"En Pontevedra vai todo unido: recuperar a natureza, gañar espazos de calidade, poñer as persoas no centro"

Recreación virtual do Río Gafos tras a súa renaturalización © Concello de Pontevedra

Pontevedra está a levar a cabo unha actuación "única en todo o Estado" para recuperar o río Gafos, que no ano 1970 foi tapado nun treito de máis de 500 metros. Falamos co concelleiro César Mosquera sobre o proceso co que a cidadanía gañará un espazo público de calidade. Un parque fluvial 

Pontevedra converteuse nas últimas dúas décadas nun referente en todo o planeta pola súa política de mobilidade: a cidade sen coches que namora a veciñanza e visitantes. A clave destas actuacións non era tanto a limitación de vehículos como a creación de espazos de calidade para as persoas, un modelo Pontevedra que, como destacaba nesta entrevista Xosé Manuel Tato, director xeral da Área de Urbanismo e Servizos Xerais, "non consiste en grandes obras, senón en pequenas accións que transforman un lugar concreto". A mobilidade era só unha pata máis nunha política integral que poñía no cerne o benestar da cidadanía.

Nestes momentos a cidade de Pontevedra está inmersa nun proxecto de transformación único no Estado español. O río Gafos, que foi cuberto en 1970 nun treito de máis de 500 metros no barrio de Campolongo, vai emerxer á superficie, de fluír soterrado a dar vida a un parque fluvial que cambiará por completo a contorna, coa recuperación da vexetación de ribeira, novas zonas verdes e espazos recreativos. Trátase dunha intervención cun orzamento de 4,6 millóns de euros que ten un prazo de execución de doce meses.

"Unha actuación como a que se fixo hai cen anos podía ser mesmo entendible, porque había outras concepcións urbanísticas, sanitarias... Pero non cando se fixo, nos anos 70. É unha mostra máis do terríbel atraso no que nos meteu o Franquismo", di Mosquera

A historia do río Gafos é equiparable á que tiveron outros cursos de auga en moitas cidades de todo o mundo. Aí está, por exemplo, o caso do Monelos na Coruña, do Lameira en Marín ou do Lagares nun treito en Vigo en Balaídos. Non é unha historia exclusiva, pero si pode chamar a atención o momento en que se levou a cabo a cobertura entre as actuais rúas Alcalde Hevia e Xeneral Rubín.

"Unha actuación como a que se fixo hai cen anos podía ser mesmo entendible, porque había outras concepcións urbanísticas, sanitarias... Pero non cando se fixo, nos anos 70. É unha mostra máis do terríbel atraso no que nos meteu o Franquismo", destaca en conversa con Praza.gal César Mosquera, concelleiro de Mobilidade e responsable da área de Mellora Urbana en Pontevedra. "Fíxate que nese momento se estaba asinando o Convenio Ramsar", apunta, en referencia ao tratado internacional de protección de zonas húmidas.

"Tentamos leva adiante este proxecto en 2001. Pero a aceptación social era mínima naquel momento. Había unhas dinámicas sociais que hoxe están moi cambiadas", apunta

Aquela actuación tapou con cemento un treito importante do río e ocultou a súa memoria. O Gafos e a súa ribeira fóra durante séculos un elemento fundamental para cidade de Pontevedra, con muíños e lavadoiros, e un espazo de recreación para toda a cidadanía, especialmente para os máis novos, que o converteran na súa zona de xogo. Pero a súa cubrición era vista como unha actuación de progreso, 

"A percepción social foi cambiando, afortunadamente", destaca Mosquera. "Nós este proxecto tentámolo levar adiante xa a comezos de século, polo 2001 ou 2002. Pero a realidade é que nese momento a aceptación social era mínima", di, e engade que hai dúas décadas "era un momento no que, ademais, por esta mesma percepción social, se usaban moito máis as prazas duras, de cemento, que as prazas brandas, os espazos verdes". 

"Había unhas dinámicas sociais que hoxe están moi cambiadas. A xente seguía a entender que ter esa cuberta dura enriba do río era un avance. Hoxe en cambio a maioría da poboación entende que iso non é un avance, senón un retroceso, e que hai que volver á esencia", salienta. O mesmo destacou hai uns días o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores: “A xente é intelixente e valora os proxectos que melloran as súas vidas”.

"O medio ambiente humano basicamente son as cidades e a vilas, ese é o noso medio ambiente no noso día a día. Entón temos que preguntarnos como podemos lograr unha maior calidade de vida. E aí entendes o que estamos a facer en Pontevedra", destaca Mosquera

“Antes tiñamos medo do monte. Era o lugar do lobo, do ogro, da oscuridade (...) Polo contra, sentíamonos seguros nas casas, na vila e no barrio. A volta de poucas décadas cambiou todo (...) por unha banda a cidade perdeu o seu ser, volveuse perigrosa e xurdiron os verdes, a reivindicación do verde, o monte. O monte 
volveuse bonito e luminoso; a cidade volveuse fea, gris, hostil, perigrosa e monstruosa”. O pedagogo Francesco Tonucci detallou en A cidade dos nenos (1997) un novo xeito de pensar as cidades nas que habitamos, na procura de xerar nelas espazos máis amables para todos, con máis benestar para a cidanía. Ese é o espírito deste proxecto e, en xeral, da política que vén desenvolvendo o Concello de Pontevedra.

"Non se pode desligar a política de mobilidade que levamos desenvolvendo dende 1999 con actuacións coma esta", explica Mosquera. "Sempre que imos por aí fóra pregúntanos sobre todo pola mobilidade, pola cidade sen coches... Todo iso está moi ben, pero estamos a desenvolver tamén un traballo moi importante de recuperación do medio ambiente, de renaturalización. E todo vai unido", di.

"Hai cuestións que estamos facendo en Pontevedra que quedaron relegadas a un segundo plano pola primacía que a nivel público ten a nosa política de mobilidade. Pero é que vai todo unido: recuperar a nosa natureza, recuperar espazos para as persoas, poñer as persoas no centro"

"O medio ambiente humano basicamente son as cidades e a vilas, ese é o noso medio ambiente no noso día a día. Entón temos que preguntarnos como podemos lograr unha maior calidade de vida. E aí entendes o que estamos a facer en Pontevedra", destaca o concelleiro. "Hai cuestións que estamos facendo en Pontevedra que quedaron relegadas a un segundo plano pola primacía que a nivel público ten a nosa política de mobilidade. Pero é que vai todo unido: recuperar a nosa natureza, gañar espazos de calidade, poñer as persoas no centro, organizar a cidade de maneira que a mobilidade sexa amable para as persoas e para que o tráfico non sexa un problema e non estrague a cidade", engade. 

Neste senso, Mosquera aos "milleiros" de árbores plantadas na zona urbana do concello ou a outro dos proxectos máis queridos polo seu departamento: a recuperación da Xunqueira da Gándara. "Estamos traballando para extinguir as concesións que aínda existen no lugar [hai uns días Costas cedeu ao Concello o predio que ocupaban o parque de maquinaria e a imprenta provincial], liberar o lugar e recuperar o espazo. É unha zona na que, mesmo en tempos recentes, cando xa se sabía que ese non era o camiño, se fixeron construcións irracionais", di.

Recreación virtual do Río Gafos tras a súa renaturalización ©

"Non hai en todo o Estado unha intervención como a que imos facer no Gafos. O que se fixo en Madrid Río está moi ben, pero o Manzanares non estaba tapado. Se outros o fixeran, en Vitoria, en Madrid..., seguro que eran quen de vendelo mellor e todo o mundo o aplaudiría, mesmo en Galicia. Pois ben, aquí estamos a facelo nós"

"A clave é quererlle ao noso territorio e buscar vivir o mellor posible dentro da nosa nación", conclúe Mosquera. 
"O que fixemos en Pontevedra só o podiamos facer porque somos nacionalistas. A ninguén se lle pasaba na cabeza ter un modelo urbano que é referente en todo o planeta. Outros dirían: 'hai que mirar o que se fai en Amsterdam, o que se fai en Copenhage...'. Está claro que hai hai que saber o que se fai noutros lugares, pero pé que non somos nós capaces de facer algo propio? Alguén que sexa dunha forza política que non ten fe en Galicia non pode facelo", defende.

E apunta: "non hai en todo o Estado unha intervención como a que imos facer no Gafos. O que se fixo en Madrid Río está moi ben, pero o Manzanares non estaba tapado. Se outros o fixeran, en Vitoria, en Madrid..., seguro que eran quen de vendelo mellor e todo o mundo o aplaudiría, mesmo en Galicia. Pois ben, aquí estamos a facelo nós".

"A clave é quererlle ao noso territorio e buscar vivir o mellor posible dentro da nosa nación", conclúe Mosquera

O resultado verémolo nuns meses, ao redor dun ano. "Haberá que agardar a que medre despois a vexetación e se consolide o novo espazo", apunta Mosquera, que destaca que neste proxecto o concello puxo "todo o traballo, o empuxe e o cariño para que fose o máis ambiciosa e axeitada posible". Ao cabo, como sucede sempre con calquera actuación urbanística, será a veciñanza a que dará nova vida e novos usos a ese lugar.

Como tamén escribiu Tonucci en A cidade dos nenos, “un lugar degradado poderase dignificar e devolver ao xogo creativo dos nenos, ao descanso relaxado dos vellos ou ao encontro dos namorados”. Pontevedreses e pontevedresas gañarán un parque, un espazo público de paseo e lecer, recuperarán o seu río.

Recreación virtual do Río Gafos tras a súa renaturalización © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.