Dous novos diagnósticos, unha morte e unha soa persoa na UCI polo coronavirus en Galicia

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Ás portas de facerse tres meses dende que foi confirmado o primeiro positivo de coronavirus en Galicia, a pandemia segue un ritmo de ralentización. Aínda que os datos de novos casos coñecidos este mércores non son tan bos como os das tres xornadas anteriores, sen casos novos diagnosticados e sen falecementos, as cifras ofrecidas este 3 de xuño polo Ministerio de Sanidade no relativo a positivos novos -o Servizo Galego de Saúde non difunde ese dato, malia remitirllo ao Estado- seguen en mínimos. Son apenas dous diagnosticados no día previo, no que o Sergas deu conta dun novo falecemento.

Foron diagnosticados en Galicia apenas 64 casos novos nas últimas dúas semanas e deles, só 12 teñen a data de inicio de síntomas nese período

Mentres nos hospitais galegos só queda unha persoa na UCI -no CHUS compostelán- con test positivo de coronavirus, o cal non sucedía dende o comezo da pandemia, as cifras que ofrece o Ministerio relativas aos diagnósticos dos últimos 7 e 14 días tamén apuntan á ralentización. Foron diagnosticados en Galicia apenas 64 casos novos nas últimas dúas semanas e deles, só 12 teñen a data de inicio de síntomas nese período. No que atinxe á última semana, os novos positivos detectados son apenas 13, só tres con comezo dos síntomas neses sete días.

O Ministerio de Sanidade indica que continúa a realizar "unha validación individualizada dos casos", a cuxo remate divulgará unha nova serie histórica completa -o Goberno central asegurou prever poder facelo esta semana- e aberta, como a que viña actualizando ata o 20 de maio, pero adaptada ao novo protocolo. 

Cando a publique será posible coñecer a asignación de casos por día tamén para Galicia, xa que a Xunta non contempla divulgar a súa serie. Polo momento, os gráficos dos partes diarios do Ministerio -ata a fin da actualización, sen formato aberto- tamén constatan que o número novo de casos dos últimos días é mínimo. Nese momento poderase saber tamén a cando corresponden os casos que a Xunta segue incorporando aos seus datos e corresponden a días pasados -12 este 3 de xuño- e se son ou non positivos en tes de anticorpos, como semella.

Os positivos activos dos que informa a Xunta baixan dos 700 e as persoas que o Sergas dá por curadas superan as 10.000; os pacientes falecidos coa covid-19 son 617

A Xunta, pola súa banda, segue manexando como indicador de referencia os habituais "positivos activos", sen serie histórica nin detalle dos novos casos do día. Ese total de positivos activos continúa baixando e agora está en  678, 29 menos que un día antes. Mentres, as persoas que a Xunta dá por "curadas" superan por primeira vez o limiar das 10.000 e quedan en 10.333; 42 máis que o día anterior. 

Nesta xornada si se rexistra un novo falecemento e o total chega ás 617 persoas. Delas, 273 viviran en residencias de maiores e persoas en situación de dependencia. O Ministerio, no marco da devandita revisión de datos, indica que os falecementos certificados pola covid-19 en Galicia son 609.

Estas cifras prodúcense nunha xornada na que o número de probas PCR realizadas en Galicia chega ás 145.644, segundo o Sergas. Son 1.418 máis que o día anterior.

Sen novas hospitalizacións e só unha persoa na UCI

A ralentización da pandemia ata os seus niveis mínimos tres meses despois percíbese tamén -e sobre todo- nos hospitais. Os datos do Ministerio indican que na última xornada non se rexistraron novas hospitalizacións e a información do Sergas indica que este 3 de xuño só queda unha persoa ingresada na UCI, onde chegou a haber 177 con test positivo de coronavirus, o pasado 4 de abril.

As persoas ingresadas 'en planta' son 28, unha máis que a xornada anterior

No que atinxe á hospitalización ordinaria -en planta-, a cifra de persoas con test positivo aumenta nunha soa. Pero dado que o Ministerio indica que non houbo novas hospitalizacións nas últimas vinte e catro horas, cabe deducir que se trata dunha persoa previamente hospitalizada. O Sergas non aclara este extremo nos seus datos.

No que atinxe ás persoas illadas a domicilio con test positivo de coronavirus, este 3 de maio tamén seguen baixando e quedan en 678 (29 menos). Entre elas atópanse 34 residentes de centros de maiores e dependentes, dous menos que no día anterior.

Maior redución na Coruña, maior número de activos en Vigo

Por áreas sanitarias, e coma sempre sen a referencia dos datos estatais -que só chegan ao nivel autonómico-, a maior redución de positivos activos sitúase na área da Coruña-Cee, con 11 menos. En ningunha delas aumenta e dúas permanecen co total sen cambios, Ferrol e Lugo. Dado que o falecemento da última xornada se rexistrou en Lugo, é posible deducir que un dos dous novos diagnósticos da última xornada foi nesa área, aínda que o parte xeral do Sergas non o aclara. A área con máis casos e maior incidencia de positivos activos segue sendo a de Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.