirá o estudantado. A entidade critica que "o borrador do Decreto presentado pola Consellería non inclúe ningunha materia optativa autonómica relacionada coa economía no Bacharelato, xa que elimina a materia de 'Fundamentos de Administración e Xestión' e non oferta as materias propostas dende esta asociación, como 'Finanzas, consumo responsable e sustentabilidade' (primeiro ciclo da ESO) ou 'Educación financeira' (3º de ESO).
A asociación sinala que isto provocará que o alumnado galego "careza dos coñecementos necesarios para desenvolverse con soltura no contexto actual, non sendo capaz de interpretar unha factura da luz nin de comprender as consecuencias da inflación, elaborar un orzamento familiar, relacionarse co sistema bancario ou de entender novas económicas de interese".
"Esmorecemento paulatino" das materias clásicas
"Cada ano chega menos alumnado" ás materias clásicas, todas elas optativas, "arrastrado por unha cultura practicista, tendente a dar valor unicamente ao inmediatamente rendible", critica SEECGalicia
De igual xeito, hai unhas semanas o profesorado de Clásicas de Galicia (o Latín, o Grego e a Cultura Clásica), agrupado na Sociedade de Estudos Clásicos de Galicia (SEECGalicia), puxo en marcha unha campaña para visibilizar as súas materias e amosar á sociedade a necesidade de non perder os estudos humanísticos na educación secundaria.
A entidade afirma que "cada ano chega menos alumnado ás aulas destas materias, todas elas optativas, arrastrado por unha cultura practicista, tendente a dar valor unicamente ao inmediatamente rendible e que considera todo o que non sexa ciencia ou tecnoloxía coñecementos de segunda categoría". E critica que "este esmorecemento paulatino vaise acentuar coas propostas curriculares da LOMLOE".