Dúas mortes con coronavirus no día con menos novos positivos e menos probas PCR en Galicia dende marzo

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O ritmo da pandemia, agora si, volve enlentecer en Galicia. É o que cabe concluír da combinación de datos publicados este martes polo Ministerio de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde -a fonte de ambos é a Consellería de Sanidade- referentes á evolución da covid-19 en Galicia. Segundo a información coñecida este martes, pechada no serán do luns, este pasado 11 de maio foi o día con menos diagnósticos de coronavirus mediante proba PCR dende os primeiros días da pandemia e tamén a xornada en que menos test deste tipo, os máis precisos, se realizaron en practicamente dous meses. Todo, con dous falecementos máis rexistrados.

O Sergas comunicou 11 novos diagnósticos de covid-19 mediante probas PCR e 57 máis en test de anticorpos; o número de novos diagnósticos nun día é o menor en máis de dous meses

O Ministerio de Sanidade indica que nas últimas vinte e catro horas agromaron 11 novos positivos confirmados mediante PCR en Galicia -a Xunta dispón deste dato e transmíteo ao Estado, mais non o publica-. É a cantidade máis baixa nun día dende o 10 de marzo, antes do estado de alarma e da emerxencia sanitaria, cando foran detectado 12 casos nun día. Na mesma xornada, a Xunta comunicou ao Ministerio o resultado positivo de 57 test de anticorpos máis; estas probas son menos precisas e indican a posibilidade dun contacto coa infección hai máis tempo e non se corresponden cun diagnóstico. [Galicia, á cabeza do Estado en opacidade na difusión de datos sobre o coronavirus]

Esta baixada sostida no número de novos casos tras o incremento experimentado a pasada semana permite que Galicia chegue á media estatal nun dos indicadores clave no desconfinamento, a incidencia acumulada -novos casos por cada 100.000 habitantes- nas últimas dúas semanas. Tras superar a cifra estatal durante varios días, este martes o valor galego volve descender e iguala exactamente ao estatal, en 27,93.

Os falececementos con coronavirus en Galicia chegan aos 595, dous máis; deles, 269 seguen sendo de persoas que viviran en residencias de maiores

Mentres o número de novos casos se modera, tamén o fai o indicador que a Xunta segue a manexar, o dos "positivos activos", cuxa tendencia apenas é relevante para coñecer a evolución da pandemia dende o seu inicio por mor da ruptura da serie a finais de abril mediante a introdución de 3.552 "curacións" sen referencia temporal. Os "positivos activos" son agora 2.322; 309 menos que un día antes -unha caída superior ao 11%, a superior dende o inicio do novo cómputo-. 

O acumulado de persoas que deron positivo en Galicia chega xa ás 10.737 e o de falecementos coa covid-19, aos 595. Son dous máis que un día antes e ningún deles se corresponde con persoas que viviran en residencias de maiores. As usuarias destes centros falecidas en Galicia con coronavirus dende o inicio da pandemia seguen sendo 269.

Mentres, o que o Sergas indica como "curacións" e o Ministerio, como infeccións "resoltas" -porque inclúen tamén test de anticorpos de persoas que non pasaron un proceso de enfermidade- volven aumentar en termos absolutos máis do que baixan os devanditos positivos activos. Son 375 máis para un total de 7.820 nun momento en que o cómputo está a piques de volver cambiar por mor das novas instrucións do Ministerio, que como nas anteriores mudanzas non atinxen en absoluto ao xeito en que a Xunta decide divulgar ou non á cidadanía os seus propios datos. [Os centros de saúde deberán facer unha proba a todo caso sospeitoso de coronavirus nas primeiras 24 horas de síntomas]

Mentres agroman menos casos novos, tamén enlentece a realización de novas probas PCR, un indicador que é coñecido a través do Sergas e non do Ministerio. Sanidade informa de que xa realizou 117.001 destas probas, o que implica que por primeira vez dende o 26 de marzo foron procesadas menos de 1.000. Ademais, supón afondar nunha curva descendente que xa dura dez días.

A baixada no número de probas PCR -cada paciente pode precisar máis dunha- e tamén no número de novos casos implica que a relación entre ambos indicadores non experimente excesivas variacións. Así, por exemplo, os 11 novos casos da covid-19 que veñen de ser diagnosticados equivalen a menos do 2% das probas PCR realizadas. O número acumulado de positivos mediante PCR en Galicia chega agora aos 9.291, mentres que os test de anticorpos positivos se sitúa en 1.446. 

Tres novas hospitalizacións e pronunciado descenso dos positivos hospitalizados

Tras o incremento do pasado luns, o número de persoas hospitalizadas con test positivo de coronavirus descenden un 11% en Galicia, o maior decrecemento nun día dende o comezo da pandemia

Outro indicador que regresa á senda descendente este 12 de maio en Galicia é o de número de persoas hospitalizadas con diagnóstico positivo de covid-19. Despois do incremento rexistrado o pasado luns -o maior en dous meses-, este martes o total de persoas hospitalizadas con positivos do coronavirus descenden en 25, unha mingua superior ao 11% que é, en termos porcentuais, a maior dende o comezo da pandemia. Cómpre ter en conta, non obstante, que persoas que deran positivo e foran hospitalizadas poden seguir ingresadas tras daren negativo, pero desaparecen da estatística.

O Ministerio de Sanidade aclara que as novas hospitalizacións en Galicia nestas últimas vinte e catro horas son escasas, só 3, e ningunha delas en unidades de coidados intensivos. Así, as persoas na UCI con positivo por covid-19 son agora 25 -unha menos- e as ingresadas en unidades ordinarias -en planta- quedan en 166 -25 menos-. Mentres, as persoas que seguen dando positivo e están en illamento domiciliario son agora 2.131, un 11%  menos; entre elas, están 132 persoas que residen en centros  de maiores.

Forte descenso de positivos activos na área da Coruña

Por áreas sanitarias, a única referencia sobre a evolución da pandemia segue sendo o número de "positivos activos" que indica a Xunta, toda vez que a estatística estatal non vai máis alá do nivel autonómico e os datos do Sergas, en formato pechado, non permiten aclarar cantos casos novos hai por cada área, hospital ou concello.

Partindo desta cautela, a devandita baixada de positivos activos atinxe este martes especialmente á área da Coruña, con 76 casos menos. O Sergas tamén reflicte fortes caídas na área de Santiago (-56) e na de Ourense (-43), que así e todo segue a ser a que presenta maior incidencia -positivos activos por cada 100.000 habitantes- no conxunto de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.