Dous novos diagnósticos de coronavirus en Galicia e outra semana sen mortes pola doenza

CC-BY-NC-SA Praza Pública

A pandemia do coronavirus SARS-CoV-2 transita polos seus niveis máis baixos dende a aparición dos primeiros casos en Galicia, detectados no país nos primeiros días de marzo pero algúns deles con síntomas dende comezos de febreiro, segundo a serie pública actualizada polo Ministerio de Sanidade. O departamento estatal dá conta este xoves de dous novos diagnósticos da doenza nas últimas vinte e catro horas en Galicia, o que mantén a súa incidencia das últimas dúas semanas -casos novos por cada 100.000 habitantes- en niveis inferiores a 1.

O Ministerio dá conta de apenas 23 diagnósticos novos en Galicia nos últimos 14 días, 9 deles na última semana. Destes nove, só catro teñen sinalada como data de inicio de síntomas os últimos sete días. A serie estatal mantén conxelado o cómputo total de falecementos para todo o Estado dende hai máis dunha semana, se ben neste período segundo o Sergas non houbo novas mortes en Galicia.

A cifra de falecementos ligados á covid-19 en territorio galego segue sendo de 619 persoas. O último falecemento foi notificado o día 11. Nos sete días anteriores tampouco se producira ningún.

O cómputo de "activos" sobe en 2 e o de "curacións", en tres

A Xunta, pola súa banda, segue a ofrecer o seu cómputo de "positivos activos". Despois de introducir a pasada semana máis dun cento de "curacións" dun golpe, esa cifra aumentou dúas veces na última semana, pero moi levemente. 

O número de "positivos activos" que indica a Xunta aumenta en dous casos pero a suma dos positivos comunicados polo Sergas dende o inicio incorpora cinco casos novos

Este 18 de xuño aumenta en dous casos -de 341 a 343-, pero iso non quere dicir que inclúa dous casos novos. Non en van, a cifra acumulada de todos os casos incluídos nos comunicados do Sergas dende o comezo da pandemia inclúe 5 casos novos, ata os 11.468. Os tres restantes poden ser os tres casos nos que aumenta o número de persoas illadas a domicilio -de 334 a 337-, os tres casos nos que aumenta o número de "curacións" -de 10.503 a 10.506-, dous "curados" e un novo positivo ou viceversa. Ao non existir serie pública de datos do Sergas, que non detalla directamente os casos novos, non é posible sabelo con exactitude.

Son as principais cifras dunha xornada na que o Sergas indica que xa procesou 162.562 probas PCR dende o comezo da pandemia. Son 1.367 máis que un día antes. Mentres, no que atinxe á poboación hospitalizada, quedan 6 persoas ingresadas nos hospitais con test positivo -unha menos- e en illamento domiciliario están tres máis que un día antes e agora son as devanditas 337.

Por áreas sanitarias, o incremento neto de dous positivos activos corresponde ás de Lugo e Santiago, cun caso máis cada unha. Ao non indicar o parte do Sergas a área de procedencia das "curacións" nin dos casos novos non é posible coñecer máis detalles ao respecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.