"As alternativas de ocio contribúen de forma xeral a crear entre a propia mocidade unha imaxe positiva do lugar onde viven", asegura a deputada responsable da área de Mocidade da Deputación de Lugo, Mónica Freire, que debulla algunhas iniciativas clave do mandato
Consolidar unha provincia de Lugo para a mocidade require de “políticas serias e transversais”, para a deputada provincial Mónica Freire (BNG), responsable da área de Mocidade da Deputación de Lugo, destaca “a importancia que ten a dotación de infraestruturas e servizos que aseguren o acceso a prestacións básicas como poden ser a educación, a sanidade e os coidados, mais tamén o ocio ten un papel protagonista e desde as institucións debemos garantir que a mocidade de vilas e de contornas rurais dispoña destes espazos públicos que favorezan a actividade física, a socialización ou a autonomía”.
Unha das accións máis destacadas da área de Mocidade neste mandato é a creación dunha vía ciclista que transcorre polo litoral de Ribadeo paralela á Rede Natura, que se abre á ría e que une a Illa Pancha coa vila. Neste espazo os vehículos tiñan demasiado protagonismo antes de que se completase esta actuación que, segundo explica o arquitecto responsable do proxecto Carlos Longarela, tivo como maior reto “que a transformación respectase a xeografía cunha reelaboración da conexión do pasado (a Vila), o presente (o porto) e o futuro (zona de lecer); en definitiva, o colectivo a partir dunha mirada contemporánea e respectuosa mediante un espazo compartido entre os peóns, as bicicletas e os vehículos”.
Mónica Freire explica que desde Mocidade complementaron e reforzaron o traballo que se vén facendo na propia vila de Ribadeo para crear espazos públicos pensados para as persoas coa peonalización dalgunhas rúas que se vén facendo desde hai anos ou coa sinalización de zonas seguras –que chaman zonas cativas– nas contornas escolares. “Neste sentido, a vía ciclista estende a aposta polas zonas públicas accesibles e que tamén son seguras formando parte desta rede de espazos de mobilidade activa que o Concello de Ribadeo está a reforzar con estes proxectos”, sinala a deputada e concelleira de Benestar e Obras en Ribadeo.
"É un espazo ao carón do mar e cunhas vistas privilexiadas, o que fixemos agora é convertelo nun espazo cómodo e seguro con treitos de carril bici e outros compartidos de prioridade ciclista", salienta Freire
O propio carril bici, como salienta o arquitecto Carlos Longarela, é “un elemento de sostibilidade e preservación do medio ambiente” que se adecúa aos lugares de especial interese paisaxístico da zona e potencia a ría de Ribadeo, creando “un lugar de lecer que comunica a Illa Pancha coa vila, conseguindo unha relación do interior da ría co exterior”. Longarela apunta que o máis complicado na execución do proxecto foi “adecuarse ao emprazamento, intentando ser partícipes na construción e revalorización da paisaxe e de elementos arquitectónicos coma O Cargadoiro ou o Forte de San Damián, mediante un proxecto orgánico”.
A construción do carril bici de Ribadeo completouse hai poucas semanas, pero o proxecto implicou á veciñanza desde o comezo. “A xente estaba ávida de poder gozalo porque entendían que ía mellorar a zona. É un espazo ao carón do mar e cunhas vistas privilexiadas, o que fixemos agora é convertelo nun espazo cómodo e seguro cunha nova configuración, con treitos de carril bici e outros compartidos de prioridade ciclista. O que nos chega a nós hoxe son valoracións moi positivas porque a poboación percibe a mellora das actuacións de calmado de tráfico e a implantación de zonas de mobilidade activa”, afirma Mónica Freire.
"O lecer contribúe a que a mocidade teña unha imaxe positiva de onde vive"
“Entendemos que as alternativas de ocio contribúen de forma xeral a crear entre a propia mocidade unha imaxe positiva do lugar onde viven”, agrega Freire, que vén colaborando con numerosas asociacións que impulsan proxectos de marcado interese social. “Neste mandato apoiamos a asociacións como Fanto Fantini, organizadores do festival Osa do Mar de Burela, que xa ten unha traxectoria consolidada. Outra iniciativa Festival das Minas da Pontenova, que xa contaba cun apoio anterior ao que quixemos dar continuidade. Algo que fixemos de maneira proactiva foi apoiar o programa ‘Medrar desde o lecer’, da asociación Camiña, que tamén actúa na comarca da Mariña dedicando parte do seu traballo a garantir un ocio para persoas con diversidade funcional”, debulla a deputada
Para explicar a importancia dese apoio económico que están a levar a cabo desde a Deputación, Mónica Freire incide en que a continuidade dos proxectos no tempo “é a que facilita que ao seu arredor se consolide unha actividade cultural e creativa que vaia máis aló das datas concretas nas que se celebran estas actuacións e que vinculan ás persoas, neste caso á mocidade, co seu concello”. Neste sentido, Diego Campo, presidente de Fanto Fantini, relata como arredor do festival Osa do Mar creouse un vínculo “con xente de outras entidades culturais e deportivas”, ademais doutra veciñanza de Burela, pero non só, que se ofrece para axudar con todos os labores de produción e realización necesarios para sacar adiante o evento.
"Cada ano notamos máis que a xente da Mariña está moi implicada", asegura Diego Campo, do festival Osa do Mar
“A maioría da asistencia é xente de fóra de Burela, pero cada ano notamos máis que a xente da Mariña está moi implicada e de acordo coa proposta”, di Campo, que explica como o carácter ecléctico en canto a estilos musicais que ten o festival faino accesible a un público moi amplo. O Osa do Mar xa é unha referencia consolidada coas súas oito edicións –de feito, xa avanzou parte do cartel para 2023– coa súa aposta “moi pronunciada” polas bandas emerxentes e galegas.
Diego Campo conta que para que o festival vaia cara arriba e siga medrando ano tras ano é imprescindible o apoio institucional. “Sen ese apoio non poderiamos seguir. Desde a primeira edición sempre se mantivo e para nós é fundamental”, asevera. Pois con esta iniciativa pretenden darlle visibilidade a Burela, sempre organizan un concerto no barco-museo e buscan ensinarlle á xente o porto, “a esencia da vila”, e as praias próximas. “Cando imos falar do festival a outras vilas, a xente nova dános a noraboa e dinos que xa lles gustaría que no seu pobo houbese algo así, e iso é algo que nos dá as ganas de seguir”, asegura o presidente da asociación Fanto Fantini.